Miserias e glorias

Alberto Pazos secretario do PPdeG
Alberto Pazos deputado do PP

Redacto estas liñas ao tempo que se anuncia que todos os grupos con representación no Parlamento de Galicia veñen de rexistrar unha proposición de lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que será debatida na semana de celebración das festas do Apóstolo.

Coa magnífica nova da súa aprobación, verase culminada esta obra de ourivería lexislativa, institucional e política, pulcramente repuxada pola sabia man do Mestre Puy Fraga, home dotado, entre moitas outras virtudes, dunha evidente querenza polo consenso, imprescindible para alumear este acordo .

O leito eterno de Rosalía, de Brañas, de Asorey e Cabanillas, de Castelao e Fontán, será xestionado por unha Fundación que, baixo a Presidencia do Parlamento de Galicia, conformarán Xunta de Galicia, Concello de Compostela e a arquidiocese de Santiago. Autoridades relixiosas e seculares traballarán xuntas no mantemento e dignificación dun templo católico, que transcende a súa significación relixiosa para configurarse nun elemento singular da identidade de Galicia, no que honrar a memoria das “nobres dinidades e os fortes caraiteres que deu Galiza no decorrer da súa Hestoría” ás que aludía Castelao na súa Alba de Gloria.

Ben nos recordaba don Daniel desde o exilio que, “a muñeira de campás, repenicada nas torres do Obradoiro […] anuncia algo mais que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos de brocado, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma”, alentandonos a participar e engrandecer a “festa maor de galiza, a festa de tódolos galegos

A ninguén se lle escapa que a celebración do Patrón de Galicia, ao igual que o Panteón, transcende a significación relixiosa para converterse nun elemento de identidade do noso pobo. É por isto, que a ledicia pola boa nova á que aludía anteriormente, vese tinguida pola tristura que produce coñecer o enfrontamento causado pola decisión da nova Alcaldesa de Santiago de non representar á inmensa maioría dos composteláns na ofrenda ao Apóstolo, amais de organizar unilateralmente un acto alternativo sen contar co apoio da maioría do pleno municipal.

Trascender non pode ser sinónimo de confrontar, nin pode servir de excusa para ignorar as obrigas institucionais propias da alta responsabilidade que se ostenta.

Compostela non pode vivir de costas á catedral ou do seu morador mais ilustre. E a súa principal representación institucional non debera tomar decisións que contradín con claridade os desexos de Castelao, que aspiraba a unha celebración que servise para unir a tódolos galegos. Non semella que a creación dun evento de carácter local que se solapa, intencionadamente, cos fastos do día grande de Galicia, sexa a mellor maneira de contribuir ao xurdimento da alborada de gloria cuxo recordo evocaba o histórico galeguista.

Quero pensar que aínda estamos a tempo de evitar que as pequenas miserías da confrontación política opaquen a magnificencia propia de tan sinalada data, pero será trala publicación deste artigo, cando vostede poderá comprobar se, finalmente, o dialogo imponse ao monólogo, se o sentimento común pesa mais que o interés partidista, ou se a “o portento dunha mañán única” resulta minorado por cativos intereses curtoplacistas.

Namentras, atrévome a recomendarlle que non permita que o ruido lle impida que, “dispois de evocar o repique matutino das campás, poida evocar, igoalmente, hora a hora e minuto a minuto, tódolos lances xubilosos do día, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo a nosa terra embandeirada de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes…”

Ou aínda mellor, abandone a evocación, e sumérxase plenamente no prácido desfrute da nosa Alba de Gloria, dun novo abrente nunha Galicia de todos.

Saúde e terra