Paco Ferreira Alcalde de Gondomar

Paco Ferreira Alcalde de Gondomar

O alcalde de Gondomar afronta o seu segundo mandato nunhas circunstancias aritméticas moi diferentes ao primeiro no que tivo que conformar un goberno tripartito con Manifesto Miñor e con CABE, pois nas eleccións do 2.019 as veciñas e veciños déronlle a confianza maioritaria en forma dunha cómoda maioría absoluta. Nós achegámonos ata o concello miñorano e mantivemos unha ampla conversa co seu alcalde para coñecer a súa visión da actualidade política na súa localidade. Velaí vai o que deu de si

ESTOU MOI CONTENTO PORQUEN GONDOMAR NON PARA DE MELLORAR.E, AO FIN E AO CABO, É POLO QUE ESTOU EN POLÍTICA: CONTRIBUÍR, CON HUMILDADE, AO BEN COMÚN”

A nova que saíu en prensa referente a que o proxecto de facer un parque eólico no Galiñeiro está desbotado, tela confirmada alcalde?

Oficialmente non. O concello non ten ningún comunicado oficial a data de hoxe, 6 de maio, aínda que por distintas declaracións de representantes do goberno galego sabemos que desisten da súa intención de facer un parque eólico no galiñeiro. É certo que desde hai meses temos indicios de que isto podía rematar así

Que tipo de indicios?

Distintas conversas que teño tido con diversos representantes tanto da administración como de empresas do sector. A oposición veciñal foi moi forte, todos os gobernos que teñen relación co Galiñeiro opuxéronse, a proximidade do aeroporto e o interese empresarial non demasiado elevado sumaron razóns que explican o resultado final. Neste caso creo que é de xustiza salientar o traballo incansable da comunidade de montes de Vincios en prol da conservación deste marabilloso patrimonio natural para as xeracións futuras

Ben, e ti tamén mantiveches unha posición firme contraria ao parque eólico no Galiñeiro?

Eu, con toda a humildade, digo que só son un veciño máis, que estea na posición que estea quero contribuír ao ben común do meu pobo. E conservar o patrimonio natural máis importante que ten Gondomar para os que veñan detrás é a mellor herdanza que lles podemos deixar. No noso pobo fixéronse 3 plenos para amosar o rexeitamento rotundo ao parque eólico do Galiñeiro. E o alcalde ten que defender con firmeza a vontade colectiva da maioría da súa veciñanza. Non entendo a política doutra maneira

No ámbito competencial do concello vaise outorgar algún tipo de protección ao monte Galiñeiro?

Na redacción do plan xeral a máxima que nos permite a lei como espazo natural

A Xunta fixo algunha obxección ao respecto desta protección na redacción do voso plan xeral?

Non, curiosamente non. Este é outro indicio que me levaba a pensar nunha resolución positiva deste tema

Falemos da pandemia: hoxe , 7 de maio, Gondomar está novamente nun nivel de restricións alto. Un golpe moi duro para un sector que vive en situación de angustia permanente?

Si, a verdade é que si. Agardo que pronto se poida normalizar a situación. Tivemos un pico de 37 casos e xa estamos en situación descendente. Ben é certo que moitos deses casos saltaron a raíz dun cribado masivo e aleatorio que se fixo en Gondomar. Non cabe dúbida que para o sector é moi duro, pero eu quero ser moi leal coas distintas administracións nun tema tan sensible como este e non quero politizar na batalla contra o virus que debemos librar todos xuntos para que se acabe o antes posible

Explícanos o de “ ningún bar de Gondomar sen terrazas”?

É unha maneira que ten o concello de axudar á hostalaría, facilitarlle a ocupación racional do espazo público para que poidan ampliar as súas terrazas e minimizar, no que se poida, o impacto das restricións.

Sen cobrar ningún tipo de taxa?

Efectivamente, non lle cobramos nada. Eu creo que a administración debe de ser flexible para axudar a quen o necesite. E é evidente que a hostalaría precisa axuda. Somos conscientes tamén de que hai que compatibilizar espazos , deixar que os nenos xoguen, non molestar aos viandantes pero con boa vontade, civismo e respecto gañamos todos.

O concello estableceu algún tipo de axuda directa alén do das terrazas aos sectores máis prexudicados?

Si, á hostalaría, pequeno comercio, autónomos e auto taxi .Habilitamos unha partida de 100.000€ .Establecemos unhas bases, abrimos un prazo de presentación de instancias que rematou o 30 de abril. E pronto nos sentaremos a comisión de valoración para repartir as axudas

Que orientación temporal aproximada poden manexar os beneficiarios para contar cos cartos nos seus petos?

Eu conto con que a finais de maio xa teñan os cartos no seu poder. Aproveito para informar que xa estamos habilitando unha segunda partida de axudas de 50.000€

Tiveches o apoio económico doutras administracións?

Só da deputación de Pontevedra en forma de dúas axudas ao marxe do plan concellos. Unha de 20.000€ e outra de 40 e pico mil. Todo o estamos sacando de recursos propios e os concellos estamos chegando xa ao límite.

Antes dicíasme que querías ser leal coas distintas administracións e non politizar sobre a xestión da pandemia. Ti, esa lealdade sentíchela nos grupos da oposición municipal?

Non, por desgraza non o sentín así. Non sentín o seu apoio, todo o contrario. Sentín que a oposición levou á lameira un tema no que só cabía a unidade e a lealdade.

Recordo Paco cando no teu primeiro mandato o BNG estaba fóra do Concello terme dito ti a min, que eras consciente de que o nacionalismo galego tiña un espazo na realidade social de Gondomar, e que a ti che gustaría que estivesen no Concello. Por que se deteriorou tanto a relación co BNG?

Creme Tino. Son consciente de que o BNG representa a parte da sociedade de Gondomar e eu alégrome de que estean no concello .E creme tamén que o BNG non está no noso goberno porque non quixo. Eu tendinlle a man a Manuela para que formase parte do goberno e non aceptou.

Pero por que se deteriorou tanto a relación con Manuela?

Eu non teño mala relación con ela. Agora ben que se me acuse de faltarlle o respecto ás mulleres é radicalmente falso

Ti faltácheslle ao respecto á voceira do PP naquel pleno que desencadeou todo?

Non, rotundamente non, radicalmente non. Mira, no meu interior só estou eu e as miñas palabras poderanse interpretar ben ou mal, pero o sentido con que son pronunciadas só o sei eu e ninguén máis ca min. Esa persoa que mencionas meréceme un respecto escrupuloso, absolutamente igual que calquera outra concelleira ou concelleiro, xa sexa do goberno ou da oposición. Eu só lle dixen que parecía non ter preparada a moción que lía, pero no meu ánimo non estaba faltarlle ao respecto como ser humano, nin moito menos minusvalorala pola súa condición de muller. Iso é unha falacia que en absoluto responde á realidade.

Volvendo a Manuela. Pórlle unha querela non é desmedido?

Vamos ver ; o BNG fixo buzoneo cun panfleto seu no que se me acusaba de machista e pouco menos que de que maltrataba psicoloxicamente ás mulleres. E eu entendo que o agredido son eu, pois iso son acusacións moi graves que para nada responden á realidade. Son acusacións que as ve a miña familia os meus veciños e as persoas que me queren. E o panfleto non é resultado dun acto concreto no que un pode quentarse. Eu iso podería entendelo e ata desculpalo. Foi un acto consciente. O que fixen eu foi darlle oportunidade de desculparse, e non o fixo. Entón presentei un acto de conciliación no xulgado

De que maneira teríaste dado por satisfeito?

Era moi sinxelo, se tiveran retirado as acusacións. Pero o BNG non se presentou á conciliación, presentou un escrito o seu avogado no que manifestou que iso forma parte do debate político. En calquera caso eu manifesto o meu respecto a Manuela e e a miña vontade conciliadora para co BNG tendéndolles a man para pechar este asunto e traballarmos xuntos.

Tes algún tipo de problema coa participación veciñal?

Ningún en absoluto. Todo o contrario, estou encantado de relacionarme co amplo tecido asociativo que posúe Gondomar e de traballar en conxunto con todas e todos eles.

Explícanos o acordo que fixestes coa asociación “proyecto gato”?

Pois eles son unha asociación que se instalaron en Morgadáns e eu creo que fan un gran traballo identificando e alimentando ás colonias de gatos e con distintas campañas de castración. Eu téñolle visto traballar nas rúas do Concello xa ás 7 e media da mañá. Nós apoiámoslles cunha subvención porque estamos moi satisfeitos co traballo que fan.

Ben, imos falar das eivas históricas de Gondomar: O transporte?

O eterno problema do transporte público en Gondomar, que polos problemas entre as dúas empresas obrigaba ao viaxeiro a baixarse en Mañufe e vir a pé, acabouse. Agora só hai unha empresa que opera en toda a comarca e aquel problema rematou. Os prezos abaratáronse e o servizo mellorou. Agora ben é necesario seguirmos avanzando e cubrir máis lugares dos que se cobren. Eu manteño un diálogo constante coa empresa para mellorar todo o que se poida mellorar. De feito agora temos unha incidencia pois se lles quere facer pagar aos nenos do instituto e nós pelexaremos porque non sexa así.

A pasaxe?

Marcha ben. Temos aprobado o proxecto sectorial e o proxecto de urbanización e temos xa nomeado ao director das obras que vai ser Fernando Guitián

O ex alcalde?

Si. Un enxeñeiro moi competente .Estamos á espera dun informe do arquitecto municipal e a ver se a finais de maio podemos adxudicar á empresa que se encargue da primeira fase e comezar as obras o antes posible.

O plan Xeral?

Temos aprobado o informe do impacto medioambiental. A Xunta mandounos facer unhas rectificacións non moi grandes que xa están resoltas.

Acabamos preguntándoche polo teu estado anímico?

Eu estou moi ben animado e ilusionado porque vexo que Gondomar mellora constantemente. Non paramos de facer cousas que serven para facer mellor a vida dos veciños. E ao fin e ao cabo é polo que eu estou en política : contribuír, con toda a humildade, ao ben común da veciñanza do meu querido pobo. Eu sinto o apoio das miñas veciñas e veciños cando estou na rúa, algo que agradezo que me emociona e dáme folgos para seguir.