Menos fracking e máis Franklin

Oliver Ávarez Barranco

Da xeopolítica á micropolítica: a democracia constrúese desde dentro.

Este 2026 comezou axitado e semella que a axenda global volta a xirar ao ritmo das decisións marcadas polos Estados Unidos. A intervención en Venezuela, as ameazas sobre Groenlandia e a súa ambición declarada de dominar o hemisferio occidental, ao abeiro da Estratexia de Seguridade Nacional 2025, debuxan un panorama desacougante. O dereito internacional, que até agora regulaba as relacións entre Estados, parece ter sido relegado a un segundo plano. A nova regra que rexe a orde internacional é, paradoxicamente, que xa non hai regras.

No medio desta axitación global, talvez estexamos ollando na dirección errada. Obsesiónanos o “fóra”: cal será o seguinte obxectivo do Presidente Trump; cal será a resposta de China ou de Rusia; que acontecerá neste novo desorde internacional… Dá a impresión de que a escena mundial fose un espectáculo autónomo e alleo.

Porén, o decisivo está “dentro”: no baleirado da democracia como forma histórica, na conversión do demos en público e na construción dunha cidadanía espectadora que só asiste aos acontecementos. Mirar cara ao exterior tranquiliza; mirar cara ao interior obríganos a politizar a vida cotiá e as súas institucións.

De aí a necesidade de perforar —“Drill, baby, drill”— pero non a cortiza terrestre na procura de recursos naturais, senón os alicerces dos nosos sistemas para construír democracia. Debemos preguntarnos: quen vela hoxe pola democracia?, quen protexe os valores republicáns?.

Os ideais de liberdade, igualdade e desenvolvimento asociados pela democracia liberal á economía e ao comercio internacionais funcionaron como unha ideoloxía que prometía harmonía e prosperidade global. Na práctica, con todo, a miúdo serviron para desactivar o conflito social, despolitizar a poboación e neutralizar o demos. A cidadanía, neste proceso, converteuse nunha mera comunidade de consumidores, allea ao conflito —motor de toda vida democrática— e sen capacidade crítica nin responsabilidade democrática.

A cuestión afecta de cheo aos Estados Unidos nestes días: onde están os demócratas no sentido máis cívico do termo?, onde están as institucións federais que deberían actuar como contrapeso ante a deriva personalista e expansionista do seu Presidente? A poboación estadounidenses non debería estar tan preocupada por teren visto erosionada a súa centralidade económica, financeira e política a nivel global, senón polo gran deterioro da lexitimidade interna do seu propio réxime.

O trumpismo demostrou ser moi eficaz identificando fendas, tensións e resentimentos para dividir e polarizar a poboación. Practicou un auténtico fracking político, perforando cada vea de confrontación para extraer combustíbel partidista ao prezo de erosionar o sistema institucional. A súa eficacia non se limita a esa explotación do conflito, ademais, foi quen de dotar dunha identidade política, emocional e case tribal a un amplo sector da cidadanía estadounidense precarizada aos que non invita a cuestionar as estruturas que producen a súa precariedade, senón a actuar contra inimigos imaxinarios.

Sorprende, por iso, a timidez da réplica por parte do propio pobo e das estruturas que historicamente sostiveron a República. Lembrando aquela resposta atribuída a Benjamin Franklin ao saír da Convención Constitucional “A republic, if you can keep it.”, non como un aceno á orde liberal, mas como unha advertencia sobre a súa fraxilidade. Unha República só é posible se se mantén en tensión; é un sistema vulnerábel que non se herda nin se presupón: hai que coidalo e defendelo. Nese senso, require vixianza e práctica constante. Os e as estadounidenses deberían deixar de perforar o terreo común na procura de diferenzas identitarias e perforar para reabrir o conflito sobre o poder e o sentido do colectivo.

De aí que tamén sorprenda a pasividade da Corte Suprema, do Congreso e do Senado, dos que se agardarían respostas máis contundentes, alén da súa mera existencia para garantir o equilibrio. As universidades, os partidos e as asociacións civís, ¿non teñen nada que dicir ante as ameazas ao orde constitucional e ao sistema internacional? Semella como se xa cedesen demasiado terreo á lóxica da xestión desde unha neutralidade que preserva o statu quo. O problema talvez non sexa a falta de voces, senón a falta de capacidade de organización de resposta.

Na súa obra A democracia en América, Alexis de Tocqueville confiaba en que o asociacionismo, a cidadanía activa e a descentralización do poder eran capaces de frear a inxustiza. Observaba como a propensión ao conformismo e a posibilidade dunha tiranía da maioría eran síntomas da fraxilidade do sistema e viu no asociacionismo un antídoto parcial. Hoxe cabe preguntarse se ese impulso asociativo segue vivo, se queda algo dese “Nós, o Pobo” que abre a Constitución de 1787.

Para que este chamado a “repolitizar” teña vías claras, é preciso revitalizar o asociacionismo local para reconstruír o tecido social desde a base; esixir transparencia e control institucional que obrigue á rendición de contas, e recuperar a educación cívica crítica que devolva á ciudadanía a súa capacidade de análise fronte ao espectáculo.

Franklin e Tocqueville coinciden en que a democracia non se proclama, practícase. Fronte ao fracking político que erosiona las instituciones, precisamos menos perforación e máis traballo cívico. Menos fracking e máis Franklin.

Primer comentario

Deixa a túa opinión