Carlos Taibo analiza a guerra de Ucraína

Carlos Taibo

Carlos é un escritor de enorme prestixio con máis de 30 libros publicados, en castelán e galego, moitos deles referentes a cuestións xeopolíticas que atinxen a países de Europa central e oriental e cuxas consecuencias abranguen a boa parte do planeta. El é un firme partidario da antiglobalización e do decrecemento afirmando que a globalización avanza cara a un caos que escapa de todo control.

Neste medio de comunicación temos defendido en numerosas ocasións que o liberalismo económico non ten máis saída que o colapso, pois formular a actividade económica en base ao crecemento perpetuo, que resulta da fabricación e venda de produtos para cuxa elaboración son necesarias materias primas que son finitas , que teñen un límite físico, o noso planeta, non ten posibilidade algunha de non rematar máis que no colapso e moito nos tememos que estea levando cara ao suicidio á nosa especie. Para A nova Peneira foi un pracer conversar cun home do rigor e a solvencia intelectual de Carlos Taibo cunha visión da realidade para nós enormemente lúcida, e ao que agradecemos profundamente que nos dera a súa opinión ponderada, equilibrada e rigorosa sobre a guerra en Ucraína.

No conflito de Ucraína paréceme necesario tanto subliñar a responsabilidade occidental como non liberar a Rusia da súa”

Que che trae de novo polas terras de Redondela Carlos?

Veño con moita frecuencia. É un lugar moi agradable para min no que teño amigos e amigas

Viñeches presentar un libro sobre a guerra de Ucraína que se edita dous días antes do comezo do conflito. Seica tes facultades para predicir o futuro?

As dúas primeiras edicións do libro apareceron no ano 2014, logo esgotouse e o editor decidiu non publicalo de novo, pero desde antes do Nadal andaba detrás de min para que publicase unha actualización

E logo ti non querías actualizar o libro?

Eu non o tiña claro. Porén aló por xaneiro escoitei a Cristina Cifuentes “explicar” nunha televisión as chaves para comprender o conflito de Ucraína. Isto foi superior a min e decidín traballar na actualización. Así pois a terceira edición apareceu un pouco antes da intervención militar rusa, algo que, desde logo, eu non podía prever.

Despois do 2014 non chegaches a prever a intervención rusa?

Algún movemento de pezas na parte oriental podería ter sido previsible si, pero unha intervención militar deste calibre era inimaxinable entre outras cousas porque se ía volver contra os intereses de Rusia. Eu pensaba que Putin era un político prudente que medía as consecuencias dos seus actos, iso non quere dicir que non sexa un asasino, que parece que si o é.

A OTAN tivo algo que ver nas razóns que motivaron a invasión?

Claro que si. A OTAN leva varias décadas desenvolvendo unha operación de cerco sobre Rusia de forma visiblemente provocadora incorporando estados veciños e establecendo bases militares ás súas portas.

Esta é a explicación da intervención rusa?

Esta é unha das explicacións. A outra é que Rusia é un imperio que considera que ten dereitos adquiridos sobre Ucraína, Belarús, O Cáucaso….A mestura destes dous elementos senta os alicerces que permiten darlle unha explicación a unha intervención que, ao meu xuízo, non deixa de ser profundamente estúpida. A min paréceme absolutamente necesario subliñar a responsabilidade occidental neste episodio, pero tampouco liberemos de responsabilidade a Rusia que si a ten.

O gañador deste conflito é EEUU?

Parece. Porén este tipo de situacións poden dar moitas voltas. Sábese como comeza pero non como remata, aínda que o que dis ten toda a lóxica. Se a UE responde de maneira unificada EEUU gaña e se se debilita EEUU gaña tamén

Se facemos unha lectura profunda teremos que buscar algunha relación co conflito entre EEUU e China?

Si, desde logo. E isto obriga a ampliar moito o ollar con consecuencias difíciles de prever e que non necesariamente van ser favorables aos norteamericanos.

Estados Unidos desexa que este conflito se prolongue no tempo?

Eu sospeito que si. Debilita a Rusia, debilita á UE e promove un negocio interesante para eles no terreo enerxético, na venda de armas e no futuro na reconstrución de Ucraína. Neste último aspecto todas as grandes potencias están interesadas, tamén China que é unha experta na reconstrución de países

Como valoras a política que neste asunto está a desenvolver España?

Aquí, nin sequera na esquerda, ninguén fala da loita de clases. Tanto o presidente ruso como o ucraíno son representantes orgánicos dos grandes poderes económicos. Eu estou coas vítimas deses poderes económicos que son as persoas das rúas de Rusia e de Ucraína permanentemente esquecidas entre nós. A min paréceme moi ben que acollamos aos refuxiados ucraínos que foxen dunha guerra noxenta, pero por que non facemos o mesmo cos refuxiados de pel escura que foxen doutros conflitos?, por que ninguén formulou a posibilidade de armar aos palestinos ou aos saharahuís como se arma aos ucraínos?

É a dupla moral de sempre?

Abofé. Tratamos de maneira diferente aos amigos ca aos que non o son , aos débiles cós poderosos. Foi así sempre na historia do noso planeta

Os medios de comunicación transmiten só a versión occidental?

Os medios de comunicación censuran, proscriben a todos aqueles que se atrevan a salientar que os países occidentais teñen responsabilidades, manipulan de maneira maniquea. En Ucraína hai un agresor e un agredido e é lexítimo amosar solidariedade co agredido, claro que si, pero non ata o punto de deturpar a realidade. A realidade é moito máis complexa que reducilo todo a unha pelexa entre o ben e o mal. Por outra parte este tipo de política informativa non fai outra cousa que crear unha rusofobia moi preocupante ou unha ucraínofobia igualmente perigosa. O resultado é que desapareceron os expertos e que todo isto fica nas mans dos tertulianos, ata o punto de que teño visto varias tertulias onde todas as persoas participantes pensaban o mesmo.

Non ves acenos de resistencia en ningún tipo de xornalismo?

Nos grandes medios de comunicación non, desde logo. E isto é enormemente preocupante pois poderiamos estar ás portas dun escenario futuro no que a censura sexa aínda máis forte. Hai 20 anos coa intervención norteamericana en Irak o debate era máis aberto. Agora non hai debate e ten toda a pinta de ir a peor