O BNG de Pazos de Borbén denuncia deficiencias na recollida do lixo e o mal estado dos contedores do lixo

Lixo Pazos de Borbén

A organización nacionalista volve denunciar como cada ano a pouca supervisión do goberno de Andrés Iglesias aos servizos privatizados como é a recollida do lixo. O seu responsábel local sorpréndese do servizo tan deteriorado que teñen os veciños e as veciñas de Pazos de Borbén principalmente nos meses de verán.

Como cada ano por estas datas vemos como o lixo se acumula a carón dos contedores. “ Tódolos barrios dos concellos están cos contedores cheos de lixo sen recoller desde hai días” recalca o seu responsábel local Xurxo Pardo. Centos de veciños e veciñas están a padecer nestas semanas de calor os malos cheiros procedentes do lixo acumulado que nalgunhas ocasións amoréanse máis dunha semana.

Recordan desde o BNG que a recollida do lixo era un servizo xestionado polo concello ata que o actual alcalde do PP, Andrés Iglesias, privatizou a recollida do lixo, agora nas mans da empresa privada Urbaser. Desde que o servizo se privatizou os problemas son contínuos, e destacan desde o BNG que Urbaser non está a cubrir as vacacións do persoal o que provoca que o lixo se acumule durante días nos colectores enchendo e desbordando, precisamente en plena vaga de calor. A todo isto hai que sumarlle a falta de limpeza e o mal estado dos contedores que están rachados e remendados por todas partes.

Dende o BNG de Pazos de Borbén solicitan o alcalde e o goberno do Partido Popular que faga o seu traballo e supervise ás empresas concesionarias. Destaca Xurxo P. Besadío que “ o concello debe abrirlle un expediente sancionador á empresa encargada por non cumprir o contrato e desatender as súas obrigas”. Ademais, de “que deben repor aqueles contedores rotos, así como cumprir coa obriga de limpalos.”

Rematan a súa nota afirmando que están sorprendidos de que nin goberno, nin a oposición con representación no concello fagan as reclamacións pertinentes.