César é un mozo de 29 anos nativo de Mondariz Balneario que pronto será alcalde do seu pobo. No 2.019, nas últimas municipais, non o foi por tan só 3 votos. Pero neste concello acontece un fenómeno moi curioso, de cariz case ufolóxico, consistente en que cada catro anos, cando hai que elixir alcalde, hai unha estraña concatenación de casualidades que propicia que numerosas persoas, censadas no pobo, que nin viven no pobo nin teñen relación algunha co pobo, de súpeto acórdanse do pobo para vir votar. E así dese modo, as políticas do día a día de Mondariz Balneario decídense en Vigo ou Madrid.
César é un home sereno e tranquilo que ten a virtude de transmitir acougo e crear confianza nas distancias curtas. Pero á vez despide ilusión a toneladas en facer do seu pobo un concello vivo, con servizos e oportunidades suficientes para que a mocidade poida vivir nel.
“Se nas eleccións municipais de Mondariz Balneario votan as persoas que residen en Mondariz Balneario o BNG gañaríaas con folgura”
Pasado o ecuador deste mandato, o mandato da túa “case” vitoria , faime unha valoración política destes dous anos ?
Ben, por desgraza o tempo pasa pero nada cambia en Mondariz Balneario .Seguimos, como entón, cun goberno en modo parálise que non actúa ata que nós propomos.
E cales foron as vosas principais liñas de traballo e propostas nestes dous anos?
A mellora dos servizos, coidar polo noso patrimonio, mellorar as nosas instalacións, axudar ao comercio local, dinamizar a vida cultural e deportiva…En definitiva, e dígoo con toda a humildade ,traballamos moito e fixemos moitas propostas para que Mondariz Balneario sexa un concello vivo
O traballo político do Bloque tivo que ver no arranxo do polideportivo?
Si, sen dúbida
Poucos días despois das últimas eleccións municipais comía eu nun local do teu pobo, e o seu propietario dime que o día das votacións tiña o local cheo de persoas de Madrid que literalmente manifestáronlle que estaban aí ex profeso para votar porque llo pediu o alcalde. Ti cres verosímil esa situación de persoas censadas aquí, que non viven aquí, e que veñen ese día a votar porque lles chamou o alcalde?
Absolutamente si. Son moitos os casos de persoas que teñen unha propiedade aquí pero non viven aquí nin teñen a máis mínima relación nin conexión co noso pobo. Incluso as hai que seguen censadas na nosa localidade malia teren a súa propiedade alugada a inquilinos que son os que residen nela realmente. A inflación artificial do noso censo é unha triste realidade da nosa localidade
Algún exemplo para soster esa afirmación?
Hai casas nas que están censadas un número de persoas que non se corresponde coa realidade das que alí viven. E algo moi significativo é que cando se fan os sorteos para as mesas electorais hainos que repetir ata media ducia de veces
Por que?
Porque en moitas ocasións non se localiza ás persoas xa que poden estar no censo si, pero no noso pobo non viven. Eu son unha persoa nova pero algún compañeiro dos veteranos do BNG non deixan de sorprenderse nos procesos electorais pois non hai un en que non coñezan a algún “veciño” novo
Podes dicir con certeza que no caso de que nas eleccións municipais só tiveran votado as persoas que residen habitualmente en Mondariz Balneario o BNG tería gañado as eleccións?
Eu non son moi amigo de formular certezas pero neste caso vou facer unha excepción pois iso que me preguntas podo aseguralo con certeza absoluta. É máis, dígoo con rotundidade: se en Mondariz Balneario, nas eleccións municipais, votan os residentes en Mondariz Balneario o BNG gaña as eleccións con claridade
Podes dicir coa mesma rotundidade que o alcalde de Mondariz Balneario, do PP, é alcalde do pobo grazas ao voto de persoas que non viven no pobo?
Si, podo dicilo coa mesma certeza que contestei á pregunta anterior.
Como foi o verán no que ao turismo se refire César?
No que respecta ao hotel foi de récord. As cifras de ocupación superaron ás dos dous últimos anos pre pandemia. No que se refire aos outros negocios eu creo que as cifras non foron tan boas, de feito son varios os negocios que pecharon
A que o achacas?
Ao desleixo do goberno municipal que non fai nada, pero nada en absoluto para facilitarlle á vida á xente
E o BNG tivo algún tipo de iniciativa política ao respecto de axudar á veciñanza a paliar as consecuencias da Pandemia?
Nós xusto na Pandemia fixemos unha batería de propostas pero o goberno fíxonos caso omiso. Pero como che comentaba antes eles actúan en función do que fagamos nós. De feito unha das nosas propostas era unha liña de axudas ao comercio local. O goberno di que non, que non é necesario. E para a nosa sorpresa 6 meses despois quitaron eles unha proposta de axudas ao comercio local pero notablemente inferior á que nós propuxeramos
Por que?
Só axudaban a empresas con menos de 5 traballadores e que estiveran totalmente pechadas. É dicir unha cafetería por exemplo co aforo moi limitado carecía de dereito a optar a esas axudas
Unha liña importante no voso traballo político refírese á conservación do patrimonio verdade?
Si, así é. Tivemos distintas iniciativas sobre este asunto, por exemplo para recuperar a fonte de Troncoso
Está solucionado ese tema?
Aínda non pero case. En breve será propiedade municipal. Por outra parte o BNG apoia á plataforma “SOS TRONCOSO” que nace para recuperar a fonte pero que logo amplía o seu traballo á conservación de todo o patrimonio municipal. Outros exemplos de falta de vontade do goberno no que ao tema patrimonial se refire son os do hotel Roma e o da fonte da Gándara
Cal é a túa posición sobre o histórico conflito co concello veciño de Mondariz no asunto da depuradora?
En teoría debera servir para ambos concellos que foi para o que se fixo. O certo é que non funciona ben, pois agora mesmo só co noso Concello e co Barrio da Pedreira, o único conectado de Mondariz, estase excedendo a súa capacidade. Parece que inicialmente Mondariz vertía máis do que debía pois tiñan filtracións. Polo último informe de Augas de Galicia seica na actualidade o problema non é Mondariz, senón que o noso Concello é o que excede pois está depurando auga limpa
Agora contrataron a unha empresa que detectou distintos puntos de filtracións no noso Concello. A nosa posición é que se solucione todo de contado aplicando o máximo rigor técnico para que non haxa ningún tipo de problema e Mondariz se conecte para que dunha vez a depuradora dea servizo integral a ambos concellos.
Este é un tema importante para os dous Concellos, que fai o goberno?
Nada, botarlle a culpa a Mondariz e nada máis. O informe externo que antes che comentaba solicitámolo nós e tardaron 3 meses en facilitárnolo
Rematamos César. Mondariz Balneario non é alleo ao grande problema da Galicia Rural; o envellecemento e a despoboación. É posible soñar cun concello vivo, con familias con fillas e fillos que vivan todo o ano no pobo?
Si, estou seguro que si é posible. Ese é o obxectivo principal á que vai encamiñada a política do BNG. Só que , para que aconteza, cómpre mudar de políticas porque se nun pobo non hai servizos nin alternativas laborais é imposible que a xente moza non marche. Por desgraza o traballo do goberno neste asunto, esencial para a vida do noso pobo da nosa comarca e da Galicia rural, é mirar para outra parte e deixar pasar o tempo
Facer que en Mondariz Balneario se poida vivir e sexa atractivo vivir é a pedra angular do proxecto político do BNG