Mar Míguez, poeta

Mar Míguez, poeta

A poeta das Neves e colaboradora desta casa Mar Miguez presentou en Taboexa, a súa parroquia natal ,o seu segundo libro “A maxia asolagada” e nós conversamos con ela.

A maxia asolagada é unha ventá do meu eu íntimo ao mundo”

Mar, recentemente presentaches o teu segundo libro de poemas, A maxia asolagada, cóntanos as principais características deste libro?

A maxia asolagada é un libro profundamente intimista, expresa sentimentos pola familia, de amor, de amigos. Este libro é unha ventá que abre o meu eu máis íntimo ao mundo.

Cantos poemas ten?

Entre poemas e micro relatos debe ter ao redor de 50.

Onde o presentaches?

Na miña parroquia natal, en Taboexa no Centro Cultural.

Como foi esta presentación?

Foi marabillosa. Había moitísima xente, persoas que eu coñezo e quero. Amigos, amigas, veciños e veciñas de toda a miña vida que me honraron e distinguiron coa súa compañía.

O libro foi editado por Medulia. Como contactaches con eles? Xa che editaran o primeiro libro?

Non, o primeiro foi auto edición. Xa para o segundo enviei varios correos a diferentes editoriais e contestáronme desta de Medulia que son da Coruña.

Pedíronme o borrador do caderno e nun tempo puxéronse en contacto comigo porque lles parecía interesante.

Supoño que sería unha ilusión tremenda cando recibiches o seu correo no que che manifestaron o seu interese en editar o teu libro?

Si, claro. Foi moi emocionante.

Sigamos coa presentación, como foi?

Púxenme en contacto coa profesora que me escribiu o prólogo, esta foi profesora miña no Instituto das Neves. A miña irmá foi a que se encargou de facer a venda de libros, que a verdade foi moi ben e convidamos a todos os representantes políticos do concello.

Sendo Cruz a vendedora seguro que as vendas foron fantásticas?

Ha ha ha ha..A verdade é que si, Cruz ten aptitudes comerciais sobresaíntes. É a típica que lle vende unha neveira a un esquimó.

Viñeron todos os políticos?

Veu o alcalde e representantes do PSOE e do PP si

Na mesa estabamos Mar, a prologuista; eu e Rocío, a concelleira de Cultura que dixo unhas palabras. Estivo moi ben o acto. E teño que dicir que o Concello portouse moi ben.

Como te sentías nese momento?

Cunha felicidade absoluta, emocionada e moi nerviosa. Veu xente que facía anos que non vía e fíxome moitísima ilusión.

Dama de Luna”, é o teu primeiro libro. Cando o editaches?

En decembro do 2020.

Como foron as vendas de “Dama de Luna”?

Vendino moi ben. Esgotei a primeira edición e tiven que quitar unha segunda tirada.

E onde vendiches estes libros?

Colaboraron comigo librerías amigas como Terra de Salvaterra, Casa Pepe de Ponteareas e Xes de As Neves.

A maxia asolagada” é un libro intimista e como é “Dama de Luna”?

Se cadra algo máis ecléctico .Recolle os poemas que escribín ao longo da miña traxectoria poética desde os meus 14 anos. Hai poemas máis infantís, e poemas máis maduros. A metade é en galego e a metade en castelán porque moitos destes poemas foron escritos en Madrid, nunha etapa de tres anos da miña vida que estiven a traballar alí.

Lembras Por que empezaches a escribir?

Si, porque unha moi boa amiga deume a ler un poema de Pablo Neruda “Podo escribir os versos máis tristes esta noite”. Deixoume impresionada este poema e decidín que quería escribir cousas así de bonitas. Escribín un poema, deillo a ler a unha amiga, encantoulle e aí deime conta de que o meu camiño tiña que estar inzado de poesía.

Acórdaste daquel primeiro poema?

Acórdome dunha frase, o poema enteiro non o teño, escribino nun cartafol e desapareceume. Teño moitísima pena de non ter o meu primeiro poema.

Supoño que pensarás seguir escribindo?

Si, claro. Cando os meus fillos están na cama prendo o meu computador, póñome a miña música, e aí escribo. Tamén me gusta recitalos e gravalos con música de fondo, algúns quedan moi bonitos.

De feito, teño algúns musicalizados xa. O director da banda de música de Nigrán fixo partituras de tres poemas meus.

Cóntame iso?

Casualidades da vida. Unha ex compañeira miña da coral de Vigo rompeu unha perna. Para amenizarlle o aburrimento mandeille uns poemas meus para escoitar. Ela é moi amiga de Xosé Alfredo Oliveira, o director da Coral Novos Aires de Nigrán. Envioullos, gustáronlle e púxolles música.

Ti tes 3 fillos. Algún deles crees que seguirá pola poesía?

Creo que non.

Ti es das que pensas que a poesía debe de ter unha finalidade meramente estética ou debe de comprometerse co contexto no que vive?

A poesía debe de transmitir. Eu son das de estética e ética.

Alén dos libros, tes experiencia de publicar noutros sitios?

Nas as redes sociais e neste periódico, A Nova Pereira.