Tino Lago
No próximo mes de xuño o concello de Salceda vai mudar de alcaldesa. En virtude do acordo de goberno asinado após as eleccións do 2.019 entre Movemento Salceda e O PSOE a alcaldía sería compartida .Así pois estes dous primeiros anos a responsabilidade recaeu en Loli, que a exerceu de maneira brillante. E os dous últimos será Verónica quen leve as rendas do Concello, e con seguridade saberá manter o listón da súa predecesora. Na vindeira Peneira ofrecerémoslle unha moi ampla reportaxe do cambio de alcaldía na que agardo poder contar coa visión das dúas mulleres que este mandato tiveron a honra de exercer a máxima responsabilidade no goberno do seu pobo
Poucos días antes de acontecer o troco na alcaldía un acontecemento terrible sacudía a alma de todas as persoas que tiveran unha mínima relación con este concello, pois Xan, o home de Tere Pérez falecía moi novo nun tráxico accidente. Durante estes últimos 8 anos nos que o meu camiño e o de A Nova Peneira fundíronse nun só, tiven a ocasión de tratar moitas veces con Tere. Ela era a persoa que exercía de mediadora nas relacións coa prensa. E malia que a nosa relación foi meramente profesional serviume para collerlle cariño. A súa amabilidade, dilixencia, seriedade e o seu eterno e inmenso sorriso son argumentos de abondo para sentir afecto por ela e un océano de comodidade na súa compañía. Sempre que acontece unha desgracia irreparable como é a perda dun ser querido a alguén que aprecio teño dúbidas sobre se expresarlle o meu afecto e empatía ou se deixalo en paz co seu círculo máis íntimo, pois non teño claro cal das dúas actitudes é a máis adecuada. Asemade, eu creo que nada do que se diga nestes espantosos momentos, en verdade sirve para nada. No caso de Tere vou optar por dicirllo. Non sei se ela terá ocasión de ler estas palabras. Se o fai quixera dicirlle que foi un pracer tela coñecido, unha honra compartir algunha cousa con ela, que sinto terriblemente a súa dor, que lle manifesto os meus mellores desexos para o seu futuro persoal e o dos seus fillos, e que lle envío unha inmensa aperta fraternal e solidaria.