Minaría do ouro en Salvaterra

Minaría do ouro en Salvajería
Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

O pasado día 20 de marzo tiven a sorte de facer unha interesante e pedagóxica andaina xeolóxico-mineiro-cultural, nunha zona da freguesía de Salvaterra que se ben farto de cruzar por ela, nunca me dera por entrar, nin sequera movido pola miña afección á micoloxía.

Foi o meu amigo e conveciño Serxio Domínguez Estévez, “Bufo”, quen me puxo en contacto có Xeólogo Óscar Pazos Rodríguez, Vigo 1967, autor do libro “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia”. 

Ficamos esa tarde para ver o lugar, viñeron varias persoas máis, xentes do Baixo Miño, o Sr. Xuíz de Paz Marcelo Sánchez Souto, o meu fillo Diego Lorenzo Aparicio, Enxeñeiro de Minas, máis eu.

Despois de diversas explicacións impartidas polo Xeólogo, acompañadas de fotos a cor plastificadas, a propósito para o evento, iniciamos a andaina. Aínda non viñera Marcelo que ficara atrasado. Iso deu lugar a anécdota da tarde; houbo que improvisar por parte de Diego unha gran frecha de madeira no chan con restos de pólas para que, ao ollala Marcelo, se decatara por onde íamos. Días após comentábame Diego, “sabes de onde tirei a idea de facer a frecha?”, si respondín, dos “Xóvenes castores”, lecturas da súa infancia, libros por certo que aínda conservamos.

Mergullámonos no cerne da mina, na parte máis Suroeste, case na confluencia dos ríos Miño e Tea, preto da ponte ferroviaria, alí xurdiu, entre outras moitas explicacións levadas a cabo polo noso cicerone Óscar Pazos, que aqueles montóns de croios e areas de aluvión que inzan a zona eran en realidade a consecuencia da acción mineira levada a cabo sobre o século II, en tempos da dominación romana da Gallaecia. Non eran como eu pensaba elementos defensivos dos tempos das guerras fratricidas con Portugal do século XVII, (inda que puideron ser empregados con ese fin).

Diego Lorenzo non foi, dende logo, o primeiro Enxeñeiro en visitar o lugar, nin moito menos. Con alta probabilidade debeu ser un Enxeñeiro de orixe alemán, D. Guillermo Schulz, (en realidade Wilhelm Phillip Daniel Schulz) nado en Dörnberg, Habichtswald o 6 de marzal de 1805, finado en Aranjuez o 01 de agosto de 1877, residiu durante décadas en Ribadeo, sendo Comisario de Minas e Inspector do Distrito da Galiza e Asturias, foi asemade profesor universitario e Xeólogo. Foi este persoeiro o autor do libro “Descripción geognóstica del Reino de Galicia”, imprenta de los herdeiros de Collado, Madrid 1835. Nel aparece o mapa petrográfico do Reino de Galiza que se conserva na Biblioteca Nacional de España, onde se describe claramente o lugar que nos ocupa. 

Volvendo ao noso Xeólogo Óscar e Ao eu libro, nel podemos desfrutar de numerosa información a propósito da minaría na Galiza, Asturias e norte de Portugal, ben ilustrado con fotografías e mapas. Cita o historiador romano Cornelio Tácito quen veu a describir estratexias empregadas por estes para vencer a resistencia dos bárbaros dando lugar a conquista e romanización do territorio noroeste, 

“Tácito contou dos trallos (trampas), de Agrícola para engaiolar ós bárbaros, para os enlear nos degoiros da civilización, para muda-los desvelos da guerra nas angueiras da paz, para agocha-la servidume no velo da paz romana. E estas mesmas mañas que Agrícola empregou para cativar ós británicos foran antes requincadas por Bruto, por Xulio César e por Augusto para enguedellar ós bárbaros galaicos. Mais en troques de construíren casas, pórticos ou templos, os romanos alentaron ós galaicos a minar todo canto ouro e prata houbera na terra.”

Consta o libro dunha primeira parte dedicada propiamente a minaría, xacementos de ouro e laborías mineiras. Describe o problema do coñecemento xeolóxico da minaría romana, os traballos de extracción dos ríos. Da minaría en primario, caso da mina dos Buracos dos Mouros en Tomiño, a minaría entre o Miñor e o Miño. Da minaría en secundario nos bancais do Miño e as minas castrexas e castros mineiros do Tea. Entra asemade a describir as estimacións das distintas valoracións feitas polos expertos na cantidade de ouro e outros metais que se puideron extraer nesa época. 

Na segunda parte tira de Estrabón e acomete a “invención da Gallaecia”, a descuberta e invención dos galaicos e a intervención destes nas guerras cántabras. Relata os plans de Augusto, o cénit do ouro, o século hispano do imperio e remata falando do paso de castrexos a galaicos.

Na contraportada cita un parágrafo da Historia Natural de Plinio, “Segundo din algúns, cada ano a Astúrica con Gallaecia e Lusitania producen vinte mil libras, disque a maior parte a Astúrica. Ningún lugar do mundo mantén de tantas xeracións atrás tal fertilidade.”

Cinguíndonos de novo o caso de Salvaterra, chama a atención a falta de referencias na micro toponimia, que se saiba, á minaría do ouro, habería que pescudar nos cupos de propiedade das múltiples parcelas en que se divide hoxe ese espazo mineiro. Si que podemos sinalar, Fontoura e mesmo Lodeiro, lugares moi próximos, (senón inseridos na propia mina), tamén o lugar da Fraga. Curiosamente do lado portugués temos o lugar de Lodeira, en feminino. No primeiro caso podemos imaxinar a “fonte do ouro”, nos outros “os lodos”, consecuencia de lavar as terras na extracción, no caso da Fraga, pois iso, zona de ferreiros.

Lamento non haber tirado copia, ou tomar referencias, dun documento existente no Arquivo Municipal de Salvaterra de Miño no que durante as miñas múltiples pescudas no mesmo, tiven a ocasión de ler. Tratábase da queixa que a Sra. Marquesa, Vva. de Torre Cedeira, propietaria a sazón da finca Fillaboa, facíalle o Concello polo mal estado do camiño entre a estación do camiño de ferro e a citada quinta. Naquela altura non existía a estrada a Salceda e O Porriño nin a vella ponte do Tea, foi a construción da mesma que deu lugar a primeira destrución de elementos arqueolóxicos vencellados a minaría local o atravesar ese lugar.

O camiño antigo, aínda existente, vai dende o lugar de Fontoura até a mesma Fillaboa a través dos lugares da Fraga e do Lodeiro.

Sería realmente un desastre que algún día se poida facer calquera actuación nun lugar de tanto interese arqueolóxico que tan só está protexido na zona de Vasco de Puga e Queimados. Existe realmente un risco de perda patrimonial importante. Fundamental poñer dita realidade en coñecemento das autoridades e que estas se impliquen no asunto.

Espero que algún día Óscar Pazos nos poida deleitar con unha charla- conferencia, divulgativa desta riqueza que leva aí a nada menos ca dezanove séculos.

Salvaterra a 17 de abril do 2021