Sobre ciencia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Comezamos esta serie de artigos baixo a impresión de que a pandemia nos obrigaría a nos facer preguntas de todo tipo. Sabiamos que as máis inmediatas, por exemplo, sobre a calidade do sistema sanitario ou a responsabilidade das institucións políticas levarían a outras máis distantes, pero que, de todas formas, se presentarían no debate público e reclamarían unha resposta. En especial, a relación entre o libre comercio, o que Hayek chama a “tradición moral” e a esixencia de planificación da actividade económica. 

Resulta crucial, ao meu entender, ver que esa cuestión, que é a que guía todo o traballo de Hayek, a contraposición política entre capitalismo ou sociedade aberta e socialismo ou sociedade pechada, vai ligada tanto a oposición entre moral primitiva e moral mercantil, “burguesa” diría Marx, como a que imos comentar agora. A de opoñer unha idea aberta da racionalidade científica a outra idea pechada da mesma. Unha idea aberta da ciencia quere dicir unha na que é posible, sen se saír do propio campo da ciencia, discutir as afirmacións científicas e unha pechada, sería ao contrario, outra na que habería, polo menos, certas afirmacións que serían verdades indiscutibles. Hayek as pon xuntas. Unha moral primitiva correspóndese cunha idea de ciencia pechada. E ao revés.

Este asunto é crucial porque iso despraza o debate cara un campo no que as posicións non se guían polos intereses ou os beneficios, senón pola busca da verdade. De modo que, a opción entre capitalismo ou socialismo teríase transformado na de quen opta pola moralidade aberta a regras abstractas fronte a de quen opta polos instintos morais primitivos.

A estratexia neste punto para o socialismo por suposto non é discutir que sexa ciencia, cousa que ocorreu nos anos trinta do século pasado, ao distinguir unha ciencia burguesa de outra socialista, senón en mostrar que a ciencia é tamén unha empresa social e como tal está sometida a crenzas e intereses que ás veces son mesmo de difícil xustificación. Por iso ocorre que, no campo concreto da economía, a economía académica se presenta como un saber matemático, é dicir, depurado de toda consideración subxectiva. Daquela, na que as decisións económicas non as toman homes ou mulleres que diría un existencialista de “carne e óso”, sometido a todo tipo de gustos, crenzas e inclinacións persoais, senón entes puramente racionais guiados pola lóxica do razoamento marxinal.

Certo que Hayek e a escola austríaca, xa dixemos, desdeñan a matemática ou a usan de modo secundario, pero empeñouse toda a súa vida en tratar de demostrar que o socialismo tiña unha base pseudocientífica ou “miserable”. Certo. O socialismo parte da situación real dos actores económicos nunha situación histórica determinada. Non acepta que os individuos actúen libremente. Senón que, pola contra, sexan ricos ou pobres, e estando cada quen sometido ao despotismo dos seus propios prexuízos, ademais diso, considera que están sometidos á miseria da lóxica da competencia.