Altri non, Ence tampouco

Artigo de opinión A Nova Peneira

Irmáns! Irmáns galegos! Dende Ortegal ao Miño a folla do fouciño fagamos rebrilar!

Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

En Marín levamos moitos aos padecendo os efectos dunha empresa “modelo” coma ENCE, a celulosas de toda a vida, sofrendo a súa contaminación e o seu fedor. Levamos anos aturando a propaganda ven pagada en todos os medios que fai esta empresa para branquearse e tapar a realidade. Sabemos que financia asociacións e grupos culturais para comprar vontades. En definitiva ENCE actua como esas empresas malvadas que saen nas películas actuando de xeito mafioso.

Con todo este saber temos claro que o proxecto de Altri non é nada bo para Palas nin para os concellos do arredor, como non é nada bo para Galiza. A eucaliptización salvaxe acompañada dos incendios veu da man de ENCE, con Altri este problema acrescentarase coa permisividade complice da Xunta.

Pese a saber todo o que sabemos nós, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade a instalación dunha nova celulosa. Chamáronlle “factoría de fibra textil”, de industrialización necesaria, de postos de traballo, para disimular a realidade e tentar meternos un gol. A Xunta, A Banca, Altri, a apoio unánime do Parlamento, todos xuntos nun proxecto que non queren en Portugal, onde xa saben como xoga de “limpo” Altri e como deixa os ríos onde verte a súa porcallada contaminante.

Os poderes económicos, coa complicidade política, queren converter Galiza no destino de todas as actividades industriais nocivas e porcallentas para o medio ambiente, hipotecando o futuro dos galegos. Industrias que só benefician a unhas poucas empresas foraneas que levan os cartos para fóra. O mellor exemplo é Audasa, mimada por todos os gobernos españois para saquear os nosos petos, cuns resultados cada ano máis grandes e vergoñentos.

Con Franco sofremos a construción dos encoros, que asolagaron aldeas e vales, e o inicio da eucaliptización. Coa “democracia” encheron os nosos montes de eólicos para producir electricidade barata para catro grandes empresas.

Hoxe, da man da “autonomía”, queren colocarnos unha nova celulosa que aumentará exponencialmente a desfeita forestal do noso país. Xa non haberá lugar para as carballeiras, para os prados; o rural galego transformaráse nunha grande plantación de eucaliptos, Galiza será un latifundio produtor desta especia allea e invasora.

Tratannos como unha colonia.

A Galiza asignaronlle o papel de producir materias primas baratas e exportar man de obra. As nosas vías de comunicación non se deseñaron para comunicar e articular Galiza, están ao servizo de Madrid cara onde vai o noso peixe e a nosa eletricidade. Desde alí decidiron encher os nosos vales de encoros e agora os nosos montes e as nosas costas de muiñós, deciden como deben ser os camiños de ferro, as nosas autoestradas…

Agora queren colocarnos a celulosas de Altri e temos que berrar alto e claro: Altrin Non (ENCE tampouco). Non podemos pasar pola instalación no centro de Galiza dunha bomba que vai arrasar centos de explotacións agrícolas e ganderias. Que vai poñer en perigo cos seus verquidos a produtividade da Ría de Arousa.

Denantes de ser escravos,irmáns, irmáns galegos que corra o sangue a rego dende a montaña ao mar!

Marín, 30 de Marzo de 2024