César Gil Bernárdez voceiro do Bng en Mondariz balneario

César Gil A Nova Peneira Mondariz

César Gil é o voceiro do BNG en Mondariz Balneario, o concello máis pequeno de Galicia, e non é alcalde por 2 votos. Este concello ten un censo un tanto peculiar, pois seica hai unha porcentaxe significativa de persoas censadas alí, que non aparecen nunca polo concello, pero increiblemente a votar parece que si que veñen. Non me cabe dúbida algunha de que César, máis cedo que tarde será alcalde do seu pobo, e cando o sexa, ás veces acertará e as veces non, peros sei que sempre se tomará moi en serio a súa responsabilidade e sempre tomará a política como un medio para mellorar a vida das persoas e non como un medio de vida para el mesmo

COMPROMÉTOME A LOITAR SEN CUARTEL CONTRA A APATÍA E A DESIDIA DO GOBERNO DO NOSO POBO,PRESENTANDO PROPOSTAS SERIAS E SOLVENTES PARA MELLORAR A VIDA DOS NOSOS VECIÑOS E VECIÑAS”

Comezamos dándoche os parabéns pola recuperación da representación do teu partido no parlamento do estado

Moitas grazas, a verdade é que estou moi satisfeito porque tal cantidade de galegas e galegos confiasen na alternativa do nacionalismo galego, e teño a certeza de que o traballo de Néstor Rego no parlamento do estado será brillante en cantidade e en calidade e fará que isto só sexa o principio

Cales son as necesidades máis urxentes do teu pobo?

Somos un pobo moi pequeno, pero cun patrimonio de enorme riqueza, que está nun grave perigo pola desidia e pola incompetencia do goberno municipal. Por outra banda non somos alleos a un dos principais problemas de Galiza, que é o despoboamento do rural, pola carencia de alternativas laborais e de ocio que permitan desenvolver unha vida digna

Que pasa coa fonte de Troncoso?

O noso pobo naceu nesa fonte, creceu arredor desa fonte é a historia máis profunda e íntima de todas e todos nós e agora mesmo está a caer. E ninguén se quere facer cargo. O concello non quere expropiala e proceder á súa rehabilitación

A fiscalía tomou cartas no asunto, non?

Si, porque un ben como ese debe ser conservado e coidado por lei. E malia que o seu propietario é privado a administración municipal do PP exerce unha desidia intolerable, porque debera facerse cargo da súa xestión, e rehabilitala de contado, o contrario é unha auténtica irresponsabilidade.

Ao día seguinte das eleccións municipais, que perdestes por dous votos, comía eu nun restaurante do teu pobo e comentáronme que o día dos comicios, un grupo de persoas de Madrid departían felices e contentos nese mesmo local e ante a pregunta do camareiro “como vós por aquí hoxe”? contestaron “ ejke nos llamaron para venir a votar porque la cosa está jodida”…que me dis?

Créomo perfectamente. O noso censo está completamente inflado. Aquí hai moitas persoas que son propietarias de vivendas, fundamentalmente de Madrid, que non veñen en todo o ano, pero a votar si. Nós a esa xente non chegamos, pero o alcalde si. De feito temos constancia de que boa parte dos seus esforzos se dirixiron a captar eses votos

É certo que nos apartamentos do antigo balneario están censadas máis persoas que apartamentos hai?

Si, e tamén hai persoas censadas no hotel.E ao final a xente que ven de fóra a votar non lle interesa o que pasa aquí,k nin os nosos problemas nin as nosas necesidades, só están censados aquí para pagar menos impostos que en Madrid

Cantas persoas estades censadas en Mondariz Balneario?

Arredor de 700

E iso é real?

O que vive aquí iso non o cre ninguén. En Balneario vivimos 350/ 400 persoas como moito. Os procesos electorais son moi interesantes porque non paras de coñecer xente, parece moi gracioso pero é dramático.Fíxate chegamos a ter ata 5 sorteos electorais para facer a mesa, porque a maioría da xente non vive aquí, e se lle toca saír é imposible localizala para comunicarllo

Que alternativas ofrece o goberno municipal para atraer xente a vivir ao pobo?

Ningunha en absoluto.

Acaba de aprobar o concello os orzamentos, como os valora o BNG?

Valorámolos moi negativamente. O turismo é un dos eixos da nosa economía e nalgo tan importante para nós só se orzamentan 3.000€ para subministración e posibles arranxos da praza de abastos. En deporte 0€, en cultura alén do soldo da persoa que traballa na biblioteca 0€.O único positivo é que por fin conseguimos que o concello subvencionase o plan madruga, e cando lle preguntas no pleno aos representantes do PP , as respostas son para quedar abraiado, revelan un descoñecemento e unha desidia superlativo, fíxenlle arredor de 20 preguntas, e non me souberon responder a ningunha.

En definitiva, César, que pode esperar un veciño ou veciña de Mondariz Balneario que confiara en vós?

Unha loita sen cuartel, contra a apatía e a desidia deste goberno, a ilusión infinita en presentar propostas serias e solventes para mellorar a vida das persoas que aquí vivimos.