Alberte Román
En Redondela, o tránsito do fin de ano tróuxonos unha chea de anuncios de investimentos por parte do goberno local. Nunha conta da leiteira, así rápida, dá algo mais de catro millóns de euros de fondos captados para infraestruturas de todo tipo, culturais, deportivas, sociais.
Mais a min, o único q non me sae da cabeza é o cheiro. O cheiro da depuradora. Quen me coñece, sabe q é cousa recorrente nas miñas teimas. Convivimos cunha normalidade completamente anormal, como é ter unha estación depuradora nesas condicións no centro da vila. A depuradora está no corazón dunha das áreas centrais de Redondela onde se agrupan os centros educativos, os espazos deportivos, o centro de saúde, e a zona que acolle dúas veces no mes unha feira comarcal, ao tempo que é unha das, poucas, zonas de espallamento con que contamos en Redondela co paseo cara á Portela, Cesantes.
Recentemente saíu publicada nos xornais unha información sobre o eterno cuestionamento que as autoridades europeas fan sobre a eficiencia das redes de saneamento en Galiza. E a UE volta pór o foco sobre unhas redes de saneamento obsoletas e mal planificadas que derivan no eterno problema da má calidade das augas nas rías. A ese cadro, en Redondela debemos engadir a peste da depuradora.
Por sorte, só en ocasións teño que me achegar ou cruzar a zona da depuradora. Cando pasas por alí, un non pode evitar que o fedor se che meta no nariz e te acompañe un bo cacho. No meu caso, acaba activando un estado de carraxe que me dura todo o día. Como podemos seguir aturando isto como se nada? Sempre penso en quen teña que convivir a diario, sobre todo o alumnado e profesorado dos centros educativos, con ese cheiro a merda. E sempre me pregunto como algo así non ten provocado protestas e pedimentos para pór fin a esta situación de insalubridade por parte dos centros educativos ou das asociacións de pais e maes. Como é que unha cuestión como esta, que afecta á calidade do ar que respiramos, non está nas axendas da corporación local e dos movementos sociais. Parece que estivese asumido ter que padecer esa pestilencia como un mal menor que non tivese solución. Como se vivísemos un estado colectivo de resignación. E sorprende, tamén, que nun tempo en que as accións dos nosos gobernantes parecen mirar máis polos turistas que por nós, ninguén teña erguido a voz sobre como isto afecta á vaca sagrada do turismo.
E que conste que eu non son das voces que defenden o traslado da depuradora a outra localización. Considero que o territorio da beiramar xa está ben estragado, e non precisa máis desfeitas. Hai que procurar unha solución técnica a este problema que pase por reformar as instalacións existentes. Temos perto o exemplo de Vigo, onde construíron unha cúpula sobre a depuradora do Lagares, o que permite o control das emanacións dos gases producidos nos procesos
de depuración. Que haberá outras solucións técnicas, con certeza. Aos cidadáns non nos compete colocar riba da mesa a solución. O noso cometido é denunciar, e forzar ás autoridades locais, neste caso por ser as máis próximas, a que activen un proceso que poña fin a esta situación, indo petar naquelas portas que for preciso para dar cabo dunha situación noxenta. Se son quen de procurar financiamento para unhas cousas, ben poden para outras. Digo eu.

Primer comentario