

Chegou o verán, e como non podía ser doutro xeito as listas de agarda para ter unha cita co médico de cabeceira tamén están aquí.
As demoras para ser atendido nas consultas especializadas, de máis de seis meses algunhas, temos que engadirlle máis de quince días para ser atendido polo persoal médico no centro de saúde de Marín. Moitos días a quenda de tarde está sen ningún profesional médico ou con un só.
A consecuencia directa de que non haxa ninguén que che atenda pola tarde non centro de saúde é a saturación do servizo de urxencias do PAC de Marín, ou das urxencias do Hospital Montecelo.
As radiografías aínda que chas fagan ao día seguinte da petición continúan sen ser informadas por un radiólogo.
Mentres todo isto acontece seguimos escoitando nos medios de comunicación afíns ao réxime as bondades do noso sistema sanitario, que seica é o mellor do mundo. Quen quere médic@s tendo os medios de comunicación ao servizo da mentira e a desinformación, que mellor analxésico que un telexornal cheo de loas ao gran líder Feixoo e ao pequeno líder Rueda.
Están desmantelando a Atención Primaria e saturando a atención hospitalaria.
A sanidade pública galega está en perigo de extinción, imos camiño da desaparición dun servizo público fundamental para garantir a nosa saúde. O seu deterioro non só implica unha mala atención, tamén supón un maior gasto en sanidade privada para os que poidan pagala.
E que podemos esperar se os altos cargos do Sergas son escollidos entre os directivos das empresas da sanidade privada, que intereses van facer valer?
Non é casualidade que o irmán do xerente do Sergas sexa director da patronal dos hospitais privados, nin tampouco que o novo director do distrito sanitario de Valdeorras sexa un antigo directivo da sanidade privada ou que a nova directora de recursos humanos da nosa área sanitaria tamén veña do mundo da empresa.
Non é casualidade a relación de moitos cargos do Sergas con Povisa, agora denominada Hospital Ribera Povisa, e o trato de favor que recibe esta empresa para atender malamente a área sanitaria de Vigo.
Limpeza, subministros, esterilización de material, alta tecnoloxía hospitalaria, intervencións cirúrxicas, etc, aos poucos vanse comendo todo. Como di a canción do Zeca “Eles comem tudo, eles comem tudo. Eles comem tudo e não deixam nada”. Están chuchando todo o que poden para deixar o ovo da sanidade pública só coa casca. Mentres enchen os petos das empresas amigas para maior gloria da súa conta de resultados.
Marín, 2 de agosto de 2023
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.