Alma López Figueiras

Alma López Figueiras

“En política cultural, ás veces menos é máis”

Dentro do Goberno de Mondariz, Anxos Carballo Iglesias –máis coñecida como Lita entre os veciños e as veciñas da localidade– é a concelleira responsable de Cultura, Igualdade, Educación e Mocidade desde 2019. É natural da entidade local menor de Queimadelos, onde comezou o seu activismo político aos 18 anos, presentándose como candidata a presidir a Xunta Veciñal dentro das listas de Esquerda Galega, cando era impensable rachar coas dinámicas do caciquismo no rural galego e o proxecto nacionalista estaba emerxendo. Entrou na Corporación e no Goberno municipal nun momento de gran madurez política e profesional como Educadora Social especializada en menores, con case tres décadas de activismo en asociacións veciñais, en causas sociais e no BNG de Mondariz. Conversamos con ela sobre a política cultural que está promovendo o Goberno de Mondariz e as liñas de traballo nas outras áreas que dirixe.

Son case tres anos e medio como concelleira nun Goberno de coalición. Que balance fai desta experiencia?

Os comezos foron complicados porque somos un Goberno en minoría e fomos tremendamente atacados por unha parte da oposición. Con todo, se algo caracteriza a este Goberno creo que é a valentía.

Todos os concellos teñen certas rutinas no seu funcionamento administrativo, tamén no eido cultural, mais son os gobernos os que marcan as liñas estratéxicas. Desde a Concellería de Cultura, cales son as súas prioridades?

Queremos ofrecer calidade e diversidade na programación cultural, sempre dentro das nosas posibilidades. Ás veces menos é máis, e esta é a nosa premisa fundamental. Nestes últimos tres anos, mesmo cunha pandemia de por medio, temos promovido actividades culturais de gran calidade que antes non se vían. Falo de teatro e cinema, por exemplo. Mondariz recibiu a visita de figuras relevantes das artes escénicas e audiovisuais para presentar as súas obras: Miguel de Lira, Óliver Laxe, Ignacio Vilar, Paula Cons,… Desde o Concello tamén trouxemos actuacións musicais que foron referencia na comarca e atraeron á mocidade, como Dakidarría este verán e Baiuca en 2021. A descentralización de actividades para incluír as parroquias na programación cultural municipal foi outra das liñas de acción. Realizáronse obradoiros de teatro comunitario en Mouriscados, Gargamala, Sabaxáns e Toutón, e leváronse espectáculos de O Fiadeiro a Vilar e Gargamala.

A oposición, particularmente o partido que deixou o poder en 2019 (Alternativa por Mondariz), ten acusado ao Goberno municipal de recortes en eventos e axudas ás asociacións veciñais e culturais. É iso certo?

Non houbo recortes, é falso. Os fondos que se destinan a Cultura, tanto os que proceden do orzamento municipal como os que veñen doutras institucións como a Deputación de Pontevedra, seguen sendo os mesmos. O que si mudou foi a distribución deses fondos. A programación de actividades é radicalmente distinta porque este Goberno decidiu deixar de financiar certos eventos que estaban baleiros de contido, soamente aportaban diversión e entretemento, e supuñan un considerable gasto e esforzo municipal. Falo da Festa da Carne Arreglada, á que ían 4.000 €, ou da actividade Mondariz Race, que custaba 6.000 €. En relación ás axudas destinadas ás asociacións, o que houbo foi un cambio cara a un modelo máis xusto e equitativo que ten en conta as actividades que se realizan. Haberá asociacións que seguramente recibirán máis do que recibían antes.

Recentemente houbo críticas pola decisión gobernamental de suprimir o financiamento do ciclo coral Outono en Son, organizado polo coro Mistura Vocal durante cinco anos (2017-2021) na Praza de Abastos de Mondariz. Por que se tomou esta decisión?

Persoalmente síntome indignada con esta polémica. O Goberno do que son parte mantivo o financiamento do ciclo coral Outono en Son durante tres edicións, mesmo en tempos de pandemia, destinando 4.000 € a cada edición. Mais xa nos últimos anos observamos que o formato do evento resultaba repetitivo, sempre actuaba o mesmo coro e non merecía esa asignación de diñeiro público, en detrimento doutros eventos culturais que se demandaban na localidade e doutros colectivos das mesmas características. Con todo, desde o Concello puxemos a disposición do coro organizador as instalacións e o propio persoal municipal para dar apoio loxístico se consideraban quedarse na localidade. Foi decisión deles procurar un novo escenario para Outono en Son fóra de Mondariz. Descoñecemos se atoparon o apoio financeiro que reclamaban no Concello de Ponteareas. Aproveito para dicir que este ano tamén deixamos de financiar a proba de orientación nocturna Orienta-Tea, mais isto non foi impedimento para que a empresa que organizaba a actividade o seguise facendo en Mondariz pola súa conta. Arredor de Outono en Son houbo unha politización interesada e cínica. Critícannos por deixar de financiar un evento organizado por un coro alleo ao concello, cando na localidade existen agrupacións corais que non recibían un euro por organizar eventos semellantes, como Agarimos da Terra, ou que tiveron que desistir por falta de recursos, como a Coral Santa Baia. Este tipo de evento é interesante e pódese recuperar, con ou sen Mistura Vocal como coro organizador.

E este diñeiro público que deixou de destinar o Concello de Mondariz a Outono en Son e Orienta-Tea a onde foi?

Este verán, o Concello de Mondariz fíxose cargo de dúas actuacións das Festas Patronais da Peña de Francia e San Roque: Dakidarría, que viña a través do programa Musigal da Deputación de Pontevedra pero cun elevado caché de produción que tiña que asumir o Concello, e o grupo América de Vigo. Estas actuacións foron pagadas con eses cartos que se deixaron de destinar a outros eventos, pero cómpre explicar ben por que. Durante a pandemia, como non había comisión de festas en activo e foi o Concello quen asumiu a programación cultural de mediados de agosto, retirouse a asignación de 14.000 euros. Este ano, que si houbo festas, compensouse a falta de apoio financeiro con estas actuacións. Por outra banda, hai outros eventos da programación cultural de outono, como a obra de teatro Invisibles, que teñen un custo considerable. Como dicía antes, apostamos pola calidade e a diversidade.

Os grandes eventos culturais, sobre todo en concellos pequenos, actúan como polos turísticos e tamén dinamizan a economía local. Como concelleira de Cultura, pensa que Mondariz necesita un gran evento cultural, máis aló das tradicionais festas patronais de mediados de agosto?

Claro que me gustaría, sería un orgullo. Penso por exemplo en Vilaxoán de Arousa, que nin sequera é concello e ten o festival Revenidas. Ou mesmo en Cans, co festival de cinema. Mais para un Concello pequeno como Mondariz é inviable asumir a organización dun gran evento destas características, non hai orzamento suficiente nin tampouco a infraestrutura necesaria para recibir a tantas persoas. En todo caso, a iniciativa ten que partir do tecido asociativo, como pasa na maioría dos festivais, e o Concello apoiará.

Falando do tecido asociativo, na última sesión plenaria propúxose modificar a ordenanza municipal do ICIO para bonificar o 95% do imposto correspondente nas obras de interese social e cultural que se tramiten no termo municipal, mais votaron en contra e esta proposta non saíu adiante. Por que?

Votamos en contra pola situación financeira do Concello. A de Alternativa por Mondariz foi unha proposta populista pensada en clave preelectoral. Arredor dos impostos debería darse un debate político serio no Pleno.

Como os demais membros do equipo de Goberno municipal, vostede asume varias áreas. Ademais de Cultura, é responsable de Igualdade, Educación e Mocidade. Como se está traballando nesas áreas?

En Igualdade traballamos de xeito transversal, tendo moi presente a educación en valores na programación cultural con charlas, conferencias, obras de teatro ou ciclos de cinema. Neste eido tamén temos colaborado co CPI de Mondariz. Na área de Mocidade estamos dando pequenos pero importantes pasos para ofrecer alternativas de lecer. O centro de ocio e deporte urbano que se está desenvolvendo no Campo da Minada está pensado para a mocidade. Recentemente, durante a inauguración do circuíto de pumptrack, colaboramos cun grupo de rapaces dedicados á música rap que xa se está constituíndo como asociación xuvenil e ten interese en organizar un festival de cultura urbana. Desde o Concello apoiamos estes proxectos e animamos á veciñanza a tomar a iniciativa na organización de actividades culturais.

Durante a campaña electoral de 2019 falábase da necesidade de actuar sobre o comedor do CPI de Mondariz para mellorar a calidade alimentaria. Houbo algún avance nestes tres anos e medio de Goberno municipal?

Mantivemos dúas reunións coa Xunta sobre este tema. Foi antes da pandemia e volveremos solicitar outra xuntanza coa delegada territorial en Vigo para propoñer de novo que o diñeiro destinado a gastos de comida no CPI de Mondariz sexa transferido ao centro educativo para a súa xestión. Mesmo chegamos a visitar a cociña industrial que había no antigo Rebullón, que era bastante moderna e podía satisfacer as necesidades. Así e todo, esta actuación debería ser cofinanciada pola Xunta. Tanto o CPI coma a ANPA e o propio Concello estarían dispostos a asumir a xestión dunha cociña que podería dar servizo ao centro educativo, ao centro de día e mesmo a un programa de xantar na casa. Entendemos que a negativa da Xunta responde aos intereses do sector do catering. Non o ven coma un servizo, senón coma un negocio, pero seguiremos insistindo.