Ponteareas, 8 de abril de 2021
A concellaría de Deportes, que dirixe en funcións Miguel Bouzó, deu conta do inicio das obras de renovación do campo de fútbol Alfredo Bautista Alconero – Rey, integrado nas instalacións do Estadio Municipal de Ponteareas.
As obras, adxudicadas por un importe de 170.353,14 €, consisten na retirada do céspede artificial existente, na reparación do aglomerado asfáltico para corrixir deficiencias na planeidade do terreo de xogo, na instalación dunha base elástica con granulado de caucho sintético e na instalación do novo céspede artificial de última xeración. Ademais, inclúe a montaxe de bordes de seguridade e a instalación dun novo marcador electrónico de alta visibilidade.
“Con estas obras poremos fin á unha degradación do céspede que viña dificultando nos últimos anos a actividade física por parte dos clubs usuarios da instalación. Xunto a outros traballos que se veñen acometendo nos últimos meses, esta actuación supón un novo paso na renovación do Estadio Municipal de Ponteareas, na procura de convertelo nun espazo agradable e en óptimas condicións para a práctica deportiva”, indicou Miguel Bouzó.