
Despois da análise da situación do BNG nas comarcas de Vigo, O Condado e o Baixo Miño ,que publicamos en edicións anteriores, hoxe toca achegarse polas terras do Morrazo a coñecer ao responsable do BNG nesa comarca. El é Paulo Ríos un mozo de Moaña novo en idade, aínda non ten 30 anos, pero que xa ten unha ampla experiencia no mundo da política. Na actualidade é deputado no parlamento autonómico.
“ A saúde do BNG na nosa comarca é moi boa . A nosa ilusión, o noso amor por Galiza e a nosa vontade de sermos útiles á nosa veciñanza non teñen límites”.
“Os nosos obxectivos, ambiciosos pero realistas, son as maiorías absolutas en Bueu e Moaña, a alcaldía de Cangas , un ascenso moi importante en Marín e competir de igual a igual co PSOE en Vilaboa”.
Cando comezou a túa historia co nacionalismo?
Era eu un rapaz moi novo e estaba no instituto. Naquel momento todo o meu grupo de amigos e amigas tiñamos unha relación moi intensa co mundo da música tradicional galega. E eu creo que foi a partir de aí, no momento que descubrín o amor pola nosa música e a nosa tradición cultural cando comecei un camiño moi sinxelo cara a me situar na posición intelectual que defende que os recursos do pobo galego deben de ser xestionados polo propio pobo galego.
Na actualidade es deputado no parlamento galego e sendo moi novo, como es, xa tes unha ampla experiencia tanto en cargos orgánicos do Bloque como en postos institucionais?
Si, fun responsable comarcal de Galiza Nova, o seu SX entre o 19 e o 21, concelleiro en Moaña en dous mandatos diferentes e agora teño a honra de defender as posicións do nacionalismo galego no parlamento en Santiago, e de representar aos afiliados e afiliadas do BNG da miña comarca.
A secretaría xeral de Galiza Nova que supuxo para ti?
Unha enorme oportunidade para aprender. Fixen moitas viaxes polo país e puiden empaparme de múltiples problemáticas que afectan a diferentes sectores do pobo galego.
Fuches concelleiro en Moaña entre o 17 o 20.Faime unha valoración sintética dese período?
Se cadra o máis relevante que che podo dicir é que tiven a oportunidade de compartir goberno cun extraordinario equipo que se encontrou o concello na ruína económica máis absoluta, derivada da nefasta xestión do PP, e de decatarme como os señores do PP, cando están na oposición, non son capaces de facer política construtiva. Só saben destruír, xerar crispación na sociedade e levalo todo á lameira.
Cando conseguiches entrar no parlamento galego ti ías de número 6 na lista de Pontevedra e naquel momento só tiñades dous representantes por esa provincia . Con franqueza Paulo, agardabas entrar?
Sabía que sería enormemente difícil. Suporía multiplicar por tres o número de actas acadadas e recibirmos un enorme caudal de confianza. Asegúroche que estamos a traballar moito para responder á confianza que nos deron, e para tratar de conquistar moitos máis corazóns de galegas e galegos.
Levas arredor de medio ano como responsable comarcal do BNG, verdade?
Si, fun elixido a finais de decembro do ano pasado
En liñas xerais cal é o estado de saúde do BNG no Morrazo?
Moi bo. Temos moita implantación na sociedade dos 5 concellos da comarca. Hai actividade política regular e frecuente, estamos en todas as loitas sociais que existen no Morrazo e estamos a crecer en número de afiliados e afiliadas incluso con xente moi moza.
Ben, imos comezar a análise da situación política do nacionalismo nos 5 concellos da Comarca
Marín
Se cadra este é o concello no que o nacionalismo ten máis difícil penetrar na maioría social da súa veciñanza, por que?
Creo que a resposta a esta pregunta é poliédrica. Penso que son varias razóns sumadas as que explican que na actualidade só teñamos unha concelleira. Así pois a influencia da escola naval militar, o extraordinariamente atomizada que estaba a esquerda política nese concello nas municipais do 19, con 5 candidaturas supostamente de esquerdas, ou, tamén hai que dicilo , erros que no pasado cometemos nós, levaron a que o PP teña unha sobre representación no concello e que o BNG estea claramente infrarepresentado.
O BNG en Marín sufriu conflitos diversos que derivaron en varias escisións dolorosas. Esas situacións están totalmente superadas?
Eu estou convencido de que si. Agora mesmo a situación é moi cómoda e o conxunto da militancia está traballando moi ben, dando o mellor de cada un, nos conflitos máis relevantes desa vila como por exemplo a sanidade ou a loita contra a pandemia eólica. A súa militancia non para de crecer e hai moita xente nova que se achega ás nosas ringleiras. Fíxate se a situación é boa que Lucía, a nosa candidata, foi elixida de maneira unánime
Avalas o traballo da vosa voceira Lucía Santos?
Si, absolutamente. Ela tomou as rendas nunhas circunstancias moi difíciles e fai moi bo traballo para poñer as bases que permitan que o BNG chegue a poder ser unha alternativa sólida de goberno. Ao respecto disto quixera dicir dúas cousas:
– Na municipais do 19 foinos mal si, pero nas autonómicas do 2020 en Marín tivemos un resultado extraordinario ,fomos segunda forza cun 20% dos votos. Teño a certeza de que o bo traballo das e dos compañeiros de Marín, que encabeza Lucía, verase reflectido nas municipais do ano próximo , como xa se veu nas autonómicas do 2020
-Por outra parte recentemente os tres partidos que temos representación no Concello de Marín debateron no club de opinión Portocelo e creo que a nosa candidata gañouno de maneira meridiana a quilómetros de distancia dos seus dous contendentes.
Estades falando con algúns dos grupos da atomizada esquerda marinense para que se poidan integrar no bloque?
Nós estamos facendo o noso traballo político o mellor posible para tratar de obter a confianza de todas e de todos os que nalgún momento confiaron en outras alternativas políticas.
As expectativas realistas para o 2023?
Un crecemento significativo que se poida achegar o máis posible ao resultado que obtivemos nas autonómicas
Bueu
Nesta vila Félix levaba 3 mandatos con maiorías absolutas, pero nas eleccións do 2019 perdeuna e baixou notablemente o número de actas, pasou de 12 a 8. De feito precisou un pacto con Xulio Villanueva concelleiro de ACB para manter a maioría. O que naquel momento se podía pulsar polas rúas de Bueu é que houbo certa relaxación no seu equipo de goberno. Cal é o teu criterio ao respecto?
Ben, a min tanto Félix como resto de compañeiros de Bueu néganme que existise esa suposta relaxación pero eles son os primeiros en ser conscientes de que si existía esa pulsión de opinión en parte da sociedade da vila. Polo tanto fixeron o máis intelixente que se pode facer nunha situación como esa que é traballar arreo para poderen reverter esa corrente de opinión, porque cando unha parte do pobo transmite unha mensaxe negativa sobre o noso traballo cómpre respectala, escoitala e actuar en consecuencia para que non existan elementos que lles leven a pensar así.
Ti percibes que esa pulsión sobre a suposta relaxación segue existindo?
Eu creo que non. Entendo que a día de hoxe, a un ano das municipais do 23, estamos en mellor posición que antes das municipais do 19. Hoxe Bueu é unha referencia en toda a comarca polo seu dinamismo, polo coidado do seu patrimonio e polo seu modelo de vila
ACB , con cuxo concelleiro compartides goberno, xorde dunha escisión do BNG dos tempos de Amio. Ides facer algún intento para recuperar a unidade do nacionalismo de Bueu?
O Consello nacional do BNG decidiu que as candidaturas do BNG van ser BNG, non vai haber ningún outro tipo de experimento. Nós con Xulio Villanueva temos unha relación excelente, a situación do goberno pola nosa parte é cómoda en grado superlativo e coido que pola súa tamén. No futuro, sexa cal sexa a relación que teñamos con el e coa xente de ACB, a miña idea é que se siga movendo nos parámetros de comodidade absoluta que está agora.
Que expectativas razoables temos para as municipais do ano próximo?
Recuperar a maioría absoluta
CANGAS
Se en Marín a situación da esquerda é de atomización en Cangas creo que chegamos case a unha situación análoga aos quarks ( partículas subatómicas)?
A verdade é que a situación é moi complexa. Incluso formando parte activa da vida política de Cangas cono formamos nós resulta moi difícil prognosticar como poden evolucionar os acontecementos políticos nesa vila
Repetirá Sotelo como candidato do PP?
Eu non o sei pero, tendo en conta que non situaron a ninguén para que se fose fogueando como futurible , penso que é o máis probable.
O BNG está na oposición cal é a vosa liña de acción política?
Colaborar en todo aquelo que consideramos positivo para Cangas e non facelo cando o que se propón non nos parece razoable.
Como valoras a xestión do mini goberno de ACE que ten Cangas na actualidade?
Caótica, cun nivel de hostilidade entre eles mesmos autenticamente asombroso. Teño a sensación de que o defunto alcalde Pazos exercía de pegamento entre as partes de ACE. E unha vez que Pazos falece todo se esvaece.
Consideras que a vosa decisión de non entrar no goberno foi acertada?
Si.
Como é o estado de saúde do BNG local?
O mellor en moitos anos. Estamos en disposición de acadar a alcaldía
Vai ser Merchi Giráldez a candidata?
Está sen decidir
Estades falando con Mariano Abalo para que se integre no BNG?
Con Mariano Abalo falamos de moitas cousas
Supoño que de fútbol non?
Ha , ha , ha. Non, falamos de como vai o Concello claro, de que como ve el as cousas e de como as vemos nós
Hai algunha posibilidade de que nas eleccións municipais do ano próximo Mariano vaia nas vosas listas?
Non. Mariano non vai ir nas nosas listas
MOAÑA
Como está a situación do nacionalismo na túa vila?
Nós chegamos ao goberno , despois de telo perdido polo tránsfuga do PSOE, nunha situación moi complicada co concello case na ruína
Pero iso da mala herdanza recibida é algo que soe dicir, do anterior, un goberno novo cando toma posesión. En realidade era unha situación tan mala?
Era catastrófica con máis de 12.000.000€ de débeda co concello a piques de ser intervido e con moreas de facturas sen pagar, moitas delas a pequenas empresas da propia Moaña.
E agora?
Agora o pago medio a provedores do noso concello está en 3 días e medio. Cando chegamos había empresas que estaban cobrando a un ou incluso a dous anos. Creo que estamos a facer unha moi boa xestión, non só económica senón tamén porque temos un proxecto de vila ecolóxica, solidaria, amable e sustentable para Moaña e, respondéndoche á pregunta anterior, iso se reflicte nun aumento notable de apoio social e nunha situación moi boa para o bng de Moaña
En Moaña temos un problema moi serio coa sanidade?
Abofé que é así. Ao día seguinte de facermos esta entrevista( 11 de xuño) imos cumprir 27 domingos consecutivos de protestas en Moaña. A semana pasada fixemos unha marcha desde o Concello ata o PAC de Cangas con unha asistencia de arredor de 8.000 persoas. O deterioro da asistencia sanitaria no noso concello é intolerable. Non temos urxencias, os domingos o centro de saúde está pechado…desde logo no BNG seguiremos combatendo con toda a intensidade esta agresión flagrante á saúde da nosa veciñanza.
Supoño que Leticia repetirá como candidata á alcaldía?
Non é oficial aínda, pero desde logo Leticia ten o apoio unánime de todo o bloque de Moaña
As relacións cos vosos socios do PSOE como son?
Positivas e boas
As expectativas realistas para o 2023?
Imos pola maioría absoluta. É un obxectivo difícil pero verosímil
VILABOA
Neste concello tomastes a decisión de abandonar o goberno que compartiades co PSOE. A día de hoxe valórala como unha decisión acertada?
A convivencia co PSOE non era adecuada. Non nos gustaban o que estaban a facer de chuchar o noso traballo no seu propio beneficio e inda por riba parece que todo o que nos formulaban eran problemas. Foi unha decisión atinada si.
E sobre a decisión de Ornela Fernández, a anterior voceira municipal, de deixar a vida política que tes que dicir?
Ornela desenvolveu un traballo impagable nas súas diferentes responsabilidades políticas e eu como responsable comarcal do bloque no Morrazo recoñézoo porque é de xustiza.
Que perfil ten a nova voceira Tareixa Carro?
É unha mestra cunha grande capacidade comunicativa, moita forza e moitas gañas de mudar as cousas. Teño unha ilusión enorme en que o seu perfil sexa o adecuado para que non moi lonxe poida ser unha extraordinaria alcaldesa. Agora mesmo existe unha grande simpatía polo BNG e a xente moza de Vilaboa que está interesada en facer política faina no BNG
Como valoras o goberno do alcalde César Poza?
Temos unha valoración negativa da súa praxe política. Se cadra os adxectivos máis adecuados para describila serían caótica, desleixada e caciquil
Cales son as vosas expectativas razoables para as municipais do ano que ven?
Eu creo que debemos de estar en disposición de competir co PSOE de igual a igual