Zona crítica

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Hai uns días, o día nove de novembro, morreu Bruno Latour. Para algúns o filósofo francés máis coñecido fóra do seu país e, tamén, o máis controvertido, fóra e dentro do hexágono. Ao meu ver, esa dobre cara ten a súa razón de ser na súa persoal maneira de cuestionar a modernidade, conforme coa cal, e simplificando moito, a ciencia tería nos devolto ao mesmo punto do que nos prometeu librar, isto é, da nosa dependencia as condicións da vida na Terra. Nacida no século XVII, a ciencia fíxonos crer no dominio da natureza e convenceunos da necesidade de deixar atrás a relixión e, sobre todo, a política. Ao cabo de tres séculos, vémonos nunha situación na que non parece haber máis saída que entendérmonos, en sentido político, con esa parte da cortiza terrestre que Latour chama “Zona crítica”. O único lugar do universo coñecido onde é posible a vida humana.

Distinguiu con forte énfase entre Ciencia con C maiúscula e ciencia con c minúscula. O que temos, na súa opinión, son ciencias minúsculas, ciencias particulares con cadansúa forma de resolver problemas. Todo saber é particular, no dobre sentido de desenvolvido con medios particulares e no de limitado a un campo particular. Sabemos de plantas, de nanopartículas, de economía, ou do que sexa, mesmo sabemos de “saber”, pero en ningún caso alcanzamos “o saber” con maiúscula, a verdade absoluta. Nin somos deuses omniscientes, nin podemos imaxinar a paisaxe intuída por Adán ao abrir por primeira vez os ollos á contorna. Sempre nos quedaremos cunha visión particular entre outras visións particulares. Daquela, si, as ciencias cada vez nos dan máis coñecementos, pero con todo non teñen ao seu dispor uns recursos distintos aos da razón común, non posúen superpoderes. De aí que teñamos que seguir sendo razoables. Isto é, políticos. Con algo tan vello e simple coma iso, Latour declarouse non moderno, inda máis, afirmou que “nunca fomos modernos”. Non sorprende pois que os modernos se sentisen, nos sentísemos, molestos.

Porén, ao negármonos toda esperanza en que un día a ciencia acabe coa ignorancia e administre a demanda todas as necesidades humanas ou poida facer realidade unha sociedade en paz, contén unha enorme forza política para a causa do cambio climático. Enténdase: para a causa dos innumerables seres que habitan a Terra. O tema agora non é como afrontar os problemas provocados polo cambio climático no medio ambiente ou na economía coas vellas categorías da política moderna: soberanía, estado, nación e demais.

Esas categorías partían de que a historia é un asunto humano. Pero desde a Gran Aceleración que deu paso ao Antropoceno, aquel suposto de que a Terra non tiña historia e os seus cambios eran predicibles acabouse. Ninguén pode saber, ningún proxecto de enxeñería pode garantir, que poida suceder no planeta se a temperatura media global supera os catro grados centígrados. O tema pois, lémbranos Latour, é aceptar a nosa condición terrícola e colaborar cos demais seres vivos no seu mantemento.