Martín Vázquez Fernández
Veciño de Mos, membro de GañaMos Asemblea Veciñal
Que pode necesitar un concello situado na periferia da maior cidade de Galicia, atravesado pola autoestrada da morte, cunha extrema contaminación ambiental e acústica derivada desta, cun déficit evidente de conexión entre as súas diferentes parroquias, coa falta de asistencia nos coidados dos nosos maiores sumado á falta de acceso á vivenda para a mocidade que decide facer a súa vida aquí? Exacto, un himno. Un himno patriótico!
O chauvinismo ou patrioteirismo consiste en facer exaltación do evidente, isto é, que todos nacemos nalgún lugar, que todos nos identificamos coa terra pola que corremos e caemos de nenos, e que lle temos un cariño a todo isto que dificilmente podemos racionalizar. Concretamente, o característico deste chauvinismo ou patrioteirismo é que esta apelación ás emocións está baleira de contido, non pretende transformar as condicións nas que vivimos, non responde aos problemas do día a día. Tanto no pasado coma hoxe, é usado para encubrir as propias miserias ou, directamente, para encubrir políticas que van en contra das maiorías sociais.
Orgullo español! Vive la France! E, por que non?, Vivamos como galegos! Proclamas de grandes imperios en descomposicións ou meros artefactos comerciais con baixo compromiso co que pregoan excitan a nosa inclinación ao grupismo. Discursos baleiros, significantes flotantes, que nada teñen que ofrecer ás necesidades deses “españois”, “franceses” ou ”galegos”. Só cando estas proclamas implican transformacións materiais, só cando un Vivamos como galegos! reclama o dereito á vivenda, á educación pública, á sanidade universal ou á redistribución da riqueza, só nese xusto momento, é cando escoitamos o estrondoso silencio dos que antes berregaban coma becerros.
En Mos, este proceso de propagación e banalización dos símbolos leva tempo en marcha. Exemplo disto é o gasto en bandeiras de 4.900€ entre o 2020 e o 2021. Seguindo vulgarmente a mesma estratexia que Abel Caballero, a alcaldía non escatima recursos en propaganda. Unha estratexia publicitaria que cobra formas grotescas como o das rotondas patrióticas que delimitan toda a contorna do concello, sempre ben coroadas co slogan institucional. Somos Mos! Berra, ela, desde o seu particular gueto de Toraia! Esta liña política saturada de insubstanciais ladaíñas cantonalistas ten a súa última ocorrencia na necesidade dun himno.
Non valía só cunha música, máis ou menos ben traída segundo os gustos de cadaquén, non. Houbo que acompañala dunha letra que puxera de relevo as propias miserias e contradicións. Así, os mesmos que afirman que España “no es ni será un Estado plurinacional”, tal e como dicía Feijóo hai uns días, son os que agora cantan a “historia da Nación de Breogán”. Os mesmos que están tramitando unha nova lei de montes no Parlamento Galego que elimina o carácter xermánico da súa propiedade, é dicir, que a herdanza da propiedade se atope en man común, unha particularidade nada trivial, son os que agora cantan á “historia e tradición” de Mos. Os mesmos mesmiños que no último pleno do concello de Mos tombaron unha moción promovida pola Organización Galega de Comunidades de Montes a prol dunha Iniciativa Lexislativa Popular para preservar as Comunidades de Montes en Galicia.
Os me(s)mos que cantan á paisaxe, “onde a terra fai o berce do solpor”, son os que pechan o himno dun concello introducindo o lema dunha sociedade mercantil –travestida de equipo de fútbol– que asedia os montes de Tameiga e Pereiras: “A túa bandeira é a afouteza”, cantan. Este esperpento acontece mentres o TSXG se reafirma sobre a ilegalidade das licenzas concedidas para o macrocomplexo deportivo do empresario Carlos Mouriño. Acontece mentres o cambio climático segue o seu curso.
A vinculación entre os intereses de letristas, empresarios e políticos é tan evidente que o lóxico sería que o inicio do himno fora acompañado por un aviso que rezara “espazo patrocinado”. Pese as aparencias, estes que din unha cousa e a súa contraria non son diferente persoas. Son sempre os mesmos. Os mesmos que militan no partido de sempre, que posan xuntos nas mesmas fotos, que enchen as barrigas nas mesmas mesas e que refregan os mesmos lombos que logo palmean entre si en sinal de camaradería. Bandullo e papo cheos, nunca fartos de engulir da pía do público e sempre famélicos de atención mediática, fozan e escaravellan a terra produtiva ata a converter en baldía.
De forma paradoxal, este proceso de construción de símbolos patriotéticos, esa desafortunada mestura entre o patriótico e o patético, debuxan un Mos máis estreito, un concello manexado por uns poucos pensado para os menos. Para este goberno algúns xa non “Somos Mos”, simplemente somos “deMos”, como di a brincadeira popular. Isto reflíctese na aprobación no pleno municipal dun himno con tan só o voto favorable do Partido Popular xunto aos dous tránsfugas que nos tocou aturar esta lexislatura. Velaquí toda a visión de Concello á que chega o goberno municipal, maiorías simples sen intención de consenso institucional para símbolos que acaban por insultar a nosa afouteza. Unha vez máis, pouco pan e pésimo circo!