Tino Lago
Probablemente Pedro Pereira nunca chegue a ser alcalde de O Porriño, e se se dese esa hipótese, con certeza O Porriño deixaría de ter un alcalde cun nivel político superlativo, dos máis elevados que coñezo, e despois de 25 anos mergullado nas tripas da política galego coñezo infinidade de políticos e políticas de todo tipo, e cunha vocación de servizo público elevadísima. Xa comentei nalgunha ocasión que se cada veciña e veciño do Porriño tivese a oportunidade de tomar un café con Pedro, e conversar con el devagar gañaría cada elección á que se presentase cunha avantaxe oceánica sobre os seus competidores.
“ O Porriño ten un alcalde que dá moitas apertas e moitos bicos pero engana á xente”.
Se hoxe puideras volver a vista atrás e situarche no momento no que tivestes que decidir se entrar no goberno de Eva García De La Torre, tomarías a mesma decisión que tomaches?
Si, non foi unha decisión fácil, sabíamos que tiña os seus riscos. Pero a miña convicción é que o balance dos dous anos que estivemos no goberno foi positivo para O Porriño. A dereita case sempre gobernou no noso pobo e se , cando a aritmética o permite, non pomos todo da nosa parte para construír alternativas resulta moi difícil cambiar as cousas e mostrar outra forma de gobernar. Por outra parte a dereita, en xeral, actúa como se o poder lle pertencese por dereito de berce e cando non o teñen reaccionan con extraordinaria virulencia. Pensan que se lle rouba o dereito de gobernar. O mesmo Alejandro, en pouco tempo, comeza a amosar preocupantes signos de autoritarismo
Recentemente pendurastes nas vosas redes sociais unha publicación que chamastes “ As 13 mentiras de Alejandro”.Non che vou pedir que me contes as supostas 13 mentiras unha por unha pero si que nos expliques a motivación que impulsou esa publicación?
O actual alcalde chega cun discurso supostamente rexenerador dunha presunta mala praxe política do anterior goberno. Varios meses despois de que asumise a súa responsabilidade vemos que a realidade dos feitos amosa que boa parte do seu discurso estaba sustentado na mentira.
Entón ese discurso rexenerador do actual alcalde non se corresponde, ao teu xuízo, coa realidade?
Non, rotundamente non. El procura dar a imaxe de que fai unha política distinta pero non é verdade. Incluso hai temas que van claramente para atrás.
Por exemplo?
As rozadas dos camiños. Faise puntualmente nos lugares que hai festas, , pero non regularmente para ter todo o termo municipal en condicións óptimas, e iso que conta con mais persoal que os dous últimos anos. Hai moitas zonas nas parroquias nas que están moi atrasadas.
O Concello do Porriño estaba en bancarrota?
Esa é outra das mentiras máis importantes ás que nos referiamos na publicación pola que antes me preguntaches. Fíxate se iso é falso que nos meses que o PP leva no goberno do Porriño levan gastados 4.000.000€ con cargo ao remanente positivo de tesourería. Dicirlle á veciñanza que estabamos en bancarrota cando tiña esa cantidade de cartos ao seu dispor é literalmente mentir á cidadanía.
Para que os gastaron ?, para pagar algunha das moitas facturas atrasadas?
Non. Foi para novos investimentos de saneamento como o do Picouzo e Devesa en Budiño, proxectos impulsados polo BNG, novas licitacións e para contratar persoal para servizos. A gran diferenza é que o BNG apoiou estas proposta e en cambio o PP do Sr. Alejandro, en propostas semellantes do anterior goberno, votaba sistematicamente en contra.
Chámame a atención o que me dis do gasto de tal cantidade de cartos en proxectos novos cando Porriño ten un número inmenso de facturas atrasadas, na conta 413, sen pagar. Avanzouse algo na resolución dese problema tan serio para moitas empresas que prestaron servizos ao Concello e non os cobraron?
Está como estaba. As facturas pendentes seguen pendentes de pago. El non ten interese nin vontade de solucionar ese tema, polo menos de momento
E por que, entende o BNG, que o alcalde non ten interese en solucionar iso?
Porque vende máis facer cousas novas que pagar as facturas atrasadas. Nesa conta hai a lo menos 3.500.000€ con informe favorable que amosa que o servizo se prestou correctamente e nós entendemos que se deben de pagar canto antes. As empresas que prestan servizos para o concello non deben ser castigadas sen cobrar porque algún responsable político non seguira o procedemento establecido para contratar. Este alcalde por un lado demandaba que boa parte das empresas tiñan que cobrar e por outro ía ao xulgado para que non cobraran. Un exemplo máis da pertinencia da publicación sobre as súas mentiras.
Vós estivestes no goberno con Eva, supoño que teredes algunha responsabilidade nese volume inmenso de facturas impagadas?
Non é por eludir responsabilidades, é a realidade: O BNG só estivo no goberno entre novembro do 19 e decembro do 21, e case todas as facturas que hai na 413 son anteriores á nosa chegada ao goberno. É o PP o responsable de que esas facturas non se paguen; agora porque goberna e podería facelo, e antes na oposición porque houbo varios intentos de recoñecementos extraordinarios de créditos, por parte do goberno no que estaba o BNG, e o PP xunto con EU SON impediron que se aprobaran..
Por que non votastes a favor de aprobar os orzamentos?
Un orzamento é o documento máis importante dun concello. Haino que elaborar con rigor , seriedade e darlle tempo á oposición para que o estude e faga as súas achegas. Ese sería o procedemento lóxico, pero o que fixo o PP é pretender que aprobaramos un orzamento sen tempo para estudalo e ligado a unha operación extraordinaria de crédito de máis de 9.000.000€ , que é nada máis e nada menos que o 50% do orzamento total do Concello. E todo isto sen ningún tipo de explicación de onde e como se ían executar as distintas partidas para saneamento, vivenda protexida….En definitiva, esas contas non se poden aprobar porque non son realistas
Só precisaba un voto para telos aprobado verdade?
Si, efectivamente só un voto afirmativo ou unha abstención. E non o deu conseguido o que fala moi ás claras da súa nula capacidade para a negociación e o consenso.
Con vós fixo algún intento para negociar o voso apoio ou abstención?
Non. O seu desleixo e desinterese son palpables, ata o punto de que a día de hoxe, 7 meses despois de que acadaran a alcaldía, o PP non ten avanzado absolutamente nada en ningún tipo de convenio específico para proxectos
Para o Centro de Saúde si, non?
Iso xa estaba previamente. A licenza xa se deu cando o BNG estaba no goberno. Ese mérito non pode esgrimilo o PP porque non é del. Todo o contrario, o mérito do PP é a tardanza. O atraso desde o 2010 ata actualidade é responsabilidade do PP
Na túa etapa de concelleiro recordo que estabas especialmente ilusionado co proxecto do paseo do Louro. Como está ese tema agora?
Ese era un proxecto BNG si, puxemos as bases para que sexa unha realidade a medio prazo coa compra de aproximadamente 18.000 m2, esperemos que o PP siga comprando terreos.. Eu percibo que xente do Porriño demanda unha gran zona verde e dotacional a carón do río Louro. Mais isto non é suficiente, hai que avanzar no soterramento da vía do tren e en buscar unha nova localización para frigolouro. En realidade todos os espazos recuperados para a veciñanza como foi a peonalización do centro do Porriño, a rúa Aloques, e Manuel Rodriguez no barrio de San Bieito son proxectos BNG
Outro asunto que vexo que provoca tensión política co goberno municipal é o das canteiras de Atios. Como está ese problema?
Alí hai dúas realidades distintas. Os montes da parroquia de Budiño, por sentencia xudicial firme, son propiedade do Concello do Porriño. No caso de Atios hai unha sentenza xudicial en primeira instancia que di que eses terreos son da Xunta de Montes de Atios, sentenza que confirma a audiencia de Pontevedra. Cando estaba Eva de alcaldesa instamos a que non a recorreran a sentenza de 1ª instancia, o que si fixeron contra o noso criterio. Cando sae a segunda sentenza da Audiencia, o pleno , xa con Alejandro como alcalde, aprobou unha moción do BNG para que non se recorrera a sentenza. Nese mesmo pleno dixo que non ía recorrer e logo por decreto recorreu
Entón fixo o contrario ao que dixo que ía facer?
Si, unha vez máis mentiu. O Porriño ten un alcalde que dá moitas apertas e e moitos bicos pero engana á xente.
Como está a situación do BNG do Porriño?
Está moi ben, na liña positiva e de crecemento da que goza o nacionalismo en todo o país. Toda a militancia está moi ilusionada e cunhas enormes gañas de traballar para que nas municipais do ano próximo deamos un salto significativo.
E as expectativas realistas?
A primeira é máis importante é que o PP non consiga a maioría absoluta
Esa hipótese vela factible?
Si, absolutamente. No 2023 imos pasar de 17 a 21 concelleiros/as e ao PP faríanlle falta 11.O Obxectivo, realista e verosímil, é evitalo. E logo imos intentar ser a forza máis votada de toda a esquerda .A nosa tendencia é ascendente e nós non nos poñemos límites
Vas ser ti o cabeza de lista?
Ata setembro non se toma esa decisión
E o teu ánimo e vontade?
Xa a trasladei ao Consello Local. Será a Asemblea do BNG quen decida que persoa será a candidata.