
Co prefixo “contra” aparecen no arredor palabras que lle poden dar fundamento por oposición, andan pola contorna sen facer moita contorsión no sinxelo discrepar. Palabras que definen con certa perfección, aproximan a ese estado contrariado no que tantas veces chegamos. Aparece a contra e a contraventá, que impiden correntes e luz que poida exceder, son poxigo que torna calquera alento molesto. Súmase o contraataque, a contradición ou incoherencia, o contrabando, a contractura, contrafeito, contragolpe, contramán, contrapeso, contrapunto enriquecedor ou contraproducente, o contrario, os contrastes no medio das odiosas comparacións que queren igualarnos e que feren, os contratos que negocian e organizan axustes de trato, mesmo contravir ou desobedecer o debido.
E si, nos negociados ideolóxicos que tanto abundan, cada un de nós temos as nosas contradicións, tan humanas e non deben causar o mínimo escándalo pois son proba da singularidade, das nosas teimas e formas especialísimas de ser, aceptándoas e sen deixarse ir no aire. Nelas abandonamos moi frecuentemente posicións das que non estamos moi convencidos, nas que non atopamos sentido pleno, onde nos sentimos na contrariedade. Coñecéndonos non seremos quen de reprochárnolo, todo é produto da nosa personalidade. Facémolo tamén para que non nos arrastre esa masa informe dos que din meee e seguen na cerrazón de consignas, ou no alboroto ou finximento. Eu sigo a proclamar a liberdade e ao mesmo tempo contrapesar o consenso. Nese gume debemos seguir camiñando sen cegar, sen ofender a razón para poder confiar no mañá. No noso informe distintivo non aceptamos aquilo que proclaman grandes voces cando apartan da razón que nos asiste, onde deixan de man aspectos da realidade que non comprenderon con visións reducionistas ou pálidas. Chegados aí, reivindicamos a contradición e o contraste -que non son o mesmo. Queremos facer valer o noso pensar afirmando o que debemos para asistir no conforto da verdade e non dar impulso á impunidade do que consideramos parcial ou falto de certa dignidade. A contradición é unha oposición, o contraste é un matiz que verifica a nosa pluralidade. Debemos pronunciarnos nesa utopía clarificadora e anque ben é sabido que non ten máis razón quen máis berra, senón
quen a esgrime e fai dela bandeira. Os contrastes obrigan a desarmar prexuízos instalados, dogmas que non nos deixan ver. Despois de deixar os prexuízos, os feitos poden parecer ser outra cousa e, noutra perspectiva, poderemos ver paraísos non entendidos previamente.
Chegados aquí e para que se me entenda mellor, debo dicir que fun alumno de D. Xesús Alonso Montero e que del recibín testemuña fiel da Lingua Nosa, xa para sempre en honra e orgullo. Foi unha primeira lección maxistral e para o meu conforto nun lugar que ocupaban docentes
de outrora, no Instituto e na Escola de Maxisterio de Lugo. Entendín así un principio da miña liberdade, desde ela practico hoxe esta contradición e contrasentido. Cando ninguén ousaba falar de Rosalía, nin de Castelao, nin de Celso Emilio, nin de ninguén dos nosos e nosas, alí estaba D. Xesús e facíanos probas para subir nota a conta da Literatura Galega. E sabedes máis? Desde a clase de Lingua Española fixo que tolease na miña reconstrución e no Galego, que dedicase a miña vida a destruír complexos de inferioridades inxectados en séculos da nosa Historia no rural e, desde aí, contaxiar ás crianzas alí por onde impartín clases de Galego.
Teño falado con el de moitos temas e seguirei a facelo mentres poidamos, temos e tivemos moitas amizades comúns, cantamos cantigas de arrolo no porvir e na loita contra o maior inimigo humano: a estupidez. Facémolo desde a amizade, nas angueiras do encontro e de compartir soños. Sei que lle debo moito e que el contrasta comigo no seu pensamento que di “non nacionalista”, pero penso e discrepo para a miña intimidade pensando que quen me dera que moita xente da que se di nacionalista tivese as ansias, conviccións e pelotas que el tivo, despois de ser reprendido tantas veces, despois de toda unha vida defendendo dignidades e cos coñecementos que ten, como para sentar cátedra diante das miserias que nos circundan. Apoiarei sempre ao meu profe e amigo, tamén neste caso para consideralo “fillo adoptivo” daquel Lugo que un día compartimos e coñecemos, e ao que regreso porque segue a ser, coa Terra Cha, a miña orixe e referencia. Xusto por iso quebranto e contraveño -desde esta miña anarquía, tamén- a quen amosaron rostro de ingratitude. Non viron, quizais, por non querer ver mais non poderán cegar outras razóns e a verdade. A miña, claro.
