Sáhara Occidental, conflito esquecido

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xurxo Agra. Especialista en política internacional

Tras 29 anos en punto morto, a finais do pasado ano o conflito entre a Fronte Polisario e Marrocos viviu dous episodios de gran relevancia. Por unha banda, o recoñecemento dos EEUU da soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental, como parte do acordo para o restablecemento de relacións entre Marrocos e Israel, e por outra, o Polisario declara roto o alto o fogo acadado en 1991 e decreta o estado de guerra, como consecuencia da represión dunha manifestación de activistas saharauis en El Guerguerat.

Se ben a decisión de Donald Trump, nos seus últimos días de mandato, que convirte aos EEUU no primeiro país en recoñecer a soberanía do reino alauí sobre o Sáhara Occidental, é importante no plano político, o certo é que non ten consecuencias xurídicas, pois vai en contra do dereito de autodeterminación do pobo saharaui, recoñecido en numerosas ocasións polas máis altas instancias internacionais.

O Sáhara Occidental, na costa noroeste de África, é un dos territorios máis escasamente poboados do mundo, cunha poboación que non chega aos 600.000 habitantes. A maior parte do territorio é deserto seco e inhóspito, mais rico en fosfato e ten importantes caladoiros.

Actualmente este territorio é reclamado por Marrocos e o Polisario. Marrocos controla e administra o 80% do territorio, incluíndo a costa e os recursos naturais, separado polo muro máis longo do mundo da “Zona libre” ou “Territorios liberados” controlados polo Polisario.

Tras a independencia en 1956, Marrocos afirma que o “Sáhara español” era parte do Marrocos precolonial, considerándose o lexítimo propietario do territorio, e un ano despois Mauritania tamén o reclama, 3 anos antes aínda de acadar a independencia de Francia.

Entre 1965 e 1972 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adopta 7 resolucións sobre o Sáhara Occidental, recoñecendo en todas o dereito á autodeterminación do territorio. En 1973 crease o Fronte Polisario para rematar co goberno colonial español e loitar pola independencia do pobo saharaui e, co apoio de Arxelia, leva a cabo unha guerra de guerrillas contra as forzas españolas.

Tras ver como as súas aspiracións son rexeitadas pola Corte Internacional de Xustiza, que dictamina que malia os históricos vínculos de Marrocos e Mauritania co Sáhara Occidental, iso non implicaba a soberanía sen o apoio do pobo saharaui, o 6 de novembro de 1975 o rei Hassan II organiza a Marcha Verde desafiando as resolucións internacionais, unha manifestación de 350.000 marroquíes, acompañados por 20.000 soldados, co obxectivo de presionar a España para que lle entregue o territorio. Non atoparon resistencia por parte das forzas españolas mentres avanzaban no Sáhara, mais si considerábel resistencia por parte do Polisario.

Cos “Acordos de Madrid” de novembro de 1975, nos que o Polisario non é convidado, España entrega temporalmente a administración do territorio a Marrocos (⅔ norte) e Mauritania (⅓ sur), que provoca o rexeitamento do Polisario.

O 26 de febreiro de 1976 as forzas españolas retíranse do Sáhara Occidental e o día seguinte o Polisario declara a República Árabe Saharaui Democrática (RASD), que sería admitida en 1982 na Organización para a Unidade Africana (OUA).

En 1979 Mauritania e o Polisario asinan un tratado de paz polo que o primeiro abandona calquera reclamación sobre o territorio, mais a situación é aproveitada por Marrocos que axiña ocupa o territorio deixado por Mauritania.

Tras 16 anos de guerra, Marrocos e o Polisario asinan en 1991 un acordo de alto o fogo patrocinado pola ONU, que recollía que no prazo de 6 meses tiña que celebrarse un referendo de autodeterminación. Tras varios intentos o referendo aínda non se celebrou debido tanto ao inmobilismo e falta de vontade política de Marrocos como á incapacidade da ONU. Marrocos non acepta un referendo que conteña a independencia do territorio como unha opción e existen diferencias en canto ao corpo electoral.

Neste contexto prodúcese a protesta ante a brecha ilegal de Guerguerat no pasado mes de outubro, consecuencia do cansazo e desesperación saharaui, que bloquea o acceso ao paso fronteirizo con Mauritania demandando a convocatoria do referendo. Tras a represión da protesta o Polisario declara o 14 de novembro que o alto o fogo, que propiciou a conxelación do conflito durante 3 décadas, está roto e decreta o estado de guerra.

A decepción e falta de confianza do pobo saharaui é total nas Nacións Unidas e na súa Misión no terreo, Misión de Nacións Unidas para a Organización do Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO), que ven amosando a súa parcialidade e incapacidade de cumprir o mandato do Consello de Seguridade. A MINURSO abandonou a súa misión principal para adicarse exclusivamente ao mantemento do cesamento do fogo, e amosa unha nula resposta ante as violacións de dereitos humanos perpetradas por Marrocos contra o pobo saharaui nos territorios ocupados.

O papel de España, como potencia administradora, foi, e está a ser, lamentábel, xa que o goberno franquista, nos seus últimos días, non cumpriu a esixencia de Nacións Unidas para a celebración do referendo, e desde a morte do dictador pesan máis as relacións económicas e a cooperación contra o terrorismo e a inmigración entre España e Marrocos que os dereitos do pobo saharaui, recoñecidos na Carta das Nacións Unidas e nas resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral e o Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

O conflito languidece mentres o mundo continúa mirando cara outro lado, e ao pobo saharaui, abandonado a súa sorte pola comunidade internacional, que resiste en condicións infrahumanas nos campamentos de refuxiados e farto de agardar por unha solución que non chega, non lle queda máis opción que exercer o seu lexítimo dereito á lexítima defensa e continuar a súa loita de liberación.