Adaptármonos

Alberte Román

No transcorrer da última campaña electoral municipal, celebrouse un debate entre candidatábeis focado na política ambiental e na mudanza climática. Presenciando o acto ía medrando nun a incómoda e anguriante sensación de que se nos presentaba unha lexislatura marcada pola inacción ante as profundas e urxentes medidas que debemos afrontar para mitigar o impacto que as alteracións climáticas xa están, e continuarán, a provocar nas nosas vidas. Nas súas intervencións, os candidatos, todos sen diferencia, evidenciaron un absoluto descoñecemento sobre a magnitude da ameaza, e o que é peor, non saben como preparar Redondela para un futuro que xa está aquí.

Porque a mudanza climática non é un futuríbel. É unha realidade. Veráns que comezan antes, máis intensos. Alteracións nos réximes pluviométricos, episodios meteorolóxicos intensos que provocan graves danos materiais e humanos. Desde maio foron rexistradas máis de 1100 persoas falecidas no Estado , por causas relacionadas cos episodios de calor intensa. 80 destas morte producíronse na Galiza, un dos valores máis altos por non estarmos adaptados a vivir episodios de calor tan intensa e continuada. E o que a comunidade científica está evidenciando é que estes procesos estanse acelerando, que os modelos de previsión están quedando desactualizados, e en certa medida movémonos xa nun contexto imprevisíbel. Os científicos observan horrorizados como nos encamiñamos ao peor dos horizontes, e son poucos os que aínda cren que non sobrepasaremos o incremento do 1,5ºC na temperatura media do planeta nas vindeiras décadas.

Cumpre pois actuar xa. Trátase de ter un mínimo de preocupación, como grande parte dos rexedoras e rexedores de cidades e vilas europeas que teñen comezado ambiciosos programas de adaptación das suas contornas urbanas ás profundas transformacións climáticas.

Así, a sombra estase amosando como unha eficaz ferramenta de mitigación. Está demostrado q a vexetación é un poderoso aliado no control da temperatura, axudando a crear micro ambientes con diferencias de temperatura que poden chegar até 15 graos, entre unha zona solleira e outra con sombra. Iso sábeo ben quen ten que ir a pé. A clase política local non vai a pé, e iso nótase. Non hai como ter que cruzar Redondela no verao, nas horas centrais do dia, para evidenciar as carencias que temos. É difícil, por exemplo, camiñar por zonas de sombra. Unha primeira medida sería abandonar as políticas arboricidas que cada ano mutilan o arboredo urbano, e que deixan feridas que son foco de posteriores doenzas. E hai que revexetar, despavimentar os espazos urbanos para mitigar as altas temperaturas. Trátase de abandonar a política da pedra que acumula calor e acaba actuando como un radiador, e apostar pola renaturalización do espazo urbano.

A mudanza climática é clasista. As vivendas sen condicións para soportar episodios de intenso calor, obrigan a quen as habita a procurar espazos climatizados onde mellor poder levar as xornadas abafantes. É isto afecta, principalmente, aquelas faixas poboacionais con menos recursos. Habilitar espazos públicos, como centros culturais ou bibliotecas, espazos climatizados, onde quen teña necesidade poda ir pasar esas horas de máxima calor, está sendo unha das medidas posta en marcha en diferentes cidades.

Mais en Redondela a ameaza está, tamén, no mar. A miúdo esquecemos que a vila asenta en grande parte en terreos comidos ao mar, e que boa parte das infraestruturas educativas e deportivas asentan en zonas inundábeis. Os prognósticos debuxan incrementos do nivel do mar que, no noso caso, afectarán a infraestruturas básicas.

A día de hoxe, o mellor legado que un cargo público pode deixar para o futuro, é ter actuado con determinación fronte a complexa situación que comezamos a vivir xa, e que se intensificará nas próximas décadas, hipotecando o futuro das próximas xeracións.