Verdes são os campos… e verde é a cultura que neles medra

Verdes são os campos… e verde é a cultura que neles medra
Olga Nogueira
Olga Nogueira

Porque é todo un tema xestionar un capital, cando se ten, e é valente facer que o C de agriCultura se volva maiúsculo. Pero iso é o que está a acontecer en varios puntos do país, en zonas rurais en despoboamento, en terreos que estaban incultivados ou dados ao abandono. Proxectos organizados por xente cunha altísima formación cultural e de xestión e cunha longa traxectoria, profesional e vital. Xente que viviu cidades e vilas antes de apostar firmemente por se asentaren no rural e facelo vivo. Por veces loitando contra familia e veciños, porque a ninguén lle gusta que lle movan o marco, sexa físico ou mental. E toca negociar. Mais aí os están. E aquí vos presentamos dous destes proxectos, recén inaugurados, por se os queredes acompañar. 

Dous proxectos culturais pioneiros que atravesan o país de norte a sur

Ao norte, na Mariña lucense(no val de Lourenzá) está a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento. Ollo ao nome, que recorda á Oficiña Lírica do Este Galego coa que Álvaro Cunqueiro aglutinara en 1930 poetas amigos do seminario de Mondoñedo. Neste caso son dúas mariñás, Ugia Pedreira e Marina Oural as que se poñen á fronte desta Oficina e nos propoñen proxectos á vangarda da escena galega. E neste verán inauguraron un prado (si, si, dos das vacas leiteiras por ser de regadío, e abeirado a un río troiteiro), o Prado de Piegoe, desde ese auditorio horizontal (como elas o definen) ofreceron, con aforo completo e éxito rotundo, un curso de creación escénica e unha performance. 

– Marina, este proxecto foi pioneiro de cara a fóra. E sorprendeu a asistentes e seguidores. Mais como se viviu esta nova vida do prado na casa?

-Papá e mamá tiveron que decidir nos duros anos 70: mercar este prado ou un solar en Foz (a especulación do tixolo). E eles apostaron polo prado, que custaba o mesmo! E perderon claramente. E cargaron ese peso durante anos, nos que os seus veciños e un irmán de papá viron as súas inversións revalorizadas e el viuna esfarelárselle entre os calos das mans.

Verdes são os campos… e verde é a cultura que neles medra

– Como centos de gandeiros e pequenos agricultores do país. Muitas nos criamos entre esas dores. As das outrora orgullosas traballadoras do campo que pasaron a afastarnos ás fillas da terra para aforrarnos os corpo e ofrecernos futuro. Mais os teus pais víronte volver á terra. Literalmente. Estarán encantados.

-Non o crían. Pero cando lles dixen que a primeira en apuntarse fora Cristina Pato (porque foi a primeira) non daban creto. Colaboraron desde o primeiro momento con moita alegría e, ao ver que o evento tomaba esa forza, dérono todo. E alí os estiveron, en primeira fila: a que lles corresponde.

Sen dúbida é imenso que a nena da casa sexa quen de forxar ferramentas novas coas que poder reeLaborar a terra. E, quen sabe, se cadra poder ela tamén sobreVivir dela. De momento os proxectos agroman, medran e alimentan. E o prado fértil (porque é de regadío, xa sei que o dixen, pero repítoo) ofrece xeneroso as castañas dos castiñeiros á sombra da nogueira. Árbores autóctonas prantadas abofé por pais e filla. E por iso tamén este pequeno prado é un grande espello. Para que deixemos de laiarnos e nos poñamos a traballar, que hai choio. 

E no sur, en Salceda de Caselas,a Ofizina Culturalinaugurou neste mes de agosto o “Espaço vivo”, xerido por Eva Castro e Sérxio Crespo, nun toxal alugado onde esta Asociación convida a gozar dunha saborosa comida vegana, elaborada con produtos de horta biodinámica (que producen nun terreo a carón) e maridala con actuacións e actividades do máis variado para todos os públicos: música, performances, circo infantil, poesía… Baixo a sombra dos carballos que acubillan os asistentes e lles ofrecen un ambiente de confraternidade. 

– Sérxio, de que carencia nace este proxecto?

– Nós somos unha familia. Eu son músico e carpinteiro. E tamén gosto de traballar a terra. Eva é restauradora. Levamos anos colaborando con moitas asociacións (somos soci@s de polo menos sete asociacións culturais) e xa nos apetecía poder dispór dun espazo singular que nos permitise total liberdade na hora de programar. E tiñamos claro que só nos apetecía se fose no rural no que escollemos vivir hai décadas, apesar das dificultades.

– E que tal a acollida entre a veciñanza?

– Dispar. Hainos que non entenden, claro. Mais tamén os hai que agradecen e espallan. Estes son os que nos interesan. Porque os outros teñen muitos lugares aos que ir. Mais a onde vai unha familia vegana sen muitos cartos e con vontade de lle ofrecer as súas crianzas (e a si mesmos) un ocio de calidade e adsequíbel? Pois non é doado. Nin na grande cidade nin muito menos en vilas e aldeias. E por iso nos decidimos. Por responsabilidade social. Porque nos gustaría que alguén nolo tivese ofrecido a nós pero, como non foi así… pois acordamos que en vez de nos laiar tiñamos que actuar.

– No voso caso o terreo non é voso, que lle pareceu ao dono dando llelo propuxestes?

– Gostou. Foi favorábel. Porque aínda que hai xente que desconfía tamén hai propietarios que entenden e agradecen que as terras de herdanza, que para eles teñen un alto valor sentimental, sexan ben tratadas por quen sabe dos valores inmateriais.

A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento ofrece cursos e actividades ao longo de todo o ano. O Espaço Vivo ten vontade de seguir operativo todos os sábados e sempre que o tempo atmosférico o permita. Podedes seguir ambos proxectos a través das súas redes sociais.