Gonzalo é o SX do PSdeG .Nós tivemos unha extensa conversa con el para coñecermos a súa valoración da situación política actual. Velaí vai o que deu de si
“A Xunta carece dunha estratexia para a recuperación económica do país”
“Feijóo debería de comparecer en Vigo e explicar o que está a facer co sector naval, e en concreto co estaleiro Barreras”
Esta entrevista é para falarmos do PSdeG e de Galicia, pero considerando que a facemos o día posterior ás eleccións autonómicas en Madrid, non me resisto a preguntarche pola túa valoración ao respecto do seu resultado?
A min preocúpame moito a conivencia do PP coa ultradereita e a radicalización das posicións dereitistas na comunidade de Madrid. O exemplo de maior tensión e deslealdade durante a xestión da pandemia sanitaria é xustamente o goberno de Madrid. Estas eleccións teñen unha dinámica propia que non é equiparable ao conxunto do estado nin a ningunha outra comunidade
Por que non?
Cando estaba Esperanza Aguirre xa gañaba as eleccións autonómicas con maiorías absolutísimas e iso non significaba nada en ningunha outra parte. En calquera caso debemos aprender desta derrota como de calquera outra
E que lección extraes desta derrota en concreto?
Ben, eu creo que nas etapas de crise as mensaxes extremistas teñen máis fácil entrada nunha parte do electorado que os discursos racionais e sensatos. Xa que logo non queda outra que facer un esforzo de pedagoxía política para chegar mellor. En todo caso, non hai unha única causa que explique o acaecido, polo que cómpre unha análise profunda, recoñecer as debilidades e adaptar a folla de ruta ás novas circunstancias. Temos que ser resilientes.
Hai pouco lía unha entrevista que che facía “ El Progreso” en cuxo titular dicías “A Xunta asistida polo BNG formula que o goberno rouba fondos e vacinas a Galicia”. E, a verdade, o titular lembroume a aquela teoría da pinza , que o felipismo formulaba, suxerindo a existencia dunha especie de fronte común entre o PP e Anguita. Vas facer oposición desa maneira, utilizando a teoría da pinza PP-BNG?
Eu o que digo é que tanto o PP como o BNG opuxéronse aos orzamentos do estado máis solidarios, máis progresistas e máis necesarios nun momento histórico terriblemente difícil. O PP e o BNG , cunha orientación ideolóxica distinta claro está, marcan a súa acción política no discurso da confrontación co estado. Eu creo que debemos de defender os intereses de Galicia con firmeza pero sen caer en posicións populistas ou demagóxicas. Eu teño un proxecto para Galicia: de esquerdas ,galeguista, feminista e verde. Non son nacionalista, pero respecto ao bloque. Agora ben, neste asunto convertéronse nun partido inútil para Galicia e a miña responsabilidade é dicirllo.
Dime algún exemplo concreto no que a acción política do goberno do estado beneficiase os intereses de Galicia?
Pois a histórica rebaixa de 63 millóns de € en bonificacións para circular pola AP9 que van permitir que todas as viaxes de volta sexan de balde e que as de ida para os viaxeiros recorrentes redúzanse un 20%.Asemade da gratuidade do tramo Vigo Redondela e da redución ao 50% entre Porriño e Tui. E é un goberno socialista o que fai esa rebaixa nas peaxes para os próximos 27 anos
Esa rebaixa nas peaxes, que aínda non chegou, é mérito só do partido socialista?
É unha decisión do goberno progresista que lidera o partido socialista. O PP e o BNG votaron en contra dos orzamentos e sen orzamentos non podería haber rebaixa.
Supostamente ese goberno tamén está considerando tomar a decisión de cobrar peaxes nas autovías?
Eu creo que para Galicia o modelo que debemos de aspirar é o da redución das peaxes, non o da ningunha peaxe adicional
En relación á supresión dos beneficios fiscais nas declaracións conxuntas do IRPF, cal é a túa opinión?
Neste momento a prioridade é facer políticas expansivas baseadas no público para xerar emprego. E non creo que sexa adecuado un cambio tributario que poida prexudicar ás familias modestas
Falando de emprego, como valoras a EPA do 1º trimestre?
Mentres no conxunto de España os datos foron positivos. En Galicia o incremento do desemprego foi terrible
Por que?
Feijóo errou na súa estratexia de salvar o Nadal e os efectos desastrosos desde o punto de vista sanitario da 3º onda estanse notando agora no que ao emprego se refire
Falemos dos fondos Next Generation?
España fixo unha boa negociación para conseguir unha importante cantidade de fondos. Neste momento estase traballando a estrutura de canalización deses fondos. Pero a Xunta carece dunha estratexia para a recuperación económica do país. No que atinxe a estes fondos o que fai e dar bandazos. A aprobación nun consello da Xunta de 300 e pico proxectos sen convocatoria non ten ningunha validez legal. Eu téndolle a man a Feijóo para buscar unha estratexia para reactivar Galicia
Antes falábasme dun proxecto para Galicia baseado na socialdemocracia o galeguismo o ecoloxismo e o feminismo. Cal é a vía para que o teu proxecto poida ser maioritario na sociedade galega?
En abril do ano pasado nós avanzabamos a un escenario no que estabamos en condicións de liderar o cambio político en Galicia, cando chegou a crise da COVID que o mudou todo. Entón tivemos unha convocatoria decidida unilateralmente por Feijóo cunha abstención histórica ata un 48% do censo, e perdemos a oportunidade. Feijóo aproveitou o tempo da pandemia para monopolizar as canles públicas e conseguiu manter a maioría absoluta. O camiño polo que me preguntas é máis e mellor traballo con propostas serias sen caer na demagoxia nin no populismo. Non é posible un cambio político sen que exista un PSdeG forte.
Cal é a túa posición en relación a Alcoa?
No caso da planta da Coruña eu creo que a recente intervención xudicial é unha boa nova para preservar o seu patrimonio ,recursos e que poida ter viabilidade. No que se refire á de San Cibrao conseguise que a multinacional se sentase nunha mesa para poder vender a planta. Hai varios inversores solventes que teñen amosado o seu interese. É necesario que o goberno do Estado a Xunta e o comité de empresa manteñan a unidade para gañarlle á multinacional
A única vía de solución e a venda?, non contemplas a nacionalización?
Eu contemplo unha intervención por parte da SEPI que apoie que un inversor que coñeza ao sector poida garantir a viabilidade. Non descarto nada, pero tampouco quero caer na demagoxia que fai o nacionalismo que ten apostado por nacionalizacións de ducias de empresas en Galicia cada vez que están en crise.
En relación a Ence cal é a túa posición?
Ese problema está xudicializado e hai que agardar a ver se a prórroga que lle concedeu Rajoy en tempo de desconto é legal ou non. O partido socialista respectará esa sentenza xudicial. Eu entendo que debemos traballar no escenario de que poida haber outra ubicación válida pois Pontevedra e a súa contorna non son proclives á permanencia de Ence onde está agora.
O naval vigués está morto, ou ten solución?
Estou moi preocupado polo sector. A Xunta que ten as competencias na política industrial non as exerce en beneficio da estabilidade do naval. O único que fixo Feijóo foi a foto con Pemex que acabou como acabou, e agora están nun desleixo perigosísimo. En Barreras o actual propietario non di con claridade o que quere , pero a Xunta ante esta situación de indefinición non pode mirar para outro lado. Feijóo debería comparecer en Vigo e explicar o que está a facer co sector naval e en concreto co estaleiro Barreras
E sobre o asunto eólico que opinas?
Enerxías renovables si, pero non así. É esencial facer unha xestión ordenada e respectuosa co medio natural á hora de establecer os parques eólicos e distribuír as plusvalias que xeneran de maneira equilibrada para beneficiar aos veciños e aos concellos.
Que pasa en Ourense?
O partido socialista pode falar con orgullo de Vigo, Lugo, Coruña, Ferrol, Santiago, Redondela, Gondomar, Baiona, Nigrán….Feijóo cando mira para as cidades galegas só pode falar de Jácome. O de Ourense foi o pacto da indignidade. E a falta de vontade que ten o PP para rectificar é absolutamente lamentable.
E de Ribadavia tamén pode falar con orgullo o PSdeG?
Por suposto que si. A moción de censura que fixemos era moi necesaria
Cando me comentaches os 4 eixos esenciais sobre os que queres artellar a acción política do PSdeG e deixaches fóra algo que para min é moi relevante; o idioma. Seguro que coñeces os estarrecedores datos do seu uso entre as xeracións máis novas que indica o instituto galego de estatística. Por outra parte seguro que sabes tamén que unha lingua na que se rompe a cadea de transmisión xeracional non ten ningunha posibilidade de sobrevivir. Cal é o proxecto do PSdeG para evitar a morte do idioma galego como lingua de uso habitual?
Ben, o noso estatuto cumpre agora 40 anos, do que eu me sinto especialmente orgulloso. O texto legal estableceu a relevancia do galego como a lingua propia do noso país. A súa reforma debe de ser unha canle para que as xeracións máis novas reforcen o seu compromiso coa nosa lingua. Por outra parte para o PSdeG é esencial incorporar o idioma galego nos hábitos sociais das xeracións máis novas. En calquera sitio no que haxa demanda dos mozos e mozas, o galego debe de estar e debe de ser útil
A finais deste ano ou principios do seguinte teredes congreso no PSdeG. Como estás de ánimos e ilusión?
Estou moi forte moi ilusionado, e con toda a vontade do mundo para ser útil ao pobo galego
Prevés que che poidan presentar un candidato/a alternativo?
No perdo un segundo niso. Todo o meu esforzo e traballo é contribuír a que este gran partido sirva a Galicia como fixo en toda a súa historia. Síntome plenamente apoiado pola militancia