O deporte no Concello de As neves

Salvador Presidente club fútbol As Neves

O equipo de fútbol que leva o nome do Concello, despois dunha grande temporada acadou o ascenso ata a segunda división autonómica. Nós achegámonos ata AS NEVES e conversamos con Salvador, o seu presidente, para coñecer como encaran o presente ano e aproveitamos a viaxe para falarmos con Óscar, o concelleiro de deportes, para coñecer o máis salientable do deporte neste fermosísimo concello. As Neves é un concello que ten un encanto especial. O acougo e paz que transmiten as súas rúas, a pegada histórica tan profunda que podemos atopar en cada curruncho do pobo, fan que o viaxeiro se sinta rapidamente identificado coa socioloxía nevense. Na actualidade atravesa, como moitas outras zonas da Galicia interior, un grave problema demográfico. Sen dúbida merece un esforzo extra de toda a sociedade galega para axudar a que localidades tan bonitas como As Neves estean eternamente vivas dinámicas e con oportunidades para que quen queira poida desenvolver un proxecto de vida no seu territorio. Velaí vai o que deron de si ambas conversas

SALVADOR PÉREZ PRESIDENTE DO AS NEVES F.C

NÓS DEBEMOS ASPIRAR Á 1º AUTONÓMICA PERO PARA ELO SERÍA NECESARIO UNHA IMPLICACIÓN MOITO MAIOR DE TODA A SOCIEDADE NEVENSE”

Temos que darche os parabéns polo ascenso

Moitas grazas, a verdade no medio de moitas dificultades conseguimos o noso obxectivo deportivo, que era ascender, e estamos moi satisfeitos abofé que si

Cantos anos levas na presidencia?

Non cho podo dicir con seguridade, pero arredor de 10, creo eu.

Es natural de As Neves?

Son de Ribarteme.

Como chegaches á presidencia?

A min gústame moito o fútbol, e cando regresei de Alacante, alí desenvolvía a miña actividade profesional, fíxenme socio do equipo, e o que estaba de presidente convenceume para que accedera á vicepresidencia. Ao pouco tempo el deixouno e asumín eu a presidencia

Cando colliches o equipo en que división estaba?

Estabamos en terceira, subímolo a segunda, estivemos un tempo en segunda, logo volvemos baixar, e despois de dous anos en terceira, a pasada temporada logramos ascender de novo

Cal foi a chave do ascenso ao teu xuízo?

Eu creo que conseguimos formar un grupo excepcional, tanto deportivo, temos moi bos xogadores, como humano, somos como unha familia. Non me gusta personalizar porque é mérito de todos por igual, xa que todos fixeron un traballo excepcional, pero quixera mencionar a gran labor que fixo Julio

Os xogadores de onde son?

A maioría dos 17 que temos, son das Neves, agás un par deles que son de Arbo, practicamente todos son naturais do noso concello

Só tivestes 17 fichas?

Si, pero non por falta de vontade senón, porque como sabes a nosa contorna padece un grave problema demográfico, hai moi pouca xente nova, e xa que logo non é nada doado toparmos xogadores

O adestrador vai continuar este ano?

Desde logo, estamos moi contentos con Javi, un home que xa foi porteiro do noso club

Supoño que este ano ficharedes a alguén para reforzarvos?

A nosa intención é manter o grupo, xa che dixen que estamos realmente contentos con el, e facer algunha fichaxe para reforzarnos. Agardo que poidamos ter 20 fichas este ano, pero non te creas que é fácil atopar xente. A demografía é un problema enorme para o noso pobo.

Vós xogades no campo municipal, que se chama Pepe Capón. Ilústranos presidente, quen foi a persoa que lle dá nome ao terreo de xogo?

Eu non o cheguei a coñecer. Seica foi unha persoa que dedicou toda a súa vida ao club

Observo que cambiastes o céspede?

Si, acabamos de mudalo este ano. Cambiouno o concello. Estou realmente satisfeito da nosa relación tanto co alcalde como con Óscar, o concelleiro de deportes

Cando chegaches ti á presidencia estaba Raúl de alcalde non?

Si, e tamén tiven moi boas relacións con el. As miñas relacións tanto con Raul como con Xose foron excelentes. O único que podo de dicir do trato que nos dá o Concello de As Neves son cousas boas

Cantos equipos tedes?

A maior parte dos anos tivemos 5: alevíns, infantís, cadetes, xuvenís e senior, pero como mencionei antes temos un gravísimo problema demográfico e non nos queda outra que adecuarnos á realidade. Este ano creo que nos imos quedar con tres; alevíns, cadetes e o equipo maior

E fútbol feminino?

Intentamos facelo, pero foinos imposible. Non hai suficientes mozas interesadas no Concello para podelo montar

Como valoras a implicación da veciñanza co equipo?

Para min é escasa. Somos moi poucos socios, só 80.Os que estamos implicados dedicámoslle grande cantidade de horas, esforzo, sacrificio e imaxinación para procurar financiamento. De non ser así sería imposible

Cantas persoas soen asistir aos partidos?

Este ano como iamos moi ben a asistencia era algo maior que o habitual pero normalmente ven moi pouca xente, arredor de 50 persoas de media. ás veces ven máis público de fóra que de casa

Tedes cantina?

Si, pero ao vir pouca xente aos partidos non te creas que deixa moito. Nós chegamos a ter dous equipos de veteranos, que se desfixeron. Cando existían a cantina funcionaba un pouco mellor

Cantas persoas sodes na directiva?

Cinco. Agardo que este ano poida meter a dúas persoas máis

Os obxectivos deportivos para esta temporada cales son?

Manternos, de momento non podemos aspirar a máis

En función da dimensión e estrutura sociolóxica das Neves, cal dirías ti que é o lugar natural do equipo?

Nós debemos aspirar á 1º autonómica, pero para iso necesitamos unha implicación moito máis elevada de toda a sociedade nevense

Rematamos Salvador. O fútbol modesto sen público é viable?

De ningunha maneira. Se tal como sucedeu nos últimos partidos de liga profesional, fósemos obrigados a xogar sen público, sería total e absolutamente imposible a viabilidade do fútbol modesto

ÓSCAR GONZÁLEZ CONCELLEIRO DE DEPORTES DO CONCELLO DE AS NEVES

Óscar é un mozo de Taboexa ,que entre outras leva a área de deportes no goberno municipal. Desde moi novo está vencellado ao asociacionismo da sociedade civil do seu pobo, e aínda que non chega aos 40 anos xa leva un feixe deles militando no BNG das Neves

Óscar López Concelleiro Deportes As Neves A Nova Peneira

Tanto este concelleiro de deportes, como todo o goberno, estamos ao dispor de calquera colectivo deportivo do noso pobo para tratar de facilitarlles as cousas”

Que áreas levas ti, Óscar?

Eu levo servizos públicos, medio ambiente, medio rural, deportes e innovación tecnolóxica

Cal é a túa formación?

Son técnico informático

Canto tempo levas en política?

Desde o ano 2.006, xa levo 14 anos no BNG das Neves. Todo comezou nunha feira do Requeixo. Estaba eu visitándoa e había un posto informativo do BNG, achegueime, comezamos a conversar, e 14 anos despois aquí estou

Xa estaba Xose naquel posto?

Si, alí estaba ao actual alcalde, si

Que tal no cogoberno co PSOE neste segundo mandato?

Moi ben, moitísimo máis cómodos que no anterior

De onde es natural?

Eu son natural da parroquia de Taboexa

Veño de falar con Salvador, e el dime que está moi contento das relacións que ten tanto co alcalde como contigo. E ti?

Nós procuramos ter a relación máis intensa posible co equipo de fútbol, como non podía ser doutra maneira. Son un colectivo do noso concello, levan o nome do noso pobo, e compiten nun campo que é municipal, polo tanto, como con calquera outra entidade deportiva nevense, este concelleiro e o goberno en pleno estamos ao seu dispor para tratar de facilitarlles as cousas

Mudastes o céspede do campo. Ese tipo de obras son moi custosas verdade?

Si, o custe final estivo arredor dos 130.000€.Nós recibimos unha subvención do ministerio de transición ecolóxica, só o noso concello e o de Vigo, na provincia de Pontevedra, acudimos a esa subvención destinada a paliar os efectos dos incendios do 2.017.E naquel lume, as redes exteriores arderon caeron no céspede e danárono. Esa subvención sufraga cerca da metade da obra

E o resto?

Entre a compañía aseguradora do campo e o Concello.

O presidente do equipo de fútbol está preocupado pola dificultade tanto para encontrar xogadores como para que haxa un posible relevo xeracional á xunta directiva actual?

Non somos alleos a esa circunstancia .Somos conscientes que o noso pobo, como moitos outros da Galicia interior, padece un grave problema demográfico. É responsabilidade de todos, da administración municipal tamén, claro que si, tratar de mitigalo

Cantos equipos deportivos ten AS NEVES?

Alén do equipo con cuxo presidente acabas de falar, está o Rubiós, outro equipo de fútbol que milita en 3º autonómica e que tamén teñen equipo de veteranos. O Fútbol Sala As Neves, que xogan o pavillón municipal, que tamén tivo un ano moi bo, pois participou na autonómica sur e quedaron primeiros. O Club de Badminton As Neves ten moitísima importancia no noso concello, pois temos algunha persoa participando en competicións europeas. Debemos destacar o caso de Lucía Rodríguez que está a participar no campionato do mundo coa selección española. Non me quero esquecer do Cornelios, un club que se dedica ao deporte relacionado coa orientación. Fan moitas modalidades como andainas, kayak…

Vaia, malia que temos problemas demográficos evidentes, observo que o deporte ten unha presenza ampla e variada

E tanto que si. Tamén temos asociacións deportivas como por exemplo a asociación SANOMEDIO, que maioritariamente fai andainas e BTT.E por último en Taboexa tamén se organizan campionatos de motocross

E de instalacións como andamos?

Ben, temos o campo de fútbol municipal, e o pavillón de deportes

O campo pareceume que está moi ben, pero creo que á grada facíalle falta un lavado de cara

Estou de acordo contigo, de feito temos a intención de facelo antes de que comece a temporada

O pavillón non o coñezo, como están as instalacións?

No 2.015 remataron a modificación das gradas e a partir de aí, nos acometemos unha obra para mellorar a iluminación interior. Cambiamos a LED a iluminación do teito

As relacións do concelleiro con todas as asociacións e clubs que mencionaches son boas?

Pola miña parte desde logo que si, agardo que o sentimento sexa recíproco en todos os equipos. Eu polo menos, procuro de dar o mellor de min mesmo, e tratar a todos con equidade para que así sexa.

Vexo que estás moi cómodo na concellería de deportes?

Estouno, a verdade é que si. A min o que me gusta é traballar polo ben común .Xa desde moi novo estou vencellado ao asociacionismo na sociedade civil, e considero que a procura do ben colectivo é o camiño máis adecuado para asegurar o benestar individual