Tomiño continúa ‘Cultivando Paisaxes’ para transformar o espazo público nun grande escaparate do viveirismo

Tomiño continúa ‘Cultivando Paisaxes’ para transformar o espazo público nun grande escaparate do viveirismo

O Concello está a crear un novo espazo axardinado en Camiño Novo deseñado pola paisaxista Sinda Davila que contará con planta doada por Veraleza e cunha escultura de Xuxo Vázquez

Tomiño, 30 de marzo de 2024

O Concello de Tomiño, a paisaxista Sinda Davila e Veraleza continúan avanzando no proxecto ‘Cultivando Paisaxes’, unha iniciativa que naceu co obxectivo de crear un corredor verde que identifique ao municipio como un dos maiores produtores ibéricos de planta ornamental e se converta nun verdadeiro escaparate do viveirismo, principal motor económico da vila.

Neste camiño, o Concello xa iniciou os traballos para crear un novo espazo axardinado en Camiño Novo, xunto ao acceso norte da Avenida do Baixo Miño, unha transformación dixirida por Sinda Davila que contará con planta e árbores cedidos por Veraleza e na que se poderá desfrutar dunha escultura de Xuxo Vázquez.

Precisamente Davila foi a autora das actuacións máis recentes do proxecto, a través das que se recuperaron e encheron de vida catro rotondas na Avenida do Baixo Miño. A experta traballou de forma coordinada cos viveiros da zona para converter cada rotonda nun escaparate con deseños orgánicos que vaia florecendo en diferentes épocas do ano e que invite ás persoas que pasen por diante del a preguntarse a procedencia das plantas empregadas. Para visibilizar aínda máis o traballo das empresas tomiñesas, cada espazo conta cun panel co nome do viveiro ao que pertencen esas plantas.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a importancia do proxecto ‘Cultivando Paisaxes’, unha iniciativa “que humaniza a contorna e permite recuperar espazos degradados nas estradas principais do concello, dando a coñecer ao mesmo tempo a produción do sector viveirista. Un sinal de identidade e un paisaxismo coidado que poden sen dúbida atraer o turismo e mellorar a percepción do territorio”.

‘Cultivando Paisaxes’ é un proxecto con moitos anos de traxectoria que naceu en colaboración coa Fundación Xavier Pousa e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e a través do que o Concello segue traballando na mellora do espazo verde urbano con iniciativas innovadoras. A súa implicación neste proxecto valeulle ao Concello de Tomiño catro flores de honra, a máxima distinción do certame ‘Vilas en Flor’, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) co obxectivo de recoñecer as accións que levan a cabo os municipios para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.