Ven do mes de Abril pasado.

Ano de 1658…. No arrabal de Monção hai dous conventos, un de relixiosas Franciscanas, outro de monxas de S. Bento, o primeiro foi logo gañado e serviu de plataforma para o ataque, o outro ficou arruinado pola artillería.

Gobernaba Monção o Tenente de Mestre de Campo Xeneral Lourenço de Amorím Pereyra. Constaba a guarnición de seiscentos Infantes pagos e Auxiliares asistidos de Oficiais de coñecido valor, estaban ben fornecidos, agás de municións que eran poucas, asemade a esperanza dos socorros ía con atraso.

A sete de Outubro comezaron a traballar as baterías e para cubrir o traballo de unha, avanzou D. Baltasar Pantoja un Tercio de Infantería ata unhas casas que estaban fora da Praza. Saíu a defendelas o Sarxento Maior Diogo de Oliveyra con corenta Infantes e resistiu moitas horas a embestida do Tercio. Recibiron os galegos reforzos, retirouse o Sarxento Maior ferido dunha bala de mosquete, do que pronto acabou morrendo. Gañadas as casas e lanzada unha ponte de barcas no lugar chamado Caracoes, deron os Galegos un asalto na zona da tenalha (estrutura defensiva de pouca altura, feita nun foso entre dous baluartes) de S. Antonio que defendía o Alférez Estevão de Barbeytas. Foi un combate vigoroso, máis grande a resistencia. Retiráronse os Galegos pero no cuarto da Alva (quenda de garda que se realiza na madrugada, entre as catro e as oito horas) tornaron a atacar a tenalha, imaxinando que os defensores estaban descansando polo bo resultado anterior, poren o Alferez valeroso e vixilante, habéndolle Lourenço de Amorím reforzado a guarnición, tivo tan boa sorte que obrigou ós Galegos de novo á retirada con perda considerable de homes , demostrando ó Marqués de Viana, que a empresa de Monção era moito máis difícil que a de Lapela, en consecuencia dispuxo continuar o asedio con maior cuidado. Levantáronse dúas plataformas, unha no patio do mosteiro de S. Bento, outra na ermida de S. Xulián, nos que emprazaron seis medios canóns contra a muralla. A artillería do Forte de Aitona (preto do actual pazo das Barreiras) ocasionaba grande ruína nas casas da Vila e a este mesmo fin se levantou unha cuarta batería na marxe do río e todas, inclusive un morteiro, disparaban incesantemente. Os defensores armados de valor, acostumados ás balas non buscaron máis reparo que entregarse a súa sorte. Difundiuse este exceso de confianza pola carraxe das mulleres, que sen temor ás balas serviron con admiración ós feridos e doentes. O Conde de Castello-Melhor con incesante traballo dispuña ordes, prometía premios e ameazaba con castigos a todos aqueles que non acudisen a defensa da Vila, pero non foron suficientes estas medidas posto que os reforzos que viñan de Ponte da Lima mandados polo Xeneral de Artillería, encomendado de auxiliar á Vila de Monção, tivo graves problemas para formar ese exército de reforzo, poucos eran os que acudían ó chamado e menor a persistencia dos que se achegaban, medrando con isto a desconfianza na perda da Praza, máis polo desalento dos naturais do país que polo valor dos inimigos, e todas estas fatalidades íanse conxurando contra a vida do Conde de Castello-Melhor, cuxa saúde se resentía.

O Marqués de Viana recoñecendo o valor dos defensores de Monção, que non pensaban entregar aquela Praza facilmente, dividiu a circunvalación dela en tres cuarteis ou partes, ben fortificados con líñas e fortíns que pechaban o cordón. Don Baltasar Pantoja, logo que asegurou os socorros que podían entrar na Parza, abordou por dúas partes ós sitiados. Determinaron eles cortarlle os pasos e conseguírono facendo varios contraataques. O dezasete de Outubro saíron do Fortin de S. Antonio contra unha das liñas de ataque, que camiñaba para aquela parte, obrigando os Galegos atacantes a retroceder. Foron socorridos polo exército e retiráronse os sitiados, pelexando con tanto valor a custo de algúns feridos pero deixando a Campaña cuberta de corpos de Galegos, figurando entre os mortos o Capitán Segura e outros Oficiais.

Estes bos resultados aumentaron o alento dos sitiados pero acrecentaban a pena do Conde de Castello-Melhor pola imposibilidade real de socorrelos coa prontitude que desexaba. Alivioulle esta situación o Conde de Miranda, Gobernador do Porto que chegou en persoa ó Cuartel de Coura con oitocentos Infantes. O Conde de Castello-Melhor púxoo en antecedentes do apreto en que estaban os de Miranda, do moito que precisaban de ser socorridos e dos poucos medios que tiñan, e despois de longa conferencia acordaron que se introducise calquera socorro por pequeno que fora, para dar alivio e ánimo ós sitiados, e polo menos gañar tempo para intentar un socorro maior.

Ofreceuse o Mestre de Campo Fernando de Sousa Coutinho para examinar o lugar por onde se debía introducir o socorro premeditado, o Conde de C. Melhor mostrou a sua satisfacción por esa oferta e mandou incluso os seus fillos para o acompañar. O mesmo fixo Mathias da Cunha e o Capitán de Cabalos Diogo Pereyra de Araujo, moi práctico naquel distrito.

Saíu Fernando de Sousa do cuartel de Coura na noite do dezanove de Outubro e chegando o cuartel de Cortos (tal vez Cortes, freguesía de Monção) a tiro de mosquete, apeouse o Capitán e Diogo Pereyra e entrando por entre os sentinelas das Compañías de garda, que ficaban fora dos cuarteis, examinou o lugar que ocupaban, a altura das liñas, o estado destas e todo o que máis conviña para informar ó Conde, do que se vía e non do que se supuña, vicio que tiñan moitos exploradores dando en perder grandes empresas. Retirouse Fernando de Sousa e informando ó Conde de todo o que tiña examinado, deulle a esperanza de conseguir o que se intentaba.

Rapidamente deu o Conde aviso a Antonio de Almeyda Carvalhaes, que gobernaba Salvaterra, para que tivese preparados todos os barcos, que eran necesarios para introducir o socorro, advertíndoo dos fins que habían de ter, para a hora de saír os barcos da Gandra de Cortos, lugar en que a Infantería e as municións habían de embarcar, para introducirse por Salvaterra en Monção. Dada esta orden, marchou o vinte e un de Outubro o Tenente Xeneral de Cabaleiría Domingos da Ponte Gallego con trescentos cabalos e Fernando de Sousa Coutinho con catrocentos Infantes, que foron entregados despois de embarcados ó Capitán Fernando Leyte Pita que levaba na súa compañía os Capitáns Antonio Ferraz, Francisco de Castro de Araujo, Alexandre de Sousa de Azevedo, Francisco Nunes Pacheco e outros Oficiais. Levaban consigo trinta barrís de pólvora, oito cuñetes de balas e dezaseis quintais de murraõ (mechas para artillería). Toda a operación foi executada con precisión, cargou a cabalería os bastimentos, a Infantería fixo os sinais, saíron os barcos de Salvaterra cargados asemade con trescentos cincuenta Infantes e as municións e rapidamente as introduciron en Monção.

Os galegos cando se quixeron dar de conta atoparon atrancados os camiños, que Fernando de Sousa tiña recoñecido a noite anterior. Foron rechazados e o Domingos da Põte e Fernando de Sousa refuxiáronse rapidamente sen perda algunha, tan só lamentar que ficaron atrás cincuenta Infantes que por errar de camiño non se embarcaron. Lourenço de Amorím recibiu o socorro con gran alegría e pasou a entregarlle a Fernaõ Leyte Pita a defensa das trincheiras…Continuará.

Fonte: Portugal Restaurado, parte II, Libro III. Luís de Meneses, Conde da Ericeyra.

Salvaterra de Miño, 06 de Xuño do 2026

Antón “Xaque”