Unha nación en marcha

Luís Bará
Luís Bará, deputado do BNG no parlamento galego

A construción da nación galega é un proceso continuo, que comezou a mediados do século XIX e foi acumulando forzas, superando dificultades e modulando os seus ideais e as súas metas. O nacionalismo galego está hoxe nun momento de madurez, de plenitude e de máxima ambición, que é resultado de décadas de loitas e de logros.

Neste ano 2023 en que se conmemora o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos é necesario poñer en valor a inmensa tarefa das xeracións que nos precederon. E especialmente do colectivo único e irrepetíbel que deu a luz as Irmandades, o grupo e a revista Nós, o Partido Galeguista, o Estatuto do 36 e tantas outras arelas queimadas na fogueira fascista do 36.

Aquel tempo de esperanza non desapareceu. Nin a violencia extrema, nin o cárcere, o exilio, o adoctrinamento ou a censura fixeron claudicar o nacionalismo galego. O lume do compromiso seguiu vivo no desterro e volveu agromar en múltiples iniciativas sociais, culturais e políticas.

Somos a herdanza daquela semente. Somos un movemento vivo, orgulloso, digno, con capacidade de resistencia e de creación. E temos por diante a responsabilidade histórica de facer realidade os soños tanto tempo adiados.

Para a tarefa titánica que temos por diante non serven fórmulas fracasadas, receitas esgotadas e falsas solucións que non dan máis de si. Non serven a tutela e a submisión que practican as forzas políticas españolas, que teiman unha e outra vez en atrancar avances concretos como as transferencias da AP9, tráfico, costas, salvamento marítimo ou meteoroloxía.

Non serve degradar o autogoberno e converter a Presidencia da Xunta de Galiza nunha institución teledixirida, correa de transmisión das empresas do IBEX e da axenda reaccionaria da dereita españolista.

Para facerlle fronte aos grandes retos que temos por diante, precisamos superar a resignación, o medo e os complexos de inferioridade. Precisamos coraxe, fortaleza, claridade de ideas e ambición colectiva. Porque a historia púxonos diante un deses momentos extraordinarios, nos que hai que facer grandes escollas e poñerse do lado axeitado: o da maioría, o da xente que máis o necesita, o dos valores humanos, o da democracia, o da equidade, o do pobo e a nación que son a nosa razón de ser.

O nacionalismo galego está preparado para esa tarefa histórica de reconstrución e de transfomación. Somos un movemento político forte, cohesionado, en expansión. Con vontade de ser maioría, de ser decisivo, de dirixir o futuro de Galiza. E tamén con determinación para facerlle fronte nas rúas e nas institucións a quen quere pescar en río revolto.

Estamos no abrente dun tempo novo, no que non valen as receitas económicas e políticas que nos levaron a unha nova crise devastadora. A resposta é xerar futuro asumindo a capacidade de decidir sobre os nosos intereses, promovendo un desenvolvemento autocentrado e respectuoso co medio, creando instrumentos fiscais e financeiros que se convirtan en pancas de modernización e benestar, promovendo a activación dos sectores económicos estratéxicos, afortalando o papel da ciencia e a investigación, xerando equidade e cohesión social e territorial, e poñendo en marcha a grande transformación tecnolóxica e dixital igualitaria da sociedade galega.

É tempo de construir unha nova realidade, unha nova Galiza. É tempo de novas ideas e de novos liderados. É a era da ecoloxía e do feminismo. Da ciencia e da innovación. Dos dereitos individuais e colectivos.

Vaise abrindo paso unha nación imparábel. Unha nación con verdadero poder político, non con un poder tutelado e delegado. Unha Galiza orgullosa, forte, viva e con futuro. Unha nación sen ataduras e sen límites.