Leo nun correo que me mandan, un informe de Oxfam onde o seu titular é precisamente “As desigualdades, matan”. Moi certo. Agora hai que facerse cargo da súa certeza, de que esa veracidade habítanos. Temos desigualdades en todo o arredor, institucionalizadas e mesmo legalizas, postas na lei. Só hai que mirar neses tan ricos que acaparan o que non teñen moitos outros, na des-posesión consentida.
Esa desigualdade arruína o mundo -cambio climático- e arruínanos a nós, a todos nós. É o que se chama “violencia económica”. Pero o máis grave é que hai moitas leis que acoden ao amparo dos ricos e ao castigo da pobreza, mesmo a social e sanitaria, a educativa ou enerxética e toda a serei de novos eufemismos que a definan.
Os nosos modelos económicos, son un fracaso. Se o resultado é o que se ve, estamos moi mal. Nin funciona a terrible burocracia, nin funcionan as medidas que pretenden eliminar as desigualdades que xa raian a miseria. As palabras aínda non dan para comer, as promesas -sobre todo cando piden votos- son a guinda que colma a dor e o pranto, tamén o espanto e o esperpento. Son necesarios e urxentes os cambios, chamémolos como se queira. Non pode ser que as leis sigan a amparar a esa xente que tanto ten, que se lles bonifique mesmo a súa riqueza en forma de menor participación para a distribución, non pode ser que a lei os favoreza. Hai que buscar o modo de contrarrestar
a vulnerabilidade na que estamos. Non é xusto aplicar a mesma lei a todos, caídos e empoleirados. Non, ben sabemos daquilo da proporcionalidade, do debe e haber, do xusto, da suposta equidade
niveladora, do amparo das xentes máis oprimidas, da inxusta aplicación de módulos regulados que, ao final, non reparan nin causan o efecto desexado. Sen entrar noutra razóns, coido que a solución é obrigar ao reparto de responsabilidades. Facer posible que os millóns e millóns de cartos que teñan, se consideren armas que fusilan directamente aos que nada teñen. Non hai outro equilibrio. Ou se soltan do exceso ou non hai posibilidade de equilibrar o mundo. Reorientar a súa riqueza para que posibilite un futuro e salve vidas. Non é que os gobernos poidan actuar para facelo, é que deben actuar para facelo. E xa, non hai tempo que perder!
Estamos no medio do caos, estamos na pobreza e na fame, no confinamento, na privación, na peste e cheos de virus, na podremia, na enfermidade e na catástrofe climática, estamos na pandémica
violencia de xénero, da violencia abusiva dos poderes, dos países que se cren amos do mundo e móvennos coma fichas. Estas todas son desigualdades letais, estannos matando con carácter de urxencia, de desigualdade. E aplicando a lei non temos nada que facer. Este é un problema do universo, non chega con vacinarnos. Estamos todos implicados. Non ten outra opción: a igualdade é a vacina eficaz para recompoñernos. Hai para todos, pero sen privilexios. Entón, os que
tanto teñen, canto máis teñan, máis deben dar para a xestión eficaz. Non son cousas aleatorias, é a única opción que temos.
Debemos saber que os límites están moi superados e hai que empezar xa. Hai que desmontar as industrias acaparadoras de calquera beneficio que non se aplique directamente no reparto á sociedade, en forma digna de traballos e salarios, de consideración. Non pode ser o da industria farmacéutica que nega a posibilidade de cura a quen non ten acceso a ela. Sei que é cru dicilo, pero máis cru é padecelo. A desigualdade, certamente, mata.
O que puidemos ver na pandemia foi unha derrota máis, unha humillación nova na historia da humanidade. A privatización desas empresas causou tamén o mal que padecemos. Hai uns servizos básicos e públicos que deben manterse a cambio de impostos máis elevados ás grandes fortunas e ás multinacionais, distribuíndo recursos. Esas son as enormes brechas para a cohesión social, imposibles de saltar. Problemas sistémicos requires solucións sistémicas. Hai adaptarse ás novas circunstancias, hai que chegar a esa vontade política necesaria para equilibrar tomando medidas urxentes. Senón,
enquistaremos esta violencia latente que está por todos lados en forma de racismo, sexismo, explotacións e espolios. Non pode ser que as dez persoas máis ricas do mundo teñan os cartos de 3100 millóns de persoas pobres, empobrecidas por mor daquelas. Como é posible dixerir o dato de que cada ano morren dous millóns de persoas por fame, mentres aqueles máis ricos gastan un millón de dólares diario, e terían para 414 anos. Hai que reintegrar a riqueza á realidade, á economía e que aborde as desigualdades. Non se pode permitir que vivan alleados do problema que causan. Hai que cambiar as regras desta orde que non ordena. Non podemos seguir equivocándonos
deste xeito, conscientes do mal que consentimos, chegamos xa ao tope de que canto máis uns sofren, máis outros se enriquecen, e máis difícil resulta vivir. De tal xeito que grazas á pandemia, mesmo
aumentasen os beneficios ao dobre. Non sei como poden vivir asumindo esa responsabilidade. Pero os gobernos deben actuar. Mentres eles dobran beneficio, a pobreza multiplícase á par da violencia. Os
pobres son dobremente máis pobres e vulnerables e cométese o abuso. Sendo que, para a nosa desgraza, a desigualdade é a fin da humanidade, onde comeza a dor, a tiranía e a profanación, o caos.
Para empezar, sería ben reparar o que estivo mal feito, recoñecer os erros lonxe de paternalismos obsoletos e falsos. Senón, non teremos remedio.
