Anxo Baz (BNG):“é moi grave que o PP de Roberto Carrero renuncie a esta infraestrutura tan necesaria e demandada”
O BNG ven de facer público que o goberno do PP da Guarda de Roberto Carrero acaba de renunciar a construción da senda peonil entre Camposancos e a Guarda. Esta actuación estaba incluída dentro do Plan de sostibilidade turística dotado cun 1.000.000 €. A partida económica prevista para esta obra permitiría cando menos iniciala e facilitaría forzar á Xunta de Galiza, titular da estrada PO-352, a rematala.
A estrada PO 352 que une Camposancos e A Guarda representa un gran perigo para os viandantes e ciclistas. En moitas ocasións os peóns teñen que esquivar os coches botándose á maleza e outras, cando se atopan dous vehículos de fronte e un peón ou un ciclista, teñen que parar para evitar un accidente.
O portavoz dos nacionalistas Anxo Baz, considera “moi grave que despois de anos nos que formalmente todos os grupos políticos con presencia na Corporación guardesa manifestaran o compromiso con esta infraestrutura cando chega a oportunidade de poder iniciala o goberno de Roberto Carrero renuncie a ela. Roberto Carrero, empeza a ensinarse realmente como o que é -destacou o nacionalista- un alcalde sen proxecto e sen dedicación, ademais dun alcalde que non cumpre coa palabra”.
Os nacionalista tamén indicaron que o BNG non se vai quedar parado diante de tamaño despropósito e anuncian unha ofensiva institucional e social para que a Xunta de Galiza aborde na súa totalidade a construción desta senda tan necesaria e demandada.