O evento, que se celebrará en Vincios, será conducido polos regueifeiros e veciños de Gondomar Bieito Lobariñas e Luís Caruncho
A Asociación Cultural Centáurea lembra a todas as persoas e entidades interesadas que dende o pasado xoves 15 e até o día 30 de xaneiro está aberto o prazo para participar no V Certame de Coplas de Entroido que, organizado por esta asociación, se celebrará o día 8 de febreiro, Domingo Corredoiro, a partir das 12:00 da mañá.
Este evento, habitualmente convocado na vila de Gondomar, terá lugar nesta edición na parroquia de Vincios, na finca da antiga reitoral, ou no interior do Centro Cultural no caso de chover. A actuación das comparsas será guiada polos regueifeiros de Gondomar e conveciños nosos, Bieito Lobariñas e Luís Caruncho, que reeditarán o éxito acadado en anteriores edicións, achegando o seu humor cáustico e crítica social propios das Coplas de Entroido.
Canto ás coplas, o enxeño, o humor e o sentido crítico das letras, a posta en escena e a composición e acompañamento musical serán os criterios a valorar polo xurado. Os grupos participantes recibirán como agasallo a réplica cerámica dunha máscara tradicional do noso Entroido, realizada polo artesán Antón Román, tamén veciño do noso concello.
Este certame de coplas está aberto á participación de toda a veciñanza e as bases e as instrucións para participar están publicadas no Facebook da A. C. Centáurea (a.c.centaurea).
Desde a Xunta Directiva de Centáurea “animamos a todas as xentes en xeral a participar deste evento, a “botarlle unhas coplas” para poñer en solfa a actualidade, local ou mundial, cunha boa dose de crítica social e sátira popular”, traslada o seu presidente, Alfredo López.

Primer comentario