Restaurante Galibar en Torneiros

Galibar Porrillo

Un pracer para os sentidos a carón de casa

En Torneiros, xusto en fronte do kiosco do noso amigo Moncho, pouco antes do cuartel da garda civil, un histórico local de hostalaría do noso pobo volveu abrir as súas portas hai un par de meses. Achegámonos ata alí e tivemos a oportunidade de coñecer a Mari Fe, a súa nova xerente, e ao equipo de profesionais que a acompañan. E o que descubrimos foi un local amplo, luminoso, amable , agradable, cunha carta variada e diversa composta por pratos de comida caseira a uns prezos moi razoables. Mari Fe e desas persoas coas que podería pasar horas conversando, pois é de natureza moi cordial e posúe unha enorme experiencia no seu sector atafegada de anécdotas e episodios que farían as delicias de calquera que teña a ben compartir un bo rato de conversa cunha interlocutora que, como ela, paga a pena. Animamos a todas e todos os nosos lectores que que se dean unha volta polo seu local. De seguro que repetirán.

ESTOU ENCANTADA COA XENTE DE TORNEIROS”

De onde es ti Mari Fe?

Eu nacín en Lugo pero levo 32 anos vivindo en Vigo.

Case te sentes máis de Vigo que de Lugo supoño?

Dos dous lados.

Se tiveras que escoller un sitio para vivir despois de xubilarte, cal dos dous elixirías?

Vigo.

Tes fillos?

Si, un fillo. E de momento non teño ningún neto. O meu fillo e bastante cómodo e non ten gañas aínda de ter responsabilidades.

E tes ganas de ter netos?

Non o penso, a verdade. Como el non ten ganas e eu traballo tantas horas no restaurante non podería estar case con el, pero non me desgustaría tampouco.

Cando colliches este restaurante?

Hai dous meses. 

E cal é a túa experiencia no mundo da hostalería?

Pois só levo 27 anos traballando nun restaurante de Vigo, O Pepe Juan, soamente traballei neste restaurante durante a miña vida laboral. Cos problemas dos ERTES derivados da pandemia decidín buscarme a vida pola miña conta, eu non son capaz de estar tanto tempo parada. Meu fillo Fernando mirou este local e decidimos probar a ver que pasa, de momento non temos queixa.

E cantas persoas sodes traballando aquí?

Somos sete mulleres traballando no restaurante.

Pero para traballar sete persoas tedes que ter demanda?

Traballamos en dúas quendas porque abrimos ás sete da mañá, entón repartímonos dúas persoas en cociña, dúas na quenda de mañá para servir e outras dúas na quenda de tarde, a maiores está a persoa encargada da limpeza da cociña tamén.

Dicíasme que abrides ás sete da mañá, pero que horario tedes que seguir coas restricións da pandemia?

Temos o horario que nos permite a pandemia, de sete da mañá como falamos antes, ata nove da noite que recollemos a terraza, podemos servir bocadillos ata ás nove e vinte e cinco no local, ata as dez poden vir coller unha bebida para levar, logo xa temos que ter todo pechado e só podemos estar limpando e recollendo. No momento que amplíen o horario nós ampliaremos tamén claro.

E pechades algún día por descanso?

Pechamos os domingos pola tarde soamente. Pero o persoal temos día e medio de descanso, que é o que nos pertence por convenio.

Para concretar abrimos de luns a sábado de sete da mañá a nove da noite e os domingos de nove da mañá a tres da tarde.

Que servicios temos aquí no restaurante?

Temos o mellor servizo. Facemos un Xamón asado que é unha delicia, carne asada ao forno… Temos carta e menú do día (de luns a venres) por nove euros que leva tres primeiros a elixir, tres segundos, pan, bebida, café e sobremesa. Ofertamos peixe a diario que nos abastece o peixeiro todos os días aquí no local. Temos variedade de carnes, pastas e peixes todos os días, menos os domingos que non traballa a cociña. 

E como cociñas o bacallau? está e a miña comida favorita e como máis me gusta é a prancha.

Podo facelo ao forno cun condimento que lle boto por riba que non che vou dicir cal é, a prancha está moi bo tamén, cocido…

Tal como mo pintas vou vir comelo antes de que remate o mes e xa che direi se está tan bo coma me contas, a min dime o teu fillo que cociñas moi ben e teño ganas de comprobalo. Agora fálame dos pratos que hai na carta, que me recomendarías?

Eu todo, pero se teño que escoller, creo que o mellor e o bacallau como estabamos falando, ou solombo ao queixo tamén.

E da sobremesa Mari Fe, que me recomendas?

A sobremesa é toda caseira menos o melocotón e a piña que ven nunha lata, risas.

Elaboramos tarta de queixo ao forno, tarta de queixo fría con marmelada de froitos do bosque, cremas (natillas), flan caseiro, flan de queixo, tiramisú, biscoito, pudin…

Moi ben, que boa pinta todo. A parte do servizo de restauración, tedes servizo de cafetería tamén, non si?

Si, claro. Podes vir tomar un almorzo de mañá, servimos almorzos completos con zume de laranxa, tostada de pan, xamón con tomate e aceite. Tamén podes vir a tomar un café tranquilo a calquera hora do día, ou unha cervexa, refresco ou o que che apeteza..

Estás contenta de dar este paso de ser empregada a ser autónoma?

Moi contenta, non me arrepinto para nada.

E que receptividade atopas no pobo de Porriño co voso novo negocio?

A aceptación foi moi boa, hai moi boa xente e moi sociable. Levo aquí dous meses e a xente de aquí de Torneiros que se achega onda nosa, dáme a impresión de que a coñezo de toda a vida, que son amigos de sempre. Temos clientes que veñen comer a diario que xa queren celebrar aquí o seu aniversario a fin de semana, temos moi boa aceptación, a verdade.

Tamén facedes celebracións por encargo?

Si, todo o que o espazo que temos no o permite, claro. Aniversarios, comidas de empresa, de familia, de amigos, ou mesmo unha voda, comuñón ou bautizo se son pequeniños tamén.

Moi ben Mari Fe, moitas grazas por atendernos.

Grazas a ti Tino.