Décadas despois de nos teren convencidos do fin do comunismo, escoitamos e lemos unha e outra vez que en Madrid goberna unha coalición socialcomunista. O Partido Comunista conta, en efecto, cunha das vinte carteiras ministeriais da coalición de goberno. Exercida, cómpre dicilo, cunha brillante discreción. Ningún outro ministro responde ao epíteto de “comunista”. Todos os demais son socialistas, uns máis lonxe e outros máis cerca da liña que os separa da dereita. No entanto, todo o mundo sabe que a insistencia coa que a oposición e os media repiten que o goberno é socialcomunista non se debe á influenza do ministro Garzón na acción política do goberno, senón á ocasión que a súa presenza proporciona para empregar un vocábulo de enorme potencia propagandística. Neste caso o fin a perseguir é claramente deslexitimar os ministros de Podemos e, de rebote, a do presidente que, demostrando unha absoluta falta de escrúpulos políticos, bótase nas mans de quen quere romper España.
Agora ben, esa operación de desacreditar un goberno da España actual mediante o recurso de acusalo de comunista só pode ser eficaz contra a propia historia recente do Reino. É así que, a propia historia oficial afirma que sen a participación do Partido Comunista de España o acordo que deu lugar á Constitución Española sería imposible. Do mesmo xeito que hoxe non se cuestiona o epíteto de “socialcomunista” lanzado contra o Goberno, entendo que non sería obxectable referirse á CE en termos dunha constitución “socialcomunista”. Agora mesmo, porén, non son quen de imaxinar iso, é dicir, esa situación na que a opinión pública aceptase con normalidade a súa orixe socialcomunista. Pero, en cambio, non vexo ningún problema en trazar unha estratexia na que ademais da operación de acoso ao Goberno do que se trata con ese uso, contra a historia, do adxectivo comunista, é facer imposible toda participación de calquera partido comunista na competición política democrática e mesmo borrar a pegada dos comunistas españois no pasado século.
Está ben establecido que a estratexia negociadora dos comunistas na comisión constitucional estivo marcada polo repudio que a legalización do partido provocara na cúpula militar e na extrema dereita. Fraga falou de “verdadeiro golpe de Estado”. A partir de aí renunciaron á república e romperon coa liña de lexitimidade que obrigaría referendar a forma de Goberno. Argumentaban que a alternativa en xogo era ditadura ou democracia, non república ou monarquía. Enténdese que concederan tanto. Talmente facilitaron a restauración borbónica. A dereita debería estar agradecida. Suárez estábao. Pero a dereita actual, polo que se ve, esqueceu isto e ten decidido romper co réxime do 78, xustamente por socialcomunista, é dicir, por ter sido intransixente na defensa de que non hai democracia sen, daquela, a participación das masas obreiras, hoxe, sen a das masas en vías de ser convertidas en meras masas de datos xestionados por algoritmos sen paixón política.