Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG en Vigo
O domingo 15 de decembro o pobo galego volveu facer Historia. A masiva mobilización en contra do proxecto de macrocelulosa de Altri encheu por máis de dúas veces a praza do Obradoiro con máis de cen mil persoas. Unha imaxe que nos conectaba co exemplo de loita daquel masivo Nunca Máis de dúas décadas atrás. Todo un pobo a exercer a súa dignidade frente ao espolio colonial e depredador que ameza o País.
Esa é, pois, a primeira lectura que compre tirarmos da maré humana do movemento #AltriNon. A de recoñercermos e orgullarmos da capacidade de resistencia e de loita dun pobo galego que non dobra. Que dá a batalla en defensa da nosa terra malia ter en frente grandes poderes con escuros intereses, amparados e alentados sen disimulo pola Xunta do Partido Popular e amplificados, coma sempre, pola mesma artillería de manipulación e propaganda na mediática.
Face ao retrato colonial que nos pinta como un pobo manso e subordinado, a loita contra Altri é máis un exemplo da capacidade das galegas e dos galegos de nos poñer en marcha fronte ao saqueo dos nosos recursos. Un capítulo que se engade á heroica resistencia contra o boom eólico depredador ou contra a nova ofensiva extrativista da que é paradigma a mina de Touro.
Fronte a autoodio de quen, mesmo desde o Goberno galego, pretende facilitar o esquilmado do País, o incontestábel exercicio de autoestima de non dicir que chove cando tentan mexar por nós. Por iso resulta tan patético como inaceptábel que a resposta da Xunta de Alfonso Rueda á macromanifestación do 15D fose directamente insultar a intelixencia das galegas e dos galegos. Tentando presentar, por boca da conselleira Ánxeles Vázquez, esa protesta histórica como apenas un patalexo desinformado e contrario ao progreso, nunha narrativa perfectamente sincronizada co relato dos promotores empresariais da celulosa proxectada en Palas de Rei.
Para alén do máis, a loita contra Altri expresa con rotundidade unha resposta nacional, en chave de País. Na certeza de que o impacto de instalar a macrocelulosa non se limita a súa contorna inmediata, nin tan sequera á ría de Arousa. Estamos perante un atentado contra os intereses xerais da Galiza, que insiste nun modelo de industria de enclave que utiliza os nosos recursos a baixo custo, e con graves consecuencias ambientais, para finalizar os ciclos produtivos fóra sen desenvolver industrias de valor engadido e que teña un efecto tractor na economía galega. O Ulla, que simbolicamente percorreu as rúas de Compostela para acabar desembocando ao pé da Catedral, tornouse xa nun símbolo da Galiza toda.
É precisamente esa resposta en chave de País o que máis nervios provoca no Partido Popular. De aí o seu esforzo inútil (e algo kamikaze) de reducir a loita contra Altri a un contubernio promovido e dirixido polo BNG. Saben que non é certo, malia que sexa o nacionalismo galego (non apenas o Bloque) quen no ámbito político, social, sindical ou ambiental ten apostado desde o inicio por plantarlle cara a esta nova ameaza depredadora a diferenza dos incomprensíbeis titubeos doutras forzas políticas que nesta altura continúan sen se posicionar claramente, como é o caso do PSdeG, alegando “falla de información”.
O seu medo está precisamente en que tras da palabra de orde “Altri NON” hai xa todo un pobo, cunha maré ampla e diversa de colectivos e persoas, que non vai parar até lograr paralos. Que tomen boa nota tanto a Xunta do PP como o Goberno español de PSOE-Sumar (do que depende o financiamento con 250 millóns de diñeiro público que procura Altri): Galiza non vai admitir unha nova Ence.
