
Maio dame os teus ollos para ver un mundo novo, poruqe este que nos toca ben semella un mal soño.
Para ver un mundo novo dos teus ollos eu preciso, non me podo imaxinar quen tan fermoso te fixo.
Chega Maio e chegas ti vestida con roupa nova non me podo resistir a facerche unha copla.
Xa chegou a primavera toda vestida de flores é o tempo do latexo de buscar novos amores.
Amores que te acubillen cando teñas un mal día, que te queiran como es non como lles gustaría.
Quen por Maio se namora soña con ramos de flores, os bicos na primavera contan que son os mellores.
Maio préstame a voz que xa vou perdendo a miña para berrar Altri Non da man da miña veciña.
Altri fora de Galiza é a única saída por moito que nos enreden non se vende a nosa vida.
Eu maldigo aos gobernantes que venden a nosa terra, como Xudas Escaroite por un feixe de moedas.
Por moito que voto teñan esta terra non é vosa, esta terra é dos galegos e Galiza non se toca.
Onde están os gobernates que ó demo lle abren a porta, venden montes, venden ríos Galiza non lles importa.
Maio préstame as mans cas que aloumiñas a terra, que non sei o que facer para parar tantas guerras.
Xa vedes como anda o mundo calquera día explota, como din por Redondela “chiño aquí ninguén pilota”.
Vivimos tempos escuros onde reina a mentira, polo mar corren as lebres polas vilas os facistas.
Xa non sei como berralo, xa non sei con dicilo, Netanyahu é o culpábel do sangue dos Palestinos.
Netanyahu criminal non atopo outro alcume, se algún deus me escoita pídolle que arda no lume.
Queren gobernar o mundo, dende a outra beira do mar un tolo con garabata que atende por Donal Tran.
Para conseguir paz queren que merquemos tanques, non andan moi atinados gobernos e gobernantes.
¿Cantas veces escoitaches “fai o amor e non guerra”? Pois hai moitos dirixenes que pouco saben do tema.
O fascismo en Europa saca peito e avanza, non sei onde me agarrar sin perder a esperanza.
Son cousas que non entendo, que se me escapan das mans. En lugar de ir cara adiante empúrrannos cara atrás.
Feijoo anda desnortado dende que vive en Madrid, cada vez que abre a boca sempre lle medra o nariz.
Feijoo síntese aillado da man extrema dereita que lle come o terreo e que lle marca a axenda.
Feijoo é unha veleta que vai cambiando o discurso, para que non lle adiante pola dereita Ayuso.
Non me podo despedir sen mandar folgos e apertas, para os que perderon todo nas riadas de Valencia.
Unha aperta para eles, para outros labazadas. Moito había que facer pero non fixeron nada.
Así é como goberna por España a dereita, metendo como avestruces baixo terra a cabeza.
Non me quero despedir, nin rematar esta leria sen lle mandar un saúdo aos lectores da Peneira.
Aló vai a despedida que medre A nova Peneira, que medre a nosa lingua e brilen as cantareiras.
