A Mobilización en defensa da nosa cultura e dos dereitos laborais

Vitor Mariño, Secretario de Acción Sindical da CUT
Vitor Mariño, Secretario de Acción Sindical da CUT

Este pasado domingo 15 de decembro, milleiros de persoas de toda Galiza reuníronse en Santiago de Compostela para dar unha contundente mostra de unidade na defensa da nosa cultura. Esta defensa non se limita unicamente ao idioma galego; é un clamor por preservar a nosa terra, o noso modo de vivir e a forma de entender a vida que nos caracteriza como pobo. É, ademais, unha forma de reivindicar os nosos dereitos como clase traballadora, pois ámbalas loitas están entrelazadas.

A macro-celulosa de Altri representa un proxecto industrial que pon en risco a esencia do noso modo de vida. Neste contexto, é fundamental destacar que este proxecto busca espoliar os recursos do noso pobo en beneficio dos intereses do capital, amparados por quen, dende o Partido Popular, defenden estas iniciativas que van en contra do benestar da cidadanía. A defensa da nosa terra e dos nosos recursos naturais é unha cuestión de supervivencia, non só cultural, senón tamén laboral.

Ademais, é alarmante a situación de medios públicos galegos que, en teoría, deberían estar ao servizo do pobo, pero que, na práctica, están ao servicio de intereses económicos e políticos. É inaceptable que se silencien as voces dos traballadores e traballadoras da CRTVG que levan anos denunciando a manipulación informativa. Estes profesionais se mobilizan tamén pola externalización reiterada de programas con cargo ao erario público, en beneficio de produtoras privadas. Son un exemplo do compromiso coa verdade e co dereito á unha información veraz e na defensa dos dereitos laborais.

A cobertura que estes medios públicos deron sobre a mobilización de Altri non é máis que un síntoma claro do que levan denunciando as persoas que traballan neste medio: a tentativa de branquear a instalación desta macro-celulosa.

A manipulación informativa non só afecta á percepción pública, senón que tamén socava a confianza da cidadanía nos medios que deberían informar de maneira imparcial e responsable.

Dende a CUT, instamos a todos e todas a tomar conciencia da gravidade da situación. A defensa da cultura galega e dos recursos naturais non é só un asunto que atinxan aos que se mobilizan nas rúas, senón que é unha responsabilidade compartida que debemos asumir todos e todas como sociedade. Non podemos permitir que intereses alleos avancen sen oposición; é fundamental que cada un de nós, como traballadores/as e cidadáns, se comprometa a loitar por un futuro no que a cultura e a terra galega sexan respectadas e valoradas e non espoliadas.

A nosa cultura e os nosos dereitos son inseparables. A unidade na loita é a clave para garantir que a esencia galega perdure e se fortaleza. A defensa da nosa terra e da nosa identidade é un compromiso que debemos asumir xuntas. Seguiremos loitando incansablemente porque, os dereitos laborais, e a cultura galega non se merca, deféndese!.

NON A MANIPULACIÓN INFORMATIVA DA CRTVG!

NON A MACRO-CELULOSA DE ALTRI!