O alcalde de Tui solicitará á Xunta unha segunda Escola Infantil
Tui. Venres, 28 de xuño de 2019.
Na mañá de hoxe o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, visitou a Escola Infantil da Galiña Azul de Tui para coñecer de primeira man o resultado da obra realizada no parque exterior do centro.
A actuación, rematada hai uns días, consistiu na adecuación do parque exterior a través da plantación de céspede e elementos verdes como setos e arbustos, a creación dun areeiro zona acolchada, e xogos para os cativos.
Apuntou o alcalde de Tui que o resultado da actuación, a falta de perfilar algún detalle, é positivo e que “responde a filosofía de goberno de que as instalacións públicas estean nas mellores condición para o desfrute, neste caso, dos usuarios da Escola Infantil.”
O orzamento para a actuación foi de 20.930€ con cargo ao Plan Concellos 2017.
Por outra banda anunciou que vai solicitar á Consellería de Educación da Xunta de Galicia unha segunda Escola Infantil, indicando que o concello está disposto a proporcionar os terreos. Apuntou que este segundo centro “é necesario dado que a lista de espera é moi ampla e está a ser moi demandada polos veciños e veciñas de Tui.”