Xose Manuel Rodríguez Méndez Alcalde Das Neves

Alcalde das Neves A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A piques dunha nova edición da Festa do Viño, que desta volta celebrarase o próximo 12 de outubro, achegámonos ata As Neves a conversar co seu alcalde, o nacionalista Xosé Manuel Rodríguez, co que novamente analizamos polo miúdo a actualidade do seu fermoso concello. A conversa tivémola no bar das piscinas municipais mentres o que isto escribe morría coa envexa da grande cantidade de persoas que gozaban felices dun refrescante e merecido baño nunha soleada e azul tarde de verán. Creo que coñezo bastante ben as Neves, non hai parroquia na que non estivera, e coido que podo dicir que percorrín a maioría dos barrios do Concello, pero nunca estivera nas piscinas municipais. Aparquei o meu coche no centro do pobo, e preguntei se quedaban preto para ir paseando, a persoa que me atendeu díxome algo así como “ síii telas alí ao lado” e alá fun andando á procura das piscinas, pero claro, o meu informante esqueceu advertirme da tremenda costa que hai que subir para chegar a elas. As lectoras e lectores que a coñezan, seguro que entenden as motivacións da envexa que sentín das persoas que estaban a gozar do baño estival…

OS GRANDES RETOS QUE,CON MOITO ESFORZO, PUXEMOS EN MARCHA NO NOSO PRIMEIRO MANDATO, COMO POR EXEMPLO A GARDERÍA,OU A ESCOLA DE MÚSICA COMEZAN A FLORECER NA ACTUALIDADE”

Case tres meses despois de ter iniciado o teu segundo mandato, que nos podes dicir deste breve período?

Ben, penso que o iniciamos con moita solidez .Acadamos unha gran estabilidade de goberno que deu como resultado a harmonía no presente e unhas moi positivas perspectivas de futuro

Estás satisfeito co nivel de cohesión acadado co PSOE?

Si, enormemente satisfeito. Somos un grupo moi cohesionado, que mestura a experiencia e a ilusión por facer ben as cousas

Vexo que estás moi cómodo, a túa percepción é que por parte dos teus socios do PSOE existe reciprocidade?

Estou seguro de que si. A cohesión e a lealdade son mutuas sen dúbida algunha

O goberno é de 6; 4 do BNG e 2 do PSOE, a situación de Eduardo, o terceiro concelleiro socialista que non quixo formar parte del, cal é?

El renunciou a apoiar a este goberno, e presentou un escrito por rexistro para pasar a ser concelleiro non adscrito, pero a súa situación interna no PSOE descoñézoa

Fai oposición?

Si, formalmente si, o nivel é o normal, non se significa.

Que valoración global fas do teu primeiro mandato?

O primeiro iniciámolo con moita ilusión, pero foi un tanto accidentado, en gran medida lastrado pola falta de cohesión que houbo entre os dous socios do goberno. Con todo, penso que afrontamos un gran reto de transformación das Neves, un pobo gobernado desde a noite dos tempos pola dereita e cunhas estruturas difíciles de remover. Catro anos é un período moi breve e considero que estamos a notar no momento presente que as cousas que puxemos a funcionar comezan a florecer

Por exemplo?

As obras da gardería que foi un gran reto para nós, a casa da música, a renovación e a decidida aposta que fixemos por reforzar o noso programa cultural, a transformación da estrutura de servizos sociais…

Que nos dis dos petróglifos de Taboexa?

Unha consecuencia afortunada da terrible traxedia de lumes que sufrimos hai dous anos. Creo que logramos darlles a importancia que realmente teñen. Nós imos apostar decididamente por eles, e de feito xa temos aprobada no GDR unha liña moi importante de fondos para podermos mellorar substancialmente a súa contorna.

A coral das Neves cumpre 30 anos de vida neste 2019, o concello vaise implicar para axudarlles a celebralo, e, o que é máis importante, para que poidan seguir cumprindo anos?

Descoñezo os actos que teñen previsto para celebrar o seu aniversario, pero desde logo que poremos os medios que o ten o concello, para que na medida do posible poidamos axudar a que teñan un enorme éxito. Nós queremos traballar con todas as asociacións que articulan a sociedade das Neves, como pode ser a coral, para que se sosteñan e medren. Todo o que contribúa a reforzar o sentimento de identidade das Neves terá o apoio deste goberno e deste alcalde. De feito a nosa imaxe institucional, pretende ser un símbolo gráfico da unidade das 13 parroquias que constitúen o noso pobo

E existe ese sentimento de identidade?, se lle preguntas a unha persoa por exemplo de Batalláns ou de Taboexa de onde é , diche que é das Neves?

Pois basicamente creo que a persoa de Batalláns diría que é de Batalláns e a de Taboexa diría que é de Taboexa. Eu mesmo que son de Tortoreos, teño por costume dicir que son de Tortoreos. Porén, respectando ese sentimento, claro que si, o reto de crear identidade e orgullo de sermos e de vivirmos nas Neves, en calquera curruncho das Neves, está no máis profundo de min e da nosa forma de entender a política. Temos que superar en positivo a idea de que ten que haber todo en todos os sitios, por exemplo unha piscina como esta na que conversamos, sería imposible que existise en cada parroquia

Hmm, iso que me dis recórdame un concello da nosa área de influencia que ten unha piscina na parroquia do alcalde, outra na parroquia do que era tenente de alcalde cando se construíu e non a ten no centro do pobo

Ha ha ha ha, ben vale, pero aquí non se dá ese caso

Como vai o tema do perigosísimo cruce de Setados, solucionarase neste mandato?

Este outro reto moi importante para nós, que segue sen resolverse. Está pendente dun informe da axencia galega de infraestruturas cun compromiso dunha dotación orzamentaria suficiente para acometer as obras necesarias para solucionar ese grave problema. Eu estou seguro de que é imprescindible que se resolva de contado, é unha necesidade a ollos vista, pero non estou seguro de que exista a vontade política para facelo.

E o asunto da gravera de Setados?

Está resolto a favor da Comunidade de Montes, que teñen recoñecido un dereito a indemnización que penso debe de estar en fase executiva

Ti que posición tes ao respecto?

Eu considero que a comunidade de montes debe de ser compensada economicamente por unha propiedade que lles pertence, desde logo que si, pero tamén me gustaría que se puidese atopar unha fórmula que permitise a conservación deses postos de traballo

Falando de postos de traballo, que nos dis da PLISAN?

Nós temos unha aposta decidida polo seu desenvolvemento. É esencial para o noso desenvolvemento futuro, e pelexaremos para que vaia para adiante.

Se non se lles pode ofrecer aos mozos e mozas do rural unha alternativa para que desenvolvan un proxecto vital, marchan e o rural esmorece. Como levades nas Neves o relevo xeracional?

Pois estamos na posición ordinaria do mundo rural galego. O nivel de nacementos é baixo, e perdemos poboación. A verdade, o avellentamento non só das Neves, senón de todo o rural galego é moi preocupante. Nós entendemos que o desenvolvemento da PLISAN é unha oportunidade necesaria para poder modificar esa perigosa tendencia

Para que a xente veña a vivir ás Neves alén das oportunidades laborais, tamén debe existir un adecuado desenvolvemento urbanístico que lles proporcione alternativas habitacionais ?

Estou completamente de acordo, e de feito estamos traballando con moita intensidade no desenrolo urbanístico do noso pobo

Iso é moi interesante, e levándoo ao terreo do concreto, que orientación temporal calculas necesaria para visualizar resultados?

Agora estamos na fase de estudo e análise, e considerando un horizonte temporal de arredor de catro anos, que é cando agardo que se poidan ver xa resultados concretos.

Estamos a piques de rematar o verán, o tema dos lumes este ano levámolo ben, non?

Afortunadamente, pero non nos podemos despistar. Ese problema seguirá aí mentres non exista un cambio de modelo forestal

Por que motivo celebramos tan tarde a festa do viño este ano?

Foi unha decisión estratéxica, no verán hai unha altísima concentración de festas e consideramos que asociar a promoción do viño tinto co outono e o inverno podería ser máis apropiado.

Como ves as eleccións autonómicas do ano próximo?

Eu creo que van ser adiantadas, dependerá do que pase en Madrid, claro, eu penso que o PP perderá a maioría e abofé que a Galiza faille falta un cambio con urxencia

Ana Pontón a próxima vicepresidenta da Xunta?

É moi probable

Moitas grazas alcalde.