O goberno de Mondariz ten unha situación aritmética moi complicada pois só está composto por 4 edís ( 3 do BNG e 1 do PSOE) nunha corporación de 11 asentos. Porén, e fronte ao que cabía agardar, o seu alcalde, Xose Emilio Barros do BNG, soubo aguantar estes anos con relativa estabilidade e sen excesivos atrancos salientables. Emilio é un home ambicioso empeñado en ver a Mondariz coas luces longas, e construír un modelo de Vila que permita ás xeracións futuras poder desenvolver, se así o desexan, un proxecto de vida persoal no seu pobo. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“Teño moi boas sensacións e o que percibo polas rúas é que cada vez son máis os veciños e veciñas que nos honran coa súa confianza”
O pasado día 10 seica estivestes de festa?
Si, retomamos o costume de xuntármonos os compañeiros e compañeiras do BNG da nosa comarca para vernos, darnos azos e reafirmar o noso compromiso coa nosa comarca e co noso país. Desta volta tocou facérmola nosa xuntanza no concello veciño de Balneario e puidemos contar coa compañía da nosa portavoz nacional, Ana Pontón, o que supuxo unha grande alegría para o conxunto da nosa militancia
Polo que puiden ver a asistencia foi un éxito?
Absolutamente. A verdade foi un día moi bonito que serviu para cargar un pouco máis as pilas
Na vosa comarca tendes 3 alcaldías: (Mondariz, Ponteareas e As Neves), e supoño que a elección de Balneario tería que ver coa fundada esperanza de que nas eleccións do 2023 sexa a 4º alcaldía do BNG no Condado Paradanta?
Non cabe dúbida de que Mondariz Balneario precisa , e maneira moi urxente, un cambio,E para nós , que o BNG poida acadar o goberno de Mondariz Balneario tamén sería moi importante, pois nós compartimos moitas cousas con eles e incluso compartimos algún servizo( escola, depuradora e punto limpo). Deberiamos darlle unha visión conxunta a moitos aspectos , algo que a día de hoxe non se está a facer
Por que?
Porque dous non se entenden se un non quere. E o actual goberno de Mondariz Balneario non quere.
Ti, coma min, Emilio,es un home moi sensible coa causa da lingua galega. Téñoche que dicir que sentín certa decepción cando entrei hoxe en Mondariz e vin dous carteis indicadores con notorias faltas ortográficas. Quero apelar á túa sensibilidade para que por favor trates de facer o necesario para remedialo
Agradézoche a túa consideración Tino. Son consciente dese problema que mencionas e que por desgraza afecta a algún cartel máis deses dous que me indicas. Non quero escusarme pero o certo é que eses carteis son anteriores a nós. E si, como ti dis, non só eu senón todo o noso goberno está absolutamente sensibilizado e comprometido coa protección da lingua galega. Tan pronto teñamos dispoñibilidade económica para facelo procederemos a substituír todos os carteis con grallas.
A situación aritmética do teu goberno é moi débil, sodes 4 sobre 11, porén estes 3 anos que levas de alcalde semella que conseguiches unha estabilidade moi difícil de explicar. Cal é o segredo?
Creo que Mondariz a día de hoxe ten o goberno máis forte da súa historia, A chave, ao meu xuízo está nun niveis de implicación absolutos, e nunha vontade inequívoca de estar á altura da honra que supón para nós gobernar o noso querido pobo. Nós no gobernamos en chave electoral senón cunha perspectiva de longo prazo, coa intención de construír un modelo de vila que faga de Mondariz unha vila modelo para as xeracións futuras.
O que me chamou a atención é que a oposición parece estar algo relaxada, polo menos non percibo os niveis de tensión que serían esperables para tratar de desgastar a un goberno que como o teu ten unha situación aritmética ten difícil?
Eu non podo falar pola oposición. Pero eu entendo que esa situación que describes amosa que de maneira implícita a oposición recoñece que a nosa acción de goberno vai na liña correcta,unha liña imprescindible para o futuro do Concello. As cuestións de calado como o desenvolvemento de solo empresarial ou a renovación de servizos básicos como o alumeado público son tan necesarias para Mondariz que resultan difíciles de cuestionar.
Por que non se abre a piscina?
Porque a piscina ten unha serie de eivas moi importantes, algunha estrutural, que faría necesario un investimento significativo. Ata que se poida afrontar unha reforma en condicións, non pór un parche, senón reformala como é debido entendemos que é preferible esperar.
No pleno do mes de marzo aprobastes un recoñecemento extraordinario de crédito para pagar facturas , falo de memoria pero creo que foi de 200.000€.Tan mal está a situación económica do Concello?
Mondariz ten un déficit anual de arredor de 300.000€ e estou falando de pagar os servizos máis básicos. Incluso intentamos actualizar algunhas taxas que levan 15 anos sen actualizar, pero, por desgraza, Alternativa por Mondariz non está pola labor. Parece que malia teren gobernado catro anos non lles deu para comprender os problemas reais que ten concello. O resultado é que os servizos son extraordinariamente precarios e só se poden prestar de maneira adecuada grazas á extraordinaria implicación dos traballadores e traballadoras municipais aos que expreso desde aquí a miña gratitude máis profunda.
300.000€ de déficit anual é un problema de moi difícil solución Emilio?
Desde logo que si, pero coa mesma rotundidade dígoche que nin este alcalde nin este goberno vanse resignar. Chegado o momento das vindeiras eleccións desde o BNG imos pedir á veciñanza de Mondariz o apoio para termos unha maioría suficiente que nos permita deseñar e executar un rigoroso plan económico de control do gasto superfluo e de aumento dos ingresos municipais.
Cóntanos como está o conflito da depuradora?
Outro dos conflitos históricos do noso pobo que ata o de agora ninguén afrontou con man firme. Cando chega Alternativa ao goberno de Mondariz paga a Balneario unha suposta débeda dunha enorme cantidade de diñeiro , algo que fixo sen o máis mínimo criterio e que non serviu para nada, absolutamente para nada. As xestións que estamos facendo coido que pronto poden dar resultado e poder conectar as zonas que faltan. Creo que nun prazo dun ano poderemos ter xa resultados concretos.
As relacións cos socios do PSOE seguen sendo excelentes?
Absolutamente si.
Que tal están as relacións coa DEPO?
En liñas xerais boas
E coa Xunta?
Institucionalmente correctas pero sentímonos que non somos tratados de maneira xusta. A algúns concellos pola vía do convenio de colaboración se lle solucionan moitos problemas mentres que outros temos que estar escornándonos día si e día tamén para buscar saídas a situacións realmente difíciles.
Ti, como outros alcaldes e alcaldesas tamén tes a percepción de que a Xunta elude responsabilidades propias traspasando a súa xestión aos concellos?
Como non a vou ter se é absolutamente certa¡¡. Os Concellos estamos lastrados e abafados economicamente porque a Xunta non atende as súas responsabilidades trasladando parte dos seus custes ás arcas municipais.
O país galego ten 9 entidades locais menores de poboación das que dúas son de Mondariz: Queimadelos e Vilasobroso. Como están as relacións do Concello con ambas entidades?
Con ambas temos unha relación marabillosa.
A modo de síntese dime as principais actuacións que acometestes nestes 3 anos de mandato?
Eu creo que o máis relevante resulta da nosa estratexia para iniciar dúas modificacións do PEID( plans especiais de equipamentos e dotacións).Un deles para infraestruturas turísticas ,somos un concello cunha cara vocación turística pero carecemos das infraestruturas necesarias, e o outro que ten por obxecto dotar de solo empresarial ao concello. Agardamos que a Xunta poida resolver proximamente o cal permitiría que este concello poida comezar a ter futuro..Tamén quixera salientar a nosa aposta pola renovación dos servizos públicos como a iluminación eléctrica , que estamos pendentes da licitación para podermos cambiar a LED, o que suporá para o Concello un aforro de arredor do 60%, o abastecemento de auga e a recollida de lixo
Vas ser o candidato do BNG á alcaldía nas eleccións do ano próximo?
Nós somos unha organización asemblearia e iso ten que ser froito da decisión colectiva das e dos militantes do bloque de Mondariz. Eu estou moi ben de ánimos con ilusión para darlle continuidade ao noso proxecto de goberno, e se teño a confianza da militancia de Mondariz, si me vou presentar. O importante non son eu, é o colectivo, e o proxecto do BNG precisa de máis tempo para transformar Mondariz
E dunha situación aritmética mellor claro?
Agardo que sexa así, canta máis confianza poidamos acadar menos difícil será desde logo. Eu teño moi boas sensacións é o que percibo pola rúa é que cada vez son máis os veciños e veciñas que nos honran coa súa confianza
Rematamos alcalde. Será posible soñar coa reunificación do nacionalismo en Mondariz?
O BNG, non só en Mondariz senón en toda Galiza, é a casa común do nacionalismo, e en Mondariz, como en calquera outra parte, os militantes do Bloque estaremos encantados de recibir a quen así se sinta e teña gañas de comprometerse neste proxecto de defensa dos intereses do país.