A superficie de actuación é de 131,52 hectáreas dun total de 2.079 parcelas das cales, 1.179 cunha superficie de 80,84 hectáreas están ben xestionadas
A Concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, vén de informar de que en base ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a empresa pública SEAGA, ao que se adheríu o Concello de Ponteareas, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa, no concello de Ponteareas foi seleccionada como prioritaria a parroquia de Padróns para realizar a xestión da biomasa nas faixas secundarias.
Nunha recente reunión celebrada no torreiro de Padróns, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a concelleira de Medio Ambiente, acompañados da técnica municipal e dun técnico de Seaga, informaron das zonas das faixas secundarias na parroquia, onde o sistema público realizará a xestión da biomasa. A superficie de actuación é de 131,52 hectáreas dun total de 2.079 parcelas das cales, 1.179 cunha superficie de 80,84 hectáreas están ben xestionadas e non precisan ningún tipo de actuación, centrándose agora os esforzos nas 882 parcelas restantes que suman 50,68 hectáreas, segundo os datos facilitados por SEAGA.
En base ao citado convenio, as e os propietarios de parcelas situadas nas faixas secundarias, que desexen que o sistema público se faga responsable da xestión da biomasa das súas parcelas poden facelo a través do Concello, mediante a sinatura dun contrato de xestión da biomasa, como xa fixeron ducias de veciños e de veciñas de Padróns nas últimas semanas.
Este sistema público consiste na posibilidade de contratar a xestión da biomasa vexetal, nas redes de faixas secundarias, a través da empresa pública Seaga que a realizará a cambio dunha tarifa anual de 35 € por cada 1.000 m2, asumindo todas as obrigas que corresponden ás persoas responsables segundo a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Nos casos de incumprimento e de propietarios descoñecidos ou ilocalizables, o Concello encargará a Seaga a execución do desbroce desas parcelas repercutindo posteriormente os costes da xestión da biomasa aos propietarios, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.
Deste xeito se deberá dar cumprimento por parte dos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e soares incluídos nas faixas secundarias ás obrigas de prevención e defensa contra os incendios forestais, manténdose nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de previr e evitar o risco de incendios, sendo as distancias de seguridade a respectar de 50 metros dende as edificacións libre de maleza e libre de pino, mimosa, eucalipto, fento, toxo, acacias e resto das especies que regula a normativa.
Para a consulta das parcelas de Padróns incluídas nas faixas secundrais, os planos poden consultarse na web municipal. Para aclarar algunha dúbida relativa ás parcelas ou información acerca deste trámite ao respecto deste procedemento poderá coller cita previa tfno.986090164 ou mediante correo electrónico medioambiente@ponteareas.gal. Os días de Atención ao Público serán os Martes e Xoves sempre con cita previa.