Elvira Iglesias, Colectivo de Xubilados, Xubiladas e Pensionistas da CIG

Elvira Iglesias Colectivo de xubilados xubiladas pensionistas CIG

Nas persoas de menos de 50 anos hai un moi preocupante descenso do interese pola mobilización e o compromiso sindical”

O colectivo de pensionistas da CIG ven de nomear a Elvira Iglesias, unha histórica militante do sindicalismo nacionalista, como responsable de relacións cos medios de comunicación. E alá fomos nós a coñecer a unha persoa cunha inmensa historia na defensa dos dereitos de traballadoras e traballadores

Elvira, que cargo ocupas dentro do colectivo de xubilados e xubiladas da CIG?

Non ocupo ningún cargo, formo parte do colectivo e nomeáronme responsable de relacións cos medios de comunicación da comarca de Vigo.

Ti levas moito tempo de activismo sindical e niso de ser responsable de algo xa tes experiencia, non?

Fun unha das fundadora do Sindicato Galego de Sanidade no ano 76, despois integrámonos na CXTG e máis tarde na CIG. Toda a miña vida formei parte da militancia sindical e no “Movemento Cidadán”. Fun presidenta da xunta do persoal do Chuvi uns anos, e formei parte do Comité de Empresa. Xa comecei a facer sindicalismo antes de que existiran os sindicatos como delegada de asemblea.

E por que?, xa tiñas conviccións ideolóxicas que ían por ese camiño, ou foi pola túa experiencia no mundo laboral?

Eu comecei a traballar no SERGAS con 22 anos e antes estivera traballando nunha fabrica de gorros alemá na Zona Franca, pero aí estiven pouco tempo. Nesta fabrica houbo un problema laboral e aí xa confrontei coa empresa. Despedíronme porque como aínda non tiña os 21 anos non podía ser delegada sindical como querían as miñas compañeiras e así comecei o meu camiño sindical.

E como reaccionaron daquela as túas compañeiras cando te despediron?

Pois o normal daquela época, non fixeron moito. Daquela levabamos unha educación católica e mesmo eu, ata os 20 anos ía a misa. Foi cando me incorporei ao mundo laboral cando comecei a ter conciencia sindical.

Cando eu estudaba na Universidade, a miña xeración estaba moi ideoloxizada. Lembro debates na universidade entre Maoistas, Trosquistas, Leninistas, sobre matices ideolóxicos que agora nin por asomo se entenderían. A mocidade de hoxe en día é moi diferente, creo eu. Non está moi lonxe da loita política e sindical?

Non só a mocidade, a sociedade en xeral. Eu xa quedei moi desencantada cos últimos anos da miña vida laboral. Cando convocaba algunha concentración ou asemblea, a xente xa non participaba e logo aínda se atrevían a recriminarche que non facíamos nada. Para que os delegados sindicais, os comités de empresa e os sindicatos teñan forza e poidan conseguir melloras, temos que ter aos compañeiros e compañeiras detrás apoiando, senón é imposible.

Eu pasei oito días e oito noites pechada no antigo Hospital Xeral e grazas a isto o Hospital Meixueiro está aberto, paralizamos a privatización do Arquivo… Todo isto sen o apoio dos compañeiros e compañeiras non podería facerse.

Vexo que na franxa dos 50 anos para abaixo hai moi poucas ganas de mobilizarse e iso é un perigo para o futuro das novas xeracións. Aquí temos que tirar todos do mesmo carro, desde as novas xeracións de estudantes e traballadores ata os pensionistas e xubilados.

Como e cando chegas ao Colectivo de Pensionistas da CIG?

Ao pouco de xubilarme, hai uns sete anos.

Houbo unha reunión de pensionistas con catro ou cinco persoas. Estaba Xose de Salvaterra, Blanco de Correos, xente do Metal… Aquí convencéronme e entrei no colectivo. Eu ao principio non quería, xa estaba cansa de todos os anos de loita e mesmo pasei pola cadea onde estiven tres días presa.

Caramba, e cando foi ese episodio?

Isto sucedeu hai uns 36 anos polo peche do Hotel Niza. Estiven no cárcere de mulleres de Pontevedra. Aquelo era inmundo

Vaia, canto que contar… Fálanos agora da actividade principal que desenvolve o colectivo?

O noso colectivo ten unha razón de ser: loitar polo benestar dos pensionistas e dos xubilados. Comezamos a nosa loita contra o Copago da Seguridade Social polos medicamentos, antes era totalmente gratuíta e agora pagamos un 10%. Seguimos loitando contra os recortes das pensións do PP cun mísero 0.25% de subida. Agora estamos loitando por unhas residencias para maiores dignas, públicas e axeitadas para o benestar dos nosos. Xa comezamos con esta loita moito antes do Covid, pero agora, se cabe, hai que pelexar moito máis, xa se viu as súas deficiencias nesta pandemia e na de mortes que nos deixou no fogar dos anciáns, loitamos por dignificar o SAF..

Como tratades de concienciar á maior cantidade de xente posible?

Facemos postos informativos en zonas de especial afluencia de xente. E cando temos algunha campaña concreta recollemos sinaturas

Despois de toda unha vida traballando, nas rúas e na loita. Non estades cansos? tedes forzas para seguir?

Claro que estamos todos cansos, pero se as novas xeracións que temos detrás non se moven e non loitan, temos que facelo nós. Si eu dentro duns anos teño que rematar a miña vida nunha residencia, quero que sexa nun sitio digno.

Que receptividade atopades na sociedade en xeral ?

Cando saímos á rúa a pedir sinaturas, a xente nova asina case sempre. A xente maior tamén asina bastante, pero aquí xa escoitamos de todo, mesmo insultos ou comentarios de todo tipo. Pedindo firmas si que notamos apoio pero cando convocamos unha concentración asiste moi pouca xente, os poucos que somos temos que estar en todas partes.

Como anécdota moi bonita e emocionante: o outro día un Sr. duns 60 anos que estaba coidando a súa sogra con Alzheimer, acercouse a nós no mercado do Calvario e regalounos unha caixa de bombóns para darnos as grazas por todo o que estabamos facendo. Isto reconforta e dáche ganas de seguir coa loita.

Que bonito! E se pasa o contrario, se estás loitando na rúa e o que recibes é un insulto? Eu creo que non sería capaz de calarme e respondería.

Se me collera coa túa idade, posiblemente menos bonito, contestaría de todo. Pero cos anos eu fíxenme máis fría e cando me pasa, o que digo con educación é: Mire, non me siga falando, vostede siga o seu camiño que eu quedo aquí. E que se te pos a berrar e a súa altura non facemos nada.

Perdoa Elvira, pero non me resisto a preguntarche polo teu compañeiro Triqui, que nos acompaña neste conversa. Non me podo crer, coñecéndoo como o coñezo, que el cale ante unha provocación ou un insulto?

Non, ha ha ha ha ha ha. O que fai Triqui é intentar comerlle a cabeza e a esa xente non merece a pena perder tempo falando con ela, xente repugnante e repulsiva con ese discurso non merece a pena para nada.

No ano 2019 o voso colectivo recibiu o premio “Toda unha vida dedicada ao compromiso social” na III Gala de A Nova peneira. Temos o costume de que o último gañador entregue o premio ao da seguinte gala. Esta gala tiña que ser no ano 2021 pero por cuestións obvias aprazouse para 2022. Ti na gala do 2019 non puideches estar, contaremos contigo para a próxima.

Si, na seguinte si que estarei, comprométome a asistir.

Eu teño 51 anos, conto poder xubilarme aos 67. Cando me xubile gustaríame formar parte do colectivo de pensionistas e xubilados da GIG. Seguirá existindo a 16 anos vista?

Para que isto poida suceder, é necesario que haxa máis xente nova que se incorpore á loita e a mobilización sindical, senón non vai ser posible. Se a xente nova non se move agora, non vai a chegar a traballar o tempo necesario para poder cobrar a súa pensión. Nós xa temos a nosa pensión asegurada pero estamos a loitar para o futuro das xeracións novas .