Nunha farmacia, despois de facer varios minutos de cola, entra un educado atracador a cara descuberta.
—Déame tódolos cartos que teña na caixa —murmuroulle á farmacéutica.
—De ningunha das maneiras, pero a quen se lle ocorre facer un atraco sen mascariña.
—Déixese de bromas señora que eu xa bastante fixen con respetar a cola.
—Ante todo hai que ser profesional, mire os camareiros nos bares…
—Estame dicindo que non fago ben o meu traballo?…
—Pois claro. Vostede non ve a todo o mundo coa cara tapada?
—Si, pero e que eles non son os atracadores.
—Sabe que lle digo? Que mentres non se poña a mascariña non o atendo —insistiu a dona da farmacia.
O asaltante comezaba a alporizarse e díxolle á señora.
—Mire, estamos en fase dúas…
—Como que en fase dúas! Vostede non se entera, actualícese por favor!
—Señora, a miña paciencia ten un límite, estoume fartando…
—Repítollo, se non se cubre non o atendo.
—De acordo, vostede gaña. Deme o dichoso bozo!
—De que tipo —contéstalle a farmacéutica?
—Como que de que tipo!
—Temos estes tres modelos FFP2, FFP3, N95.
Un home, que estaba á cola dirixiuse ao atracador:
—A ver si vamos acabando que non temos todo o día!
A farmacéutica, como o home estaba lonxe, e como apenas se lle entendía coa boca tapada, pensou que era o socio do asaltador e dirixíndose a el díxolle:
—Achéguese que entre a gripe que teño e a mampara anticontaxio de metacrilato, non o escoito.
—Non podo, estaría pasando por alto a normativa que regula a distancia de seguridade.
Sorprendida pola sensatez da resposta e do cumprimento inquebrantable das medidas hixiénico-sanitarias das que fixo gala esta persoa, a farmacéutica aproveitou unha vez máis para arremeter contra o desenmascarado:
—Ve? Aí o ten, fíxese como o seu compañeiro pensa na saúde das súas vítimas.
—Pero que compañeiro si eu son autónomo non asintomático!
—Ben, pois entón non se queixe que seguro que está a cobrar un ERTE.
Nese intre achegouse o auxiliar co cóbado en alto e o caco púxose á defensiva.
—Tranquilo, só quero saudalo e animalo a cubrirse a cara —dille o auxiliar.
—E certo, que se me esquecera, tamén as temos reutilizables e con deseños orixinais —engadiu a farmacéutica.
—Cumpren coa norma UNE 0065? —preguntou outro cliente.
—Por suposto, estas veñen de Wuhan, zona cero e con certificación ISO!—respondeu esta ofendida pola pregunta.
O atracador fora de si levantou o xersei e amosando un revolver ameazou a boticaria:
—Non llo repito máis, non me faga sacar o ferro.
—Non me diga que tamén trae un arma alma cándida!
—Pois menos mal porque se non traio unha, faría de novo alusión a miña falta de profesionalidade.
—Xa, pero non sabe canto tempo sobrevive a Covid nos metais? Quero pensar que estará desinfectada con xel hidroalcóholico.
—Mire señora, non a aguanto máis!
—Negacioncista, Miguel Bosé, Bolsonaro —espetoulle esta a modo de insultos.
—Estame poñendo dos nervios e padezo de ansiedade, déame un cigarro electrónico xa, ou líome a tiros aquí mesmo.
—Eu doullo pero recorde que agora hai unha nova normativa para os fumadores.
—Feis nius señora, iso non son máis que feis nius!
—Bótelle unha ollada ao DOG do 12 de agosto se non o cre.
O atracador exasperado abandonou o establecemento cagándose na Covid e antes de saír berrou:
—Que ben se vivía con Franco e co SARS-CoV!
Mentres, na cola, unha persoa co xornal na man comentáballe a outra que durante a pandemia descendera a delincuencia. O interpelado respondeu:
—A verdade e que tal como están as cousas faise difícil ata delinquir. A xente é cada vez máis tiquismiquis.
Poucos días despois o atracador acudiu a manifestación da Praza de Colón convencido de que estabamos ante unha plandemia. Acabou contraendo o virus. Ingresou no hospital e negouse a recibir o tratamento por medo a que lle colocaran un microchip. Aos médicos non lle quedou máis remedio que conectalo a unha máquina de osixenación por membrana extracorpórea (ECMO) pero aínda así nada se puido facer por salvarlle a vida. Descanse en paz.