17 de maio o día do funeral do galego

Gustavo Barcia BNG Mos
Gustavo Barcia Seijo

O 17 de maio conmemorase o Día das Letras Galegas, suponse que é un día para celebrar, pero eu teño outra sensación. A sensación de que en realidade non é unha celebración da vida do noso idioma se non o seu funeral. Un funeral repetido cada ano no que enterramos un anaco da nosa lingua. Cada ano que pasa o galego está desaparecendo porque cada vez menos xente o fala. Non penso aburrilos con datos pero hai dous que quero destacar da última enquisa que fixo o Instituto Galego de Estatística no ano 2018: o 14% dos rapaces e rapazas de entre 5 e 14 anos fala sempre en galego fonte aun 44% que o fai sempre en castelán; o 17% das persoas maiores de 5 anos escriben en galego fronte a un 83% que o fai en castelán. Se a xente nova cada vez fala menos galego e se practicamente non se escribe, que celebramos exactamente o 17 de maio se non un funeral en diferido.

Unha coñecida marca de supermercados fixo seu o lema de “vivamos como galegos”, secuestrando esas palabras para uso comercial e repetido por moita xente como unha cantiga digna de ser cantada, pero: podemos vivir como galegos? podemos vivir en galego? A realidade é que non, o galego está sendo relegado a un acto litúrxico, como dar a misa en latín cando facía séculos que desaparecera, ou como un acto de folclore popular escoitando a unhas cantareiras. A día de hoxe se vas un supermercado, por exemplo ao do famoso lema, non te vas atopar nada escrito en galego, se queres ver un filme de superheroes ou ver unha novela turca non a vas poder escoitar en galego, tampouco videoxogos en galego e se vas a un xuízo nunca verás nada escrito en galego. Todos eses actos que son cotiáns, do día a día, ir ao banco, navegar por unha páxina web ou ler un xornal non o podes facer en galego, vivir en galego é case imposible. E morrer en galego? pois parece que tampouco, só hai que ver as necrolóxicas ou as lápidas dos cemiterios para ver como unha esmagadora maioría están en castelán, na maioría de xente que na súa vida o falou. É certo que existen redutos do galego, pequenas aldeas galas que resisten, pero a historia foi a que foi, o Imperio conquistou e domesticou toda a Galia, só foi cuestión de tempo. Parece que iso está a pasar co galego, só é cuestión de tempo.

Un dos maiores tesouros históricos que temos no noso país é a Catedral de Santiago, se a catedral estivera en perigo de derrubarse as autoridades, a sociedade civil e ata a igrexa mobilizaríase para conservar ese ben histórico. Pois parece que con respecto ao maior tesouro que ten o pobo galego como é a nosa lingua non acontece o mesmo, é como se á Catedral de Santiago pouco a pouco fóranlle quitando pedras, ata que un día só quedase o solar que un día ocupou. E igual que nun funeral, despois laiarémonos de porque non apreciamos ao galego cando estaba aí.

Escribo este artigo dende un pesimismo esperanzado, porque pese a todo o galego resístese a deixar de ser a voz desta terra. Hai xente que redescubre o noso idioma e comeza querelo e falalo, as redes comezan a descubrir que o galego é un idioma igual de válido e fermoso para ser youtubeiro, tuiteira ou tiktokeira. Teño pesimismo polo presente do galego mais teño esperanza polo seu futuro.