Anabel Antela presenta o seu traballo en Ponteareas

Anabel Antela presenta o seu traballo en Ponteareas

Na Peneira anterior conversamos con Anabel. Recordemos que ela é unha moza de Ponteareas que ven de rematar a súa carreira universitaria e que como traballo de fin de grao publicou unha exhaustiva investigación sobre a situación do idioma galego no sector téxtil: “A lingua galega no sector téxtil, visión opinión e posición da xeración millennial galega”.

O pasado 15 deste mes de abril, Anabel, supoño que especialmente ilusionada, presentou o seu libro na súa terra, Ponteareas. O acto desenvolveuse no auditorio Reveriano Soutullo coa compañía de Marcos Maceira, presidente da MLN, e coa presenza da alcaldesa accidental Cristina Fernández. Considerando as limitacións lóxicas de aforo, derivadas da pandemia sanitaria, o espazo encheu o número máximo de asistentes que permitían as circunstancias epidémicas que estamos a vivir. E para min, que tiven a fortuna de asistir á presentación, supuxo unha alegría inmensa ver a mozos e mozas no público dun acto que defendía a normalidade do uso do noso idioma no noso país. Quixera rematar esta crónica dirixíndome a Anabel, e a todos os mozos e mozas que a acompañaron na presentación do seu traballo, expresando o meu desexo de que se manteñan firmes no seu compromiso de defender o noso idioma, que o falen sempre, en todos os contextos posibles; na universidade, no seu traballo, no seu lecer, cando lle vaian facer as beiras a unha moza ou a un mozo, coas súas familias, cos seus colegas, cando practiquen deporte, nas súas compras…….,pois teño a certeza de que os seus devanceiros amaron en galego, sufriron en galego, gozaron en galego, padeceron en galego, riron en galego, choraron en galego, viviron en galego e morreron en galego. Está neles e nelas, nos mozos e mozas da idade de Anabel, evitar que o idioma se perda. Débenllo a quen estivo antes e a quen virá despois.