Os clubs Tenis Tui e Padel8 colaboran coa Biblioteca Pública Municipal

Biblioteca Tenis Padel A Nova Peneira Concello de Tui

É un exemplo de economía circular co reciclado das pelotas usadas de tenis e padel para reducir os ruídos no centro bibliotecario

Tui, 7 de novembro de 2019

Os responsables de dous clubs deportivos tudenses, Pablo García do Club de Tenis Tui e Juan Carlos Feijoo e Miguel de la Calle do Club de Padel8, entregaron esta mañá á Biblioteca Municipal de Tui un amplo lotes de pelotas usadas que serán reutilizadas polo centro bibliotecario para contribuír substancialmente ao mantemento do ambiente de silencio, tan característico na biblioteca, ao evitar o ruído xerado polo arrastres das cadeiras que, de modo involuntario, realizan os usuarios cando acceden ou abandonan o seu posto de lectura.

Participaron neste acto, xunto aos responsables de ambos clubs, os concelleiros de Deportes, Rafael Estévez, e de Cultura, Sonsoles Vicente. Todos expresaron a súa satisfacción por esta colaboración que é un sinxelo exemplo de reutilización de material, nesta caso deportivo, para outros usos, neste caso culturais. Un bo exemplo de economía circular promovido pola Biblioteca Pública Municipal tudense que nos vindeiros días procederá á colocación destas pelotas usadas como elemento protector nas patas das cadeiras da sala de lectura deste centro bibliotecario.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, con esta medida se responde a unha demanda dos usuarios da biblioteca e se abre á colaboración con outras entidades e colectivos tudense pois a Biblioteca Municipal tudense é un espazo aberto e de acollida a múltiples perspectivas e intereses. Este material tamén será ofrecido ás bibliotecas escolares que puideran estar interesadas.