Por unha internacional deportiva de clase

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Militante independista

Durante a celebración das recentes Olimpíadas de París 2024 volvemos comprobar a obscena politización que as oligarquías do Occidente capitalista fan dos xogos olímpicos modernos dende a creación dos mesmos a finais do XIX: corrupción, comisionismo e clientelismo na escolla da sede; fomento de modalidades deportivas nas que destacan os estados occidentais e capitalistas (breakdance, surf, monopatinaxe) en detrimento dos deportes dominados polos estados do sur global e os socialistas; diferente tratamento nos controis antidopaxe entre, por exemplo, os deportistas dos Estados Unidos e os da República Popular China; prohibición da participación da delegación da Federación Rusa e de Belarús pero non da do Estado de Israel, protagonista do maior xenocidio do que vai de século XXI; e un longo e aldraxante etcétera.

Como avanzabamos, esta politización e manipulación tendenciosa dos Xogos é algo que se puido observar sen ningún tipo de reparo dende a súa creación. Os pais do invento olímpico, xente da vella nobreza terratenente e da nova burguesía industrial, coidáronse moito de crear unhas regras que afastasen ao proletariado do acceso ao deporte e, en particular, ás olimpíadas, e propiciaren así que só a xente das clases altas e cun alto poder adquisitivo puidesen desfrutar do mesmo.

Foi así, que dende moi cedo, partidos políticos de clase, federacións sindicais, gremios obreiros… e máis tarde, os propios estados socialistas e as democracias populares, procuraron alternativas aos Xogos burgueses para vencer exclusións e permitir á clase traballadora o acceso ao deporte elevando uns valores deportivos de solidariedade e amizade fronte á competitividade e chauvinismo dos olimpismo oficial. Repasemos, logo, algunhas destas disidencias históricas:

Olimpíadas Obreiras. Celebráronse entre 1925 e 1937 organizadas pola Internacional Deportiva Obreira Socialista (IDOS) en Fráncfort (1925), Viena (1931) e Amberes (1937). Tamén se celebrou unha en Praga en 1921 que non foi organizada pola IDOS. A súa finalidade era fomentar o deporte entre a clase traballadora e oporse ao movemento olímpico oficial ao que consideraban excesivamente nacionalista e comercial.

Espartaquíadas. Antes da IIª Guera Mundial celebráronse dúas edicións das mesmas organizadas pola Sportintern: Moscova (1928) e Berlín (1931). Tras a guerra, pasaron a celebrarse paralelamente ás Olimpíadas burguesas entre as 15 repúblicas da Unión Soviética, pasando a chamarse, dende 1956, Espartaquíadas dos Pobos da URSS. Tamén existían as Espartaquíadas da Mocidade e as Espartaquíadas dos Sindicatos.

Olimpíada Popular. Íase celebrar en Barcelona en 1936, organizada polo Comitè Català pro Esport Popular e pola Sportintern como alternativa antifascista aos Xogos de Berlín nos que o movemento olímpico normalizou e deulle visibilidade internacional o réxime nazi. Coma novidade, ía contar cun equipo xudeu e coa participación de nacións sen estado: Catalunya, Galiza, Alsacia… Foi malograda polo golpe coservador-fascista do 18 de xullo.

Xogos da Amizade. Ante o boicot por parte dos Estados Unidos e dos seus países satélites aos Xogos de Moscova en 1980, a Unión Soviética, as democracias populares e varios estados antiimperialistas de Asia, África e América, fixeron o propio cos Xogos de 1984. Celebráronse en varias sedes repartidas polos cinco continentes: Moscova, A Habana, Varna, Ulan Bator, Budapest, Vasovia, Piongyang, Rostock… Un éxito internacionalista.

Catro décadas despois, e en resposta á súa exclusión nos Xogos de París por motivos políticos, a Federación Rusa organizará uns novos Xogos da Amizade en setembro de 2024. Sen dúbida, unha resposta política condicionada pola xeoestratexia. Pero, non é a exclusión de Rusia e Belarús tamén unha resposta política condicionada pola xeoestratexia, pola loita pola hexemonía mundial e un capítulo máis de “politización do deporte” nesta –agora, Segunda– Guerra Fría?

Para alén de todo isto, dende as organizacións obreiras (partidos, asociacións, sindicatos) coidamos, ou deberiamos coidar, que xa é hora de recobrar a iniciativa na recuperación do deporte para as clases traballadoras: dende a base, apoiando primeiro os deportes minoritarios, populares e tradicionais; e abrindo tamén o deporte de elite, moderno e maioritario a todos e todas, sen exclusións de ningún tipo.

E dende aí, camiñarmos cara o restablecemento de eventos multideportivos internacionais alternativos –como foron no seu día as Olimpíadas populares e as Espartaquíadas– nos que poidan participar os pobos, as nacións sen estado e toda a clase obreira mundial, en oposición ao deporte-negocio, á corrupción do COI e dos comités afíns e aos sempre espurios intereses capitalistas. En definitiva, unha internacional deportiva proletaria.