O Imperialismo, inimigo da humanidade

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Ningún pobo de América Latina é débil, porque forma parte dunha familia de douscentos millóns de irmáns que padecen as mesmas miserias, albergan os mesmos sentimentos, teñen o mesmo inimigo, soñan todos un mesmo mellor destino e contan coa solidariedade de todos os homes e mulleres honrados do mundo.” Ernesto Che Guevara

Hoxe podemos emendar estas palabras do Che e dicir que todos os pobos do mundo temos o mesmo inimigo. Un inimigo, o Imperialismo, do que non nós podemos fiarnos ni un “tantito así”.

Estes días o Imperio está actuando simultaneamente por todo o planeta.

Non podemos separar o que acontece en Venezuela das revoltas orquestradas pola CIA e o Mossad en Irán, como tampouco do recente intento de golpe de estado organizado pola Franza en Burkina Faso ou da guerra na Ucraína da OTAN contra Rusia.

As ameazas contra Cuba, acompañadas dun brutal bloqueo, Nicaragua, Corea do Norte ou calquera outro país que non se digne acatar os ditados imperiais son un condicionante para o libre exercicio da soberanía.

As “revoltas” en Irán non teñen nada que ver coa situación económica, están organizadas por “occidente” para derrocar un país que non se somete, como fixeron con Iraq ou Siria, e pola súa alianza con Rusia e China. A estas alturas alguén pode crer que a ese “occidente” criminal lle preocupan os dereitos humanos, a situación das mulleres, a democracia? Que llo pregunten aos Palestinos.

Trump deixouno claro, queren o petróleo e todos os recursos naturais do mundo.

Cando falamos de Imperio non estamos referíndonos a un presidente bufón que solta barbaridades e non agocha as súas intencións. Trump, como Baiden ou Obama, só representan un papel ao servizo do capital que move os fíos imperiais. Tan criminais son uns como os outros. Desde o nacemento dos EEUU sempre estiveron metidos en guerras coloniais. Primeiro cos nativos americanos e despois contra o resto do mundo, para colonizar e espoliar recursos.

A diferencia é que neste século XXI estamos ante un Imperio decadente que ve como pouco a pouco perde influencia no mundo, e tenta evitar esa situación do peor xeito posíbel. EEUU ten unha débeda que non pode pagar, e que aumenta día a día, está desindustrializado e necesita importar, pese a ser un dos maiores produtores, miles de barrís de petróleo diarios.

Os EEUU quedaron relegados economicamente a unha segunda posición. China é hoxe a principal potencia económica, os BRICS representan unha porcentaxe de poboación e de movemento económico que non está ás ordes de EEUU. O dólar vai perdendo influencia nas transaccións comerciais mundiais.

A aguia imperial non se resigna a morrer con tranquilidade, non asume que uns novos tempos son chegados. Quitou a careta e agora ameaza, bombardea e secuestra presidentes sen necesidade de falsos argumentos. Queremos o petróleo!

A Unión Europea é hoxe o mellor vasalo dos EEUU.

Despois da segunda guerra mundial os países que conforman o núcleo duro da UE quedaron ocupados militarmente e convertéronse en neo-colonias dos EEUU. Desde aquela perderon a súa soberanía, son estados sometidos sen independencia política, económica e militar.

A Unión Europea non deixa de ser un instrumento ao servizo da dominación política e económica dos pobos para satisfacer os intereses dos grandes fondos de inversión que moven os fíos dos gobernantes da UE.

O exemplo máis claro témolo no conflito con Rusia. A UE desde un primeiro momento obedeceu os ditados de Washington e participou activamente na infiltración e posterior golpe de estado en Ucraína. Alentou a belicosidade dos nazis que están no goberno de ese país, calando ante as masacres e bombardeos da poboación civil. Están gastando miles de millóns de euros que saen dos nosos petos en armamento para que continua a guerra contra Rusia.

Estamos ante un reparto de papeis. O amo Yanki quere tomar posesión dos seus “dominios” Americanos (incluída Groenlandia), pois necesita os seus recursos naturais, mentres a UE coa Gran Bretaña continúan a guerra contra Rusia. As discrepancias sobre Ucraína son puro teatro. Non nós enganemos, é unha guerra da OTAN, do occidente colectivo, contra Rusia para continuar despois o enfrontamento con China.

Hoxe a UE lévanos ao abismo da guerra total dilapidando recursos económicos en armamento, mañá, cando xa non queden ucraínos que empuñen as armas, teremos que ir nós a combater contra unha potencia nuclear.

Venezuela o primeiro acto da nova era Imperial.

Nin Venezuela é un narco-estado, nin Maduro é un ditador sanguinario. Neste país realizáronse moitos procesos electorais con distintos resultados, o problema está en que eses resultados non son os que quere EEUU. O goberno venezolano combate o narcotráfico e a produción de drogas no seu territorio, como de feito recoñece a ONU. A droga, a cocaína, chega a EEUU desde outros países aliados sen ningún tipo de obstáculo. Que lle pregunten á DEA como funciona ese negocio, como é de lucrativo, e como empregan a droga como instrumento de control social.

Venezuela é un estado soberano, ese é o problema. Un estado que quere decidir sobre o seu petróleo e os seus recursos naturais, que decide a súa forma de gobernarse, que mantén relacións económicas e de amizade con China, con Rusia, con Irán, con Cuba.

Poden adubalo con relatos sobre opositores, dicir que é unha ditadura, que Maduro é un narco, hoxe esas mentiras xa non enganan a ninguén. O lamentábel é que xente, que teoricamente está “informada e formada” compre o relato que nós quere vender o goberno Trump sobe a intervención en Venezuela e os acontecementos posteriores.

Traizón, non houbo loita, Delcy pactou con EEUU, non houbo resistencia, Maduro fixo un pacto para entregarse… Todas estas afirmacións sen fundamento e sen información e contraste foron repetíndose nós últimos días. Algún non poden estar con Venezuela nin cando é bombardeada polo Imperio, e ten que repetir as consignas do inimigo para xustificarse.

Falar de traizón é darlle argumentos ao inimigo e desmoralizar aos amigos. Delcy está de presidenta porque así está no marco xurídico da República Bolivariana de Venezuela, non porque a puxera o bocas de Trump. Maduro non pactou nada, foi secuestrado xunto coa sua dona Cilia Flores.

Os venezolanos e os cubanos resistiron a agresión militar. Polo momento hai recoñecidas cen mortes, entre civís e militares. Militares que morreron defendendo a Nicolas Maduro e impediron a toma dunha base militar, enfrontándose a un exercito tecnoloxicamente superior que anulou radares e defensas aéreas.

Os galegos e galegas antiimperialistas debemos estar coa Venezuela Bolivariana, con Palestina, con Cuba, con Irán, e co resto dos pobos do mundo que loitan contra o imperio criminal.

Primer comentario

Deixa a túa opinión