Tomás Hermelo concelleiro de Avante Candidatura Veciñal en Cangas

Tomás Hermelo concelleiro de Avante Candidatura Veciñal en Cangas

Despois da inapelable vitoria da esquerda canguesa nas eleccións do 2019 viñeron 4 anos nefastos cuxo corolario foi a morte temperá do compañeiro, camarada e amigo Xosé Manuel Pazos. A situación política de Cangas, neste mandato que remata,xa me fixo pasar polas cinco fases máis comúns do dó: a negación, a ira, a negociación a depresión e a aceptación. E como a realidade é a que é, non queda outra que afrontala de maneira que xa non é tempo de análise do pasado senón, polo menos pola miña banda, de desexar sorte á esquerda real do pobo de Cangas: ACE, BNG e AVANTE para que teñan a intelixencia emocional necesaria que permita evitar o que sería un desastre para a vila: que Sotelo e a dereita reaccionaria do PP, e posiblemente de Vox, recuperen alcaldía de Cangas. Desta volta falamos cun representante do que debera ser un dos actores imprescindibles na conformación dun necesario goberno de esquerdas; Tomás Hermelo concelleiro de Avante candidatura veciñal.

En relación a Avante, como sabes, nós somos unha organización asemblearia e todas as nosas decisións tómanse de maneira colectiva e escrupulosamente democrática. Pronto teremos que xuntarnos e ver que facemos nas vindeiras eleccións.

Se me preguntas pola miña opinión persoal eu entendo que toda a esquerda do PSOE deberamos presentar unha candidatura de unidade. No caso contrario hai serio risco de que a dereita reaccionaria recupere a alcaldía da nosa vila.”

Eu traballo 32 concellos, creo que teño máis ou menos controlada a situación política de todos agás dun do que me confeso incapaz de facer ningún tipo de prognóstico nin nada que se lle pareza. A ver se sabes a que Concello me refiro?

Supoño que a Cangas

Pois si, vaia lea tedes alí montada. Valórame este mandato que está a piques de rematar?

Ben, este mandato foi moi complexo. Tivemos , como todos os demais, unha situación de pandemia que mediatizou en grande medida a acción política e no caso de Cangas houbo que afrontar un cambio na alcaldía polo falecemento de Xose Manuel Pazos

A morte de Pazos foi a espoleta para a ruptura do bipartito ACE- PSOE?

O que está claro é que esa ruptura produciuse a raíz do falecemento do alcalde.

Na votación que lle deu a alcaldía a Vitoria Portas vós abstivéstevos . Por que?

Nós xa votaramos a favor da investidura de Pazos, despois de pactar con ACE e co PSOE unha serie de cuestións que foron todas incumpridas. E para darmos o apoio a Victoria deberan de darse unha serie de reformas, de transparencia nas áreas, de compromisos claros para avanzar en temas básicas como o PXOM ou unha RPT que entendiamos que non se daban

E coa persoa de ACE que debera substituír a Pazos no concello houbo moitos problemas?

Si, pero iso é unha cuestión interna de ACE que eu non vou valorar

Rompen ACE e o PSOE, rompe ACE internamente e queda un goberno de 4 que en realidade é de 3?

Ou de dous, porque o outro concelleiro de ACE por algún problema de saúde tampouco é que teña moita participación

Entón en Cangas gobernan Vitoria e Mariano?

Basicamente si. Son quen de facto manexan todo o concello

Vaia situación máis complicada .E cales foron as vosas principais liñas políticas?

Nós ata agora non impedimos a aprobación de ningún orzamento, nin a aprobación dos plans concellos….o que acontece é que as matemáticas son crueis e non lles deixa ao goberno outra opción que negociar co PSOE ou co PP. E nos últimos orzamentos, a posición contraria destes dous partidos fixo imposible que se aprobaran. En Cangas hai unha posición de bloqueo tanto do PP como do PSOE

O PSOE tamén está na liña de bloquear ao goberno de Cangas?

Dunha forma clara que xa fixeron explícita. Pero quixera salientar que a ese bloqueo hai que engadir a incapacidade do goberno para chegar a calquera tipo de acordos. Estas dúas circunstancias; interese de bloquear duns e incapacidade para acordar doutros provocan a parálise do noso Concello

Cales son, a xuízo de Avante, as principais necesidades que ten a vila de Cangas?

-É imprescindible que teñamos un Plan Xeral. Cómpre retomar de contado os contactos coas asociacións veciñais para ter moi claras cales son as necesidades ás que tería que adaptarse

-É necesario e urxente realizarmos unha RPT no noso Concello, o que evitaría privatizar servizos municipais

-É urxente investir máis e mellor na rede de saneamento. A conca da ría de Aldán, por exemplo, ten problemas moi serios a este respecto con continuos vertidos de fecais especialmente cando aumenta a poboación en verán

-Hai moita obra pendente por exemplo na piscina municipal que está nunha situación lamentable

Que habería que facer con Massó?

Nós apostamos por recuperar ese espazo para o pobo, desde logo. Alí poderiamos gañar un lugar moi importante para dotación cultural, ocio alternativo…Tanto con Massó como coas naves de Ojea. Entendemos que se debería facer a través dun concurso de ideas no que expertos fagan propostas para o debate.

Un tema de moita polémica, na alcaldía de Xose Manuel Pazos, foi o conflito con Seragua, polo acordo que deixou asinado Sotelo, que o alcalde Pazos entendía como unha hipoteca inasumible para o concello. Cal é a vosa opinión sobre este asunto?

É un contrato leonino e claramente prexudicial para o pobo de Cangas. Pero a realidade é que o concello non fixo o necesario para arranxar isto

Por que?

Fixo tres expedientes de rescisión de contrato que se levaron a pleno e acabaron caducando por deixarse de xestionar esa rescisión. Nós cremos que hai que seguir traballando para rescindir ese contrato e desde logo que apostamos por prestar todos os servizos que se poidan a través de traballadores municipais

Avante é unha agrupación política local que fai política local. A vosa idea é manter esa situación no tempo?

Nós nacemos con esa vontade

En poucos meses haberá un moi importante proceso electoral e como che dicía ao principio non son capaz de verlle unha saída á enorme complicación na que se meteu a esquerda de Cangas. Cal é a opinión de Avante? E cal é o criterio persoal de Tomás Hermelo?

En relación a Avante, como sabes, nós somos unha organización asemblearia e todas as nosas decisións tómanse de maneira colectiva e escrupulosamente democrática. Pronto teremos que xuntarnos e ver que facemos nas vindeiras eleccións.

Se me preguntas pola miña opinión persoal eu entendo que toda a esquerda do PSOE deberamos presentar unha candidatura de unidade. No caso contrario hai serio risco de que a dereita reaccionaria recupere a alcaldía da nosa vila.