Non sei de que nos estrañamos. Ao rural sempre vén aquilo que noutros sitios sobra ou que directamente ninguén quere. Os lodos dos filtros das fábricas das cidades, dos polígonos industriais que fomentan a produción e a industria abrasiva, veñen parar ao medio dos eucaliptos, ás agachadas, no medio da noite, ou no medio dunha mina abandonada, para tamén tirar vacas tolas coma noutrora. Pestes e metais pesados que veñen sedimentar miserias e enfermidades ao medio da natureza. Xa non chegaba co abuso expansivo e abrasivo dos eucaliptos, aínda pode ser peor. Ademais de plantar árbores que fan da terra un leito de pólvora en tempos de calores abraiadas, tamén nos trouxeron minas a ceo aberto, aínda hai onde velas “recuperadas” en lagoas que cobren a desfeita.
Alá quedaron mesmo as máquinas enterradas, que non se vexan! E todo asociado á produción e á podremia. Sempre deixan detrás un rastro de miseria, para o rural. Agora veñen cos eólicos en forma de salvavidas.
Son empresas tamén de moi lonxe, veñen roubar o que queda, levarnos o noso aire. Vannos poñer onde lles pete, dá igual que haxa explotacións agrarias e leiteiras, dálles igual que pasen por riba dun castro ou dunha mámoa. Todo vale no rural. E como queda pouca xente, non se lles oe! É cuestión de falar cos medios de comunicación para que silencien os efectos nocivos deses muíños enormes que van crear campos magnéticos cheos de perdición. E non só os muíños, tamén as vías de evacuación e por onde conduzan a enerxía “limpa”, limpa para os que miran de lonxe. O prexuízo na paisaxe, xa se ve. O prexuízo no rural será o golpe de graza a un intento de vida sostíbel e ecolóxico. Ademais, esta pobre xente non precisa participar do
beneficio, confórmanse con nada e pagarán igual cós outros, non
haberá que indemnizalos polas incomodidades enfermizas dos xigantes de dous centos metros para arriba. É mágoa que non teñan máis sentido os políticos! En verdade todo isto que estamos a sufrir, veñen sendo desprezos á existencia, falta de responsabilidade co medio. Cegáronse en producir a custo do que sexa, non viron nin ven a liña que divide a vida do exceso, o uso do abuso. E por iso habemos pagar as consecuencias, anque no rural xa as levamos pagando residualmente das urbes, sen que ninguén diga nada, sen que ninguén se dea conta. A evidencia está aí, vede os enormes eucaliptais que cegan as paisaxes, que ameazan a vida e as outras árbores. Vede as máquinas afondando a terra para sacar minerais que se pagan ben e deixan migallas nos que creron sacar beneficio da terra, despois empobrecida. Vede as lagoas cheas dunha auga de ph sospeitoso para a saúde de calquera ser vivo.
Non vos cheira? Vide e esculcade os lodos, quizais tamén radioactivos.
Agora tamén nos levan os servizos das aldeas. O médico atende telefonicamente, as visitas presenciais quedaron abolidas, por falta de persoal e pola pandemia. Hai que relatar moi ben para que poidan dar co asunto, e se acaso unha foto polo móbil. Marchan tamén os bancos, esa caterva de sedutores enredantes, debe ser o pago que nos dan a aquel enorme préstamo que nos terá endebedados en varias xeracións. Si, aquela do rescate que fixo un tal Rajoy cando lucía as políticas de austeridade para todos e que tanto nos empobrecerá.
Agora deixan tirada á clientela! Nin máquinas deixan, nin caixeiros automáticos. Outras só atenden ata as 11 da mañá. Reduciron persoal, complicaron a vida para sumar beneficio. Din que no móbil cunha aplicación ou por internet. Non se dan conta que non hai cobertura sequera para o móbil. O problema sempre son os excesos e os excesos son, en principio, obra dos que desde unha oficina rexen os destinos da xente, unha serie de faladores que non saben levantar un dedo para defendernos dos delincuentes habituais, que tantos neste mundo hai e, polo visto, segue a haber!